Arquivo da categoría: Narrativa
Compostela: sinatura de libros de Miguel Anxo Fernández
A
sexta feira 4 de novembro, ás 20:00 horas, no Corte Inglés de Santiago de Compostela, Miguel Anxo Fernández asina exemplares de Un dente sen cadáver e outras obras súas.
Lugo: presentación conxunta de Corazón e demais tripas, de Emma Pedreira, e Literatura galega e pornografía, de Xulio Pardo de Neyra
O
sábado 5 de novembro, ás 12:30 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21), en Lugo, terá lugar unha presentación-vermú de Corazón e demais tripas, de Emma Pedreira, e Literatura galega e pornografía, de Xulio Pardo de Neyra, publicados en Positivas. No acto participa, xunto aos autores, Marica Campo.
Noia: entrega do XV Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos
O
sábado 5 de novembro, ás 12:30 horas, no Salón de Plenos da Casa do Concello de Noia terá lugar o acto de entrega do XV Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos. O traballo premiado este ano foi Tom, Huck e o misterio da trabe de ouro de Alex Bayorti.
Este premio está dotado con 3.000 €, ademais dunha escultura conmemorativa do artista noiés Alfonso Costa e da publicación da obra gañadora. O Certame está organizado polo Concello de Noia en colaboración coa revista Casa da Gramática do IES Virxe do Mar de Noia.
Lalín: presentación de As horas roubadas, de María Solar
O
venres 4 de novembro, ás 20:30 horas, no Museo Ramón María Aller Ulloa, en Lalín (Rúa Ramón Aller, 9), terá lugar a presentación da novela As horas roubadas, de María Solar, publicada por Xerais. No acto, organizado en colaboración co Concello de Lalín, participa, xunto á autora, Gracia Santorum.
Noia: presentación de Todo o tempo do mundo, de David Pérez Iglesias
O
venres 4 de novembro, ás 19:30 horas, na Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos (Rúa Corredoira de Luís Cadarso, s/n.), en Noia, terá lugar a presentación do libro Todo o tempo do mundo, de David Pérez Iglesias, Premio Merlín de Literatura Infantil 2016, publicado en Xerais. No acto, organizado en colaboración co Concello de Noia, participan, xunto ao autor, Agustín Agra e Manuel Bragado.
Carballo: presentación de seique, de Susana Sánchez Arins
A
quinta feira 3 de novembro, ás 19:30 horas, na Biblioteca Municipal Rego da Balsa de Carballo, terá lugar a presentación de seique, de Susana Sánchez Arins, publicado por Através Editora. No acto, a autora estará acompañada por Mercedes Queixas.
Entrevista a Xurxo Esquío
Entrevista
de Xosé Duncan a Xurxo Esquío en Lermos.gal:
“(…) – Lermos (L): Cal é a túa relación coa literatura?
– Xurxo Esquío (XE): Pois son un avezado lector desde moi novo, comecei co típico: Salgari, Los Cinco, Los 6 amigos … etc., e aos trece anos lin un libro que me marcou bastante, O Hobbit de Tolkien. A partir de aí ata o de agora, nunca deixei o hábito nin as ganas de ler… Así que a miña relación, máis alá de ser un hobby, podería dicirse que é parasitaria, preciso a lectura para alimentar a miña imaxinación e para evadirme. (…)
– L: Que opinas do panorama literario galego, desde o punto de vista de lector?
– XE: Penso que é un pouco endogámico, ao mesmo que sucede con todo o espectro cultural galego, que eu coñeza. O amiguismo é un cancro en todos os ámbitos de Gz. Entón, vese un pouco sempre o mesmo e feito por @s mesm@s. Por outra banda, hai que ver quen gaña os certames, literatura moi tradicional, que non arrisca en absoluto, moi cuadriculada; con moita calidade e necesaria, si, pero tamén debería darse oportunidade a algo diferente, mesmo que conecte máis coa xuventude. Só algunha editorial máis pequena aposta por iso, como pode ser Urco, á que xa sei que estades conectados, e sen ánimo de “pelotear”, felicítovos por iso. Hai que arriscar, a literatura debe evolucionar ao ritmo da sociedade! (…)
– L: Algunha reflexión final, sobre a cultura galega, a política, as artes, o mundo en xeral?
– XE: Pois unha reflexión sobre a nosa cultura, que en primeiro termo é a pasada, a que fixeron os nosos devanceiros e que sentaron as bases do que somos e do que é a nosa cultura. Pero esta é un ente vivo, e coma tal vai mudando co paso do tempo, vai crecendo e para iso hai que coidala e alimentala. Polo tanto, tan importante debe ser a nosa cultura actual; mellor ou peor pero nosa. Por iso debemos apoiala de corazón e de cabeza, se realmente queremos avanzar na construción dun país mellor e máis avanzado socialmente. (…)”
O Barco: Noite do Samaín con Escarlatina. A cociñeira defunta, de Ledicia Costas
Vigo: conversa con María Reimóndez arredor de A música dos seres vivos
O
luns 31 de outubro, ás 19:00 horas, María Reimóndez acudirá ao club de lectura feminista organizado pola CIGA na cidade de Vigo para conversar sobre a súa obra A música dos seres vivos, obra pertencente ao “Ciclo dos elementos” onde MK, a protagonista, deixa soar a súa historia en cada corte do álbum que marca a súa vida.

