A Coruña: Congreso de Narrativas 2024


O Congreso de Narrativas, actividade da AELG que conta co apoio da Deputación da Coruña, CEDRO e o Centro Ágora, é un encontro cuxa finalidade é a de dotármonos dun espazo de reflexión sobre a situación do sistema literario no que estean presentes aqueles temas que preocupen ás escritoras e escritores.

Terá lugar o vindeiro 14 de decembro na Aula 9 do Centro Ágora da Coruña (Avenida Gramela). A asistencia é libre e gratuíta. As persoas interesadas deberán anotarse até o mércores, cuarta feira, 11 de decembro, no correo electrónico: oficina@aelg.org

Agardamos poder contar coa túa participación, para así determinarmos da forma máis plural posíbel as conclusións que nos permitan establecer as liñas de traballo a seguir nos vindeiros anos. Este é o programa previsto:

Sábado 14 de decembro

Presentación 10.15h 

Mesa 1 10.30h-12.00h
Outras narrativas: historias e relatos na rede, na prensa e no audiovisual
Relatoras/es: María Yáñez, Ismael Ramos e Álvaro Gago
Modera: Berta Dávila

Pausa café 12.00h-12.30h

Mesa 2 12.30h-14.00h
Moito conto: contar o mundo que soñamos
Relatoras/es: Lara Dopazo, Xabier Paz, Xurxo Borrazás e Santiago Jaureguizar
Modera: Xavier Queipo

Mesa 3 16.30h-18.00h
O mundo na palma dunha man
Relatoras: Marica Campo, Érica Esmorís e Fina Casalderrey
Modera: Beatriz Maceda

Pausa café 18.00h-18.30h

Mesa 4 18.30h-20.00h
A narrativa galega máis nova: temas, enfoques e perspectivas
Relatoras/es: Sica Romero, Fabio Rivas e Alba Guzmán
Modera: Xosé Monteagudo

Peche musical 20.00h
A Lingua do Eléctrico
Lois Pérez

Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Abraham Pérez presenta a súa última obra Gaivotas manchadas de petróleo

Entrevista de Jessica Fernández a Abraham Pérez en Lugoxa:
“Nado en Lugo en 1990, Abraham Pérez estudou Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela, sendo a súa inquietude tan fonda que cursou tamén o mestrado da mesma disciplina, sendo neste momento investigador e profesor no ensino secundario.
Vencellada a estes intereses e inquietudes existenciais de entender a realidade, xorde a súa paixón pola lectura e pola escritura, polo que en 2020 publica a súa primeira obra en galego Fragmento/Creba (Editorial Galaxia, 2020) como parte dun “proxecto literario con varias partes que se reflicte en distintas obras”. O primeiro poemario que publicou acolle “toda esta concepción poética centrada na época actual, xa que unha das cuestións que máis me preocupan é comprender os tempos nos que vivimos”, explica Pérez. Así, con esa pulsión filosófica e científica, xorde a parte literaria. “As obras literarias tratan aspectos da realidade que non acaban de encaixar ou non se tematizan totalmente pola súa forma desde a filosofía e a ciencia”.
A partir dese punto, empezou a xurdir na mente do escritor outro poemario que se materializou como unha teoría para os espectros (Toxosoutos, 2021: gañador do 2º premio do III Certame de Poesía Torre de Caldaloba). “Nese poemario indaguei nas mesmas cuestións ontolóxicas, pero de forma diferente, profundando na construción do eu lírico”. O terceiro, publicado en 2022 baixo o nome de O corpo transparente das horas (Editorial Galaxia, 2022), seguiu a liña de pensamento aberta nas obras anteriores, “sendo textos independentes, pero que teñen unha relación entre si moi íntima”, explica Abraham Pérez.
O seguinte texto, Sacho de seda (Menino Morreu, 2023), foi de estilo “máis pop”, xa que é “un texto que trataba de conxugar o interese de masas, relacionado co Club Deportivo Lugo”. Así, é un texto sociolóxico que conta a vivencia da afección lucense dentro dun deporte corrompido polo capitalismo. “Ademais, trata aspectos como a identidade colectiva e individual, a clase social, coa cidade de Lugo de fondo. E coas mesmas coordenadas de pensamento dos poemarios”.
Pola súa parte, O paso en falso (Editorial Galaxia, 2023: Finalista do XXXIV Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega) é unha novela “que ten diferentes capas e que se pode ler de moitas maneiras. A aparente facilidade de lectura que posúe pode levar a pensar que é literatura xuvenil, mais as chaves son outras completamente diferentes, como nese toque posmoderno e paródico que bebe de referencias doutros autores como Otero Pedrayo ou, claro, James Joyce”, explica o autor.
Finalmente, a obra que presentada no Vello Cárcere, Gaivotas manchadas de petróleo (Menino Morreu, 2024), “é como unha especie de diario, un texto de acompañamento que forma parte de anotacións e preocupacións que un vai tendo ao longo de moitos meses, sobre todo durante os anos 2020 e 2021. Digo de acompañamento porque foise creando mentres xurdían outros proxectos que se foron escribindo”. Con todo, destaca que son textos “que se xuntaron nun texto máis grande, por iso ás veces ten esta vertente de diario e outras teñen máis de ensaio”. Ademais, ten aspectos poéticos, ensaísticos e narrativos, cun pouco de humor e parodia e incluso ficción. “Quixen xuntar textos que escribín con ficción e a desordenar esa colocación cronolóxica. Empecei a eliminar esa parte ancorada e a xogar con esta idea, e xurdiu un texto que se desborda en si mesmo”. Ademais, inclúese un manifesto con pezas poéticas que aparecen nos poemarios unha teoría para os espectros e o corpo transparente das horas, utilizados para unha intervención artística na Fundación Eugenio Granell en colaboración coa galería de arte NÉBOA. “Este texto serve para xogar cos manifestos de comezos do século XX, das liñas da vangarda e comprender a época, a clase social, as referencias culturais… Unha das chaves para poder entenderse é facer unha interpretación dos produtos culturais da época. Tratar de verter para fóra e ler o que hai para comprender e que o resultado diso emane como un elemento do material literario”, sostén.
En definitiva, toda a obra de Abraham Pérez é un proxecto aberto. “Hai cousas por vir. Utilizar liñas ensaísticas, poéticas e narrativas tivo sentido para ler obras independentes, pero un vai construíndo un proxecto literario no que todas as pezas van encaixando. O que intento é construír un continuo, pasando por puntos que me interesan; un xogo en espiral e como todo iso se vai materializando como elementos de pensamento e elementos literarios. Un xogo constante entre a forma e o contido”, argumenta. (…)”