Arquivo da categoría: Narrativa
A importancia de cambiar as lentes…, por Eli Ríos
Artigo de Eli Ríos na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“O diario violeta de Carlota (Gemma Lienas, 2011, Galaxia) é precisamente iso: un diario que escribe unha adolescente chamada Carlota. Non existen, polo tanto, nesta narrativa, espazos de fantasía ou irreais. Carlota escribe sobre o mundo que a rodea.
O día do 14 aniversario de Carlota, a avoa Isabel dalle como agasallo un caderno rosa cunha mancha violeta e non sabe moi ben qué facer con el. A súa outra avoa, Ana, propónlle analizar a realidade desde outra perspectiva porque “Todos os elementos machistas vánsenos metendo dentro do cerebro sen que no deamos de conta. Precisamente para sermos conscientes, temos que poñer unhas lentes violetas(*) e miralo todo cuns ollos novos, con ollos feministas (*) (p. 22) xa que “as lentes violetas que me permiten ver- deixando á parte esa mirada masculina que nos ensina a sociedade- o significado real de moitas situacións” (p. 141) Desta forma, Carlota realiza enquisas, cuestiona a familiares e persoas coñecidas, observa os medios de comunicación desde a óptica da igualdade para ir descubrindo as grandes diferencias no tratamento entre homes e mulleres en cuestións como o sexo, relacións e diferenzas laborais, educacionais, etc. Afectada por todos os datos que recolle decide crear ACOMI (Asociación Contra Os Modelos Impostos, p. 122) para dar a coñecer os resultados das súas pesquisas e implicar non só o seu círculo máis próximo senón, incluso, a colectividades doutros centros educativos porque “temos que loitar contra calquera discriminación” (p. 151).
Aínda que na versión galega hai algunha colocación pronominal que dificulta a súa lectura (“Así pois, convencinche para escribires o teu diario violeta?”- p. 22-, “E que queres que lle eu faga?” -p. 79-, “É que a min me gustan as mozas…”-P. 119-), en xeral, esta historia está narrada con moita naturalidade e sentido do humor. Búscase, polo tanto, un achegamento á persoa que le sen victimizar as mulleres, sen atacar aos homes e cunha linguaxe próxima á utilizada na adolescencia para facer unha análise de diferentes aspectos. Ademais inclúe, no final, un glosario no que se explican e detallan as palabras e conceptos que poidan resultar complicados.
Sen ser unha novela nin un manual, este diario pon riba da mesa aqueles interrogantes que, hoxe en día, están de plena vixencia: as expresións que, aínda que non se usen con intención de facer dano, teñen tintes machistas por tradición, a crueldade coa que se califica o físico das mulleres, os hábitos aprendidos como que o rapaz teña que tomar a iniciativa nunha relación amorosa, etc. E, sobre todo isto, Carlota apréndenos a reflexionar cunha sinxela regra da inversión coa que, dándolle a volta á nosa forma de ollar as cousas, descubriremos (e incluso nos sorprenderemos) que a realidade está chea de prexuizos