Arquivo da categoría: Narrativa
Vigo: Teresa Moure presenta Um elefante no armário
A terza feira, 23 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102), en Vigo, Teresa Moure presenta Um elefante no armário, publicado por Através. No acto, xunto á autora, participan Brais Arribas e Ramón Nicolás.
Montse Fajardo: “As mulleres maltratadas non teñen culpa de nada. Só deron cun tipo que resultou ser un criminal”
Entrevista de Montse Dopico a Montse Fajardo en Praza:
“(…) – Praza (P): Foi unha proposta túa, da concellería de Igualdade [Invisibles]…?
– Montse Fajardo (MF): As dúas cousas, en realidade. Unha vez estaba falando en facebook sobre o libro que publiquei antes deste, Un cesto de mazás, que fala sobre a represión franquista desde o punto de vista das mulleres. Unha amiga preguntoume que cando ía facer un libro sobre a violencia machista e eu pensei que si, claro, que tiña que facelo. Comenteino un día no concello de Pontevedra coma un proxecto a facer a longo prazo. A idea chegou aos ouvidos de Carme Fouces, a concelleira de Igualdade, e un día díxome: “vas facer ese libro, pero para a campaña do 25 de novembro”. A min non me parecía posible porque tiña só seis meses, pero tiven a sorte de formar parte dun equipo no que estabamos Carme, Rosa Campos, que é a psicóloga do Centro de Información á Muller do concello, e eu, e finalmente si foi posible.
Tiñamos claro que o obxectivo era escoitalas a elas, que elas fosen as protagonistas. Tamén que no libro debían aparecer as distintas tipoloxías de maltrato: o físico, o psicolóxico… e que tiña que levar un foco especial nas criaturas. E que había que darlles visibilidade non só a elas, senón aos maltratadores. Porque non pensamos neles, mais calquera podería ser: o profesor do teu fillo, o condutor do autobús, o panadeiro que che vende o pan todos os días… Tiñamos que tentar visibilizar unha serie de condutas que acaban levando á problemática da violencia machista. (…)
– P: Hai unha reflexión moi importante que sae no relato de Ana. “Estudan o perfil psicolóxico da vítima. Pero ti non es vítima porque encaixes no papel. Es porque deches cun criminal”.
– MF: Penso en Eva, por exemplo. Unha muller intelixente, culta, guapa, co seu propio negocio… Unha muller que chama a atención. Pois comeza a contarche as malleiras que levaba… Ela non tiña dependencia económica del. Tiña dependencia afectiva dun tipo que pasou de aparentar ser un home marabilloso a ser o peor. Cando me contou que, dez días despois de que el lle rompese un brazo, lle desprazase dúas vértebras e lle rompese o tímpano, ao volver atoparse con el, ouriñouse enriba, comprendino. Paréceme unha imaxe devastadora. Ela estaba psicoloxicamente devastada.
Non hai perfil de vítima. No libro hai mulleres de distintas idades, do rural e da cidade, de distintos niveis de estudos, moitas delas son independentes economicamente… É algo que pode pasarlle a calquera e é moi importante dicilo, porque elas pensan que foi culpa delas por ser parvas, por escoller mal, porque tragaron demais, porque lles contestaban e iso facía que eles se enfadasen, porque non fixeron caso das alarmas cando comezaron a notar cousas que non encaixaban… E todo iso é moi inxusto. Igual que dicir que é culpa delas por escoller homes que van de duros. Hai maltratadores que son, de cara para fóra, homes moi tranquilos, bos veciños…
As mulleres maltratadas non fixeron nada mal. O único que lles pasou é que namoraron daquel tipo que parecía marabilloso e que resultou ser un criminal. É o maltratador o que fai mal. Ti non fixeches nada. Hai que deixar de xulgar as vítimas. A Ana un amigo avogado pregúntalle que problema psicolóxico ten para que lle pase iso… E non é así. É como ter un accidente. Pode pasarlle a calquera. Non podemos evitar que pase, pero se pasa si temos que saber como saír. E ten que haber medios para que a sociedade apoie as mulleres. (…)”
Vídeo da presentación de Contos da Coruña, de Xurxo Souto, na Coruña
Entrevista a Cris Pavón no Diario Cultural
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Valorar a diferenza, crear comunidade. Intelixencias artificiais protagonizan e narran Limiar de conciencia de Cris Pavón. Pode escoitarse aquí.”
Ares: presentación da triloxía Evanxélica memoria, de Xavier Alcalá
Ourense: presentación de Á sombra dos bonsais, de Antón Riveiro Coello
Marín: conversa de Elena Gallego Abad con Ledicia Costas
O venres
19 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Ateneo Santa Cecilia de Marín (Rúa do Forno, 42), Elena Gallego Abad conversará con Ledicia Costas sobre a súa obra.
A Coruña: presentación de Escapados, de María del Carmen Rey Núñez
Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2017
Desde Fervenzas Literarias:
“Tras pechar o día 14 de xaneiro o prazo de votacións temos, un ano máis, os resultados onde as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2017. En total, este ano recibimos 522 enquisas válidas.
Queremos agradecervos a todas e a todos as once edicións nas que levades escollendo, a través dos vosos votos, os mellores libros do ano.
Desde Fervenzas Literarias queremos recoñecer a vosa participación e o voso interese en colaborar para formar estes listados de libros. Moitísimas grazas, xa que sen ese tempo que dedicades en votar sería totalmente imposible este traballo.
E agora os resultados… Os nosos parabéns aos premiados e premiadas!!!
– Mellor libro de narrativa para A nena do abrigo de astracán, de Xabier P. DoCampo.
– Mellor libro de poesía para Lumes, de Ismael Ramos.
– Mellor libro de ensaio/investigación para Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade, de María Xesús Lama.
– Mellor libro de teatro para Suite Artabria, de Manuel Lourenzo.
– Mellor álbum de banda deseñada para O bichero VII. De punta a chicote, de Luís Davila.
– Mellor libro traducido para público adulto para Thérèse Raquin, de Émile Zola, traducido por Isabel Soto.
– Mellor libro de literatura xuvenil para Os nenos da varíola, de María Solar.
– Mellor libro de literatura infantil para A señorita Bubble, de Ledicia Costas.
– Mellor libro traducido de literatura infantil e xuvenil para Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren, traducido por David A. Álvarez.
– Autor do ano para Ismael Ramos.
– Ilustrador do ano para Víctor Rivas.
– Mellor capa de libro para adultos para Luns, de Eli Ríos.
– Mellor capa de libro de literatura infantil e xuvenil para A señorita Bubble, de Ledicia Costas, feita por Andrés Meixide.
– Mellor editorial do ano para Galaxia.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para Culturgal 2017.
– O peor acontecido para a política lingüística do goberno da Xunta de Galicia.
– Mellor Libraría para Cartabón.
– Mellor medio de comunicación para Sermos Galiza.
– Mellor blog/web literaria para Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.”