Pontevedra: actividades literarias destacadas do venres 2 no Culturgal

Dologo-footer-culturgal2 2 ao 4 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, e con horarios de 11:00 a 21:00 horas o venres 2 e sábado 3, e de 11:00 a 20:00 horas o domingo 4, terá lugar o Culturgal 2016. O prezo das entradas é o seguinte:
– Xeral: 2 euros (1 día) | 3 euros (3 días).
– Menores de 12 anos: 1 euro (1 día) | 2 euros (3 días).
– Menores de 3 anos: gratis.

As actividades literarias destacadas do programa para o venres 2 son:
19:00 h. Conversa con Inma López Silva, autora de Aqueles días en que eramos malas, publicado en Galaxia, con Montse Dopico. Espazo Libro.
19:00 h. Sinatura dos gañadores dos Premios Xerais (Stand de Xerais), Manuel Esteban, Iria Misa e David Pérez Iglesias.
19:00 h. Xosé María Álvarez Cáccamo asina exemplares de Ganapán das palabras, publicado por Kalandraka, no stand da editora.

19:30 h. Conversa con Xosé Monteagudo, autor de Todo canto fomos, publicado por Galaxia. Coa xornalista Montse Dopico. Espazo libro.
19:45 h. Contacontos infantil do libro O cociñeiro Martiño, co seu autor, Iago López, publicado en Xerais. Espazo infantil.
20:00 h. Conversa da xornalista Montse Dopico cos gañadores dos Premios Xerais 2016: Manuel Esteban, autor de A ira dos mansos, Premio Xerais de Novela; Iria Misa, autora de Xa non estou aquí, Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil; e David Pérez Iglesias, autor de Todo o tempo do mundo, Premio Merlín de Literatura Infantil (Espazo Libro).

Sada: presentación de Vinte fragmentos de mocidade voraz, de Tito Pérez

Otito-perez venres 2 de decembro, ás 20:30 horas, no Omix de Sada (Avenida da Mariña, 62), preséntase o libro Vinte fragmentos de mocidade voraz, de Tito Pérez, publicado por Toxosoutos. No acto, organizado pola Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo, participa, xunto ao autor, José Erre.

presentacionsada1

Gondomar: presentación de Todo canto fomos, de Xosé Monteagudo

OXosé Monteagudo xoves 1 de decembro, na Libraría Libraida (Rúa Rosalía de Castro, 13) de Gondomar, Xosé Monteagudo presenta Todo canto fomos, publicado por Galaxia. No acto manterá un coloquio con Carlos Méixome.

Cartas de inverno, de Fernández Paz, chega aos 100.000 exemplares cunha edición especial

DesdeAgustín Fernández Paz 2 Sermos Galiza:
Agustín Fernández Paz segue a xerar noticias meses despois do seu pasamento. Logo da novela póstuma que a semana pasada viu a luz da man de Rodeira, desta vez é a súa editorial de sempre -Xerais- quen publica unha edición especial (a número 35) por mor da chegada aos 100.000 exemplares vendidos.
Estamos a falar dunha cifra excepcional no mundo da edición galega, que só acadou en ficción outra novela dun clásico tamén falecido hai agora un ano, Memorias dun neno labrego, de Neira Vilas.
Cartas de inverno, publicada en 1995, é o que se coñece no sector como un ‘long seller’. Xa no mesmo ano de publicación, a novela acadou o premio Rañolas ao Libro Infantil e Xuvenil do Ano.
Esta edición especial que agora publica Xerais vai encadernada en ‘flexibook’, con doce ilustracións orixinais de Antonio Seijas e o texto “Doce + nove: vinte un anos despois” actualizado polo autor. Será presentada o vindeiro domingo 4 de decembro no Culturgal. (…)”

Xosé Duncan: “Considero que a fantasía é un xénero tan de adultos que merece o mesmo recoñecemento que calquera outro”

