A Coruña: presentación do número 4 da revista O Dez

O luns 25 de setembro, ás 20:15 horas, na Libraría Sisargas da Coruña (Rúa San Roque, 7), preséntase número 4 da revista O Dez. No acto participan Lino Braxe, Beatriz Maceda e Óscar Losada, editor e director da revista. Neste número da revista, co tema de portada “O meu ídolo futbolístico”, participan Lino Braxe, Ledicia Costas, Xabier P. DoCampo, Pedro Feijoo, Beatriz Maceda, Carlos Meixide, Eduardo Sacheri e Manuel Seixas. Nas ilustracións participan Walter Artola, CaricaTorres, Artur Cousiño, Daniel Diebold, Xulia Pisón e Santy Gutiérrez.

Podcast de Chamando á Terra, 16 de setembro de 2017

Desde o Chamando á Terra da Radio Galega:
“Segunda emisión do programa dirixido por María Solar. A nosa intención: contar historias, coñecer autores, ilusionarvos, e saber desas paxinas nas que vivimos outras vidas. Malores Villanueva, Alba Cid, Ledicia Costas, Maria Costas, Xosé Carlos Carracedo Porto, Fuco Reyes, Fran P. Lorenzo. Miriam Ferradáns, María Victoria Moreno. Pode escoitarse aquí.”

Presentación de Luns, de Eli Ríos, na Deputación da Coruña, anotación de Manuel Bragado

Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Coincidiu a primeira presentación de Luns, primeira novela de Eli Ríos, gañadora do Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega 2016, co pasamento da escritora Xohana Torres, unha perda inmensa para a nosa literatura. Así o sinalou ao comezo do acto Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsable de Cultura, organizadora deste certame, que por vez primeira foi convocado con esta modalidade como tamén foi primeira na que foi outorgado a unha narradora da nosa lingua.
Sanmartín comezou salientando de Luns, como xa fixera o xurado, a importancia da perspectiva de xénero e da técnica do fluír de conciencia, para engadir que “a renovación da linguaxe” e “a utilización do humor e dunha fina ironía como outros alicerces desta novela de lectura trepidante”. “Todo aparece fragmentado, a protagonista debe enfrontarse soa coa cotidianidade, co práctico, mais é unha persoa sometida ao seu home, o que se reflicte na utilización dunha linguaxe distinta por parte de Manuel e dela mesma. Mentres a linguaxe do seu home é continua, a de Nerea é fragmentada, o que expresa que a linguaxe feminina non existe, ten que partir de cero”. “Esa fragmentación e renovación da linguaxe, como a estrañeza que provoca nalgunhas escenas, eleva a vida cotiá á categoría literaria”. Pola súa banda, Ríos confesou que con Luns “quería facer sentir, cando se remate a novela que fagamos algo, que nos mobilicemos, se a literatura non ten que ver coas pulsións humanas, que sentido ten? A literatura ten que ver coa vida”.”

Eli Ríos: “Luns é unha novela visceral, para sentir”

Entrevista a Eli Ríos en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PG): Que significou para ti gañar o 1º Premio Torrente Ballester en lingua galega?
– Eli Ríos (ER): A porta de entrada na narrativa. Nun momento no que publicar é tan complicado, este premio conleva a publicación e cunha certa visibilidade.
Ademais, supón participar nun proxecto, o da Deputación da Coruña, que admiro. Dignificar as condicións de traballo das persoas da escrita en lingua galega.
– PG: Cal é o xerme de Luns?
– ER: O xerme de Luns é rabia. Hai realidades e situacións que nos acostumamos a lelas na prensa e pasan a ser habituais, normais. Desas que dicimos: unha máis… E non pode ser, non está ben. Quería escribir un texto que provocase a reacción, as ganas de moverse. Unha novela visceral dirixida directamente ao hipotálamo.
– PG: Como se pode construír unha obra que fala sobre o día a día e manter o interese da persoa lectora?
– ER: Damos por suposto que a vida está aí e que estará sempre até que non está. Ese punto no que nos enfrontamos á nosa vulnerabilidade é o mesmo no que se encontra Nere, a protagonista. Vivir é unha aventura fantástica. A mellor aventura que nos tocou experimentar. E cando nos decatamos de que cada día é único e irrepetible a ficcionalidade escríbese soa. O interese vén, imaxino, das ganas que teñamos de vivir.
– PG: Luns fala da inestabilidade e a fraxilidade, de como todo o que era sólido pode caer nun abrir e pechar de ollos…
– ER: Nun sistema consumista, como o noso, depositamos a nosa estabilidade na maior cantidade de obxectos materiais e, nese proceso de adquisición constante, esquecemos que ninguén vai saír viva de aquí e acabaremos no mesmo burato. Hai certas situacións que nos obrigan a parar e repensar. Á protagonista acontécelle isto e, cando detén a voráxine do diario, chega ese momento no que analizar se a vida que ten é a que quere, se hai algo que ela poida facer para cambiala. (…)”

Faleceu Bautista Álvarez

A AELG lamenta o falecemento de Bautista Alvarez, narrador e ensaísta de pensamento político, galego ilustre, e envíalle unha aperta fraterna á súa familia e achegados/as.
Galiza perde un home que dedicou a vida a reconstruír a nosa identidade e manter viva a nosa cultura e o noso idioma.
Así, nos anos sesenta, foi un dos fundadores do grupo Brais Pinto. Este grupo de galegos residentes en Madrid pularon polo desenvolvemento da nosa lingua e da nosa cultura. E mesmo fundaron unha editorial que se inaugurou coa publicación dun libro de poemas de Otero Pedraio.
Canda os seus compañeiros de xeración, Bautista Alvarez recibiu o premio Brais Pinto no ano 2013, un premio instituido pola Agrupación Cultural Auriense co que se recoñecía o traballo realizado pola nosa cultura, mesmo dende fóra do noso pais e en plena ditadura franquista. Recibiu tamén o premio Manuel Maria á dignidade nacional no ano 2004.
Nese mesmo ano creouse a Fundación Bautista Alvarez de Estudos Nacionalistas, que el presidiu. Nesta mesma Fundación publicou unha parte da súa produción ensaística, Obra Escollida.
Na última década da sua vida, levou á creación literaria a memoria da súa infancia e mocidade cun libro de relatos (Ed. Xerais, 2013), Retallos daquela infancia, e creou unha novela sobre o drama da emigración, Cuarto minguante (Ed. Xerais, 2015).
Que a terra lle sexa leve.