Entrevista Xosé Duncana Xosé Duncan en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PdG): Unha pregunta sinxela, ¿Quen é Xosé Duncan?.
– Xosé Duncan (XD): Son un rapaz de aldea emigrado á cidade cando non tiña máis de tres anos. Amante da música, das motos, da tecnoloxía e, cando era novo, un lector voraz de fantasía e terror. Despois, cando medrei e o meu tempo de ocio era moito máis limitado, comecei a escribir en vez de ler. Non sei o porqué mais, cando algo me apaixona, sinto o impulso de querer facelo eu, de non ser un mero espectador. Ás veces sae ben e outras é un verdadeiro desastre, porén, non podo evitar tentalo. No caso da escrita tiven a sorte, ou non, de ir aprendendo ao mesmo tempo que ía publicando. Comecei con algo máis ‘accesíbel’ como son os relatos e, aos poucos, fun creando novelas longas e curtas.
– PdG: ¿Cal foi a túa primeira inmersión no eido da literatura? ¿Foi dende cativo unha ocupación ou divertimento para vostede?
– XD: Como lector as miñas primeiras achegas foron obras ‘clásicas’ que collía na biblioteca da escola ou as municipais que había daquela: a do actual Arquivo de Galicia e a dos Xardíns de Méndez Núñez. Con nove anos comecei con Drácula, A caída da casa Usher, Frankenstein, Os asasinatos da Rue Morgue e, cando cheguei ao instituto, continuei co Señor das Moscas, Fahrenheit 451, Un mundo feliz e cousas polo estilo. Como escritor escribín varios relatos curtos na adolescencia que, por fortuna para o mundo, quedaron esquecidos e atrevinme cunha novela cando tiña 22 anos. Levoume moito, moito tempo rematala e, de feito, aínda lle fixen un ‘remake’ hai pouco para darlle o acabado final. En canto a que foi para min… Sempre foi un divertimento, unha válvula de escape. Talvez, desde que publico o que escribo, estea a converterse nunha ocupación un chisco máis ‘estresante’ pola presión que supón querer mellorar e ver os teus libros expostos ao público. (…)
– PdG: Cre que a fantasía ten boa acollida no sistema literario galego?
– XD: Na miña modesta opinión, non. E digo non porque considero que a fantasía é un xénero tan de adultos que merece o mesmo recoñecemento que calquera outro. Se escribes fantasía, semella que o estás a facer forzosamente para a rapazada ou para unha comprensión lectora inferior do que poida agardar unha persoa adulta. A fantasía queda relegada a ser ese primeiro prato que se lle dá de xantar aos cativos para que, cando desenrolen o sentido do gusto e saiban gozar de cociña de deseño, lean literatura ‘seria’ na súa madurez. O que está claro é que está nas nosas mans mudar ese prexuízo, tentando crear as mellores obras que sexamos capaces e que vallan, ademais, para atraer novo lectorado que nunca se achegara a unha obra en galego.
– PdG: Para rematar, ten pensado publicar algunha nova historia proximamente?
– XD: Si. Teño escritas tres novelas agora mesmo. Dúas curtas (non tan curtas coma Hostal Norte) e unha longa. O plan de publicación é sacalas con Urco a razón de unha por ano. Se todo vai ben, a seguinte poderemos presentala no meu aniversario (para o mes de marzo) e as outras terán que agardar a súa quenda. As dúas curtas van nunha liña moito máis intimista e onírica do que fixen até o de agora (en especial unha delas é un verdadeiro experimento de estilo) e a longa é fantasía pura e dura.”

María Reimóndez: “O relato é unha maneira de dar a entender que hai maneiras de saír desa situación”

Entrevista María Reimóndeza María Reimóndez en Sermos Galiza:
“O pasado día 25, Día Internacional contra a Violencia Machista, María Reimóndez liberaba ‘A esencia da cidade’, un relato autobiográfico publicado por Xerais no que a escritora conta unha experiencia de maltrato sufrida na súa adolescencia. (…)
– Sermos Galiza (SG): Este relato xa o publicaras antes, non?
– María Reimóndez (MR): Este relato escribino porque hai uns anos Amnistía Internacional publicou un libro sobre violencia de xénero que se chama Camiñando descalzas polas rochas. Este relato naquela altura pareceume que era unha cuestión de honestidade e cría que non podía escribir doutra cousa que non fose da miña propia experiencia persoal. O motivo de liberalo é que este libro de AI está moi pouco accesible e ao longo destes anos teño pasado ese relato de maneira individual a persoas que traballan no ensino que lle vían certa utilidade á hora de traballar este tema coas mozas e cos mozos. Entón este ano a raíz destas informacións que saen na prensa do -entre aspas- incremento de violencia de xénero entre a mocidade, pensei que se cadra era o momento de facelo máis accesible. E digo incremento entre aspas porque eu non estou segura de que haxa un incremento senón unha maior visibilización e concienciación social, porque a historia que se relata aconteceu hai bastante tempo. Eu teño agora 41 anos, estamos falando de cando tiña 15, 16, 17 anos e é evidente de que xa naquela altura había violencia de xénero nos adolescentes, pero aínda non existía o concepto.
– SG: Supoño que para ti non debeu ser doado escribilo.
– MR: Foi un proceso complicado porque por moito que os anos pasen as mulleres seguimos estando socializadas para ter medo de falar. Primeiro ten que haber un proceso persoal que é complexo, que eu xa pasei no seu momento, de reconciliación con unha mesma, e con todas as mensaxes que socialmente se che envían, de culpa, de vergoña… E tamén para min creo que a parte máis difícil do relato é o pudor de falar de persoas que seguen estando aí, e ás veces de facer visibles situacións á miña familia ou a persoas que conviviron comigo nese periodo da adolescencia e que non foron conscientes do que acontecía ou da súa gravidade. Eu tiven a fortuna de ter unha nai moi espelida e moi intuitiva que foi capaz de percibir certas cousas, que aquilo era unha punta do iceberg, sen saber todo o que pasaba. (…)
– SG: Tamén falas disto como unha segunda violencia: a incomprensión e a culpabilización da vítima.
– MR: Si, totalmente. A violencia de xénero unha das características que ten en todas as súas facetas e moralidades é o silencio e a vitimización. Eu creo que en ningún crime doutra índole as vítimas son culpabilizadas nin hai unha capa de vergoña como existe en todas as caras da violencia de xénero: desde as cuestións máis do día a día, como na campaña de #PrimAcoso, na que incluso nos avergoñamos porque alguén se masturbe diante nosa pola rúa ou que nos toquen, avergoñámonos só ao dicilo. Esa é a primeira barreira que temos e ese é o primeiro refuxio dos maltratadores, dos acosadores, dos violadores. Esas construcións da masculinidade, que acaban dando en situacións de violencia. Unha das cousas quedaron moi claras na miña aprendizaxe persoal é que os maltratadores teñen calquera cara, calquera estrato social e o único que comparten é unha construción hexemónica da masculinidade baseada no control, na dominación e no uso da violencia cando as cousas non van polo seu rego. (…)”

Pontedeume: presentación de A ira dos mansos, de Manuel Esteban

Omanuel-esteban mércores 30 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Pontedeume, terá lugar a presentación do libro A ira dos mansos, de Manuel Esteban, Premio Xerais de Novela, 2016. No acto, coorganizado pola editora e o Ateneo Eumés, participa, xunto ao autor, Manuel Bragado.

Compostela: presentación de A caixiña dos rancores, de Héctor Cajaraville

OHéctor Cajaraville martes 29 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6), en Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do libro A caixiña dos rancores, de Héctor Cajaraville, novela gañadora do Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil, 2015, publicada por Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Pilar Ponte e Manuel Bragado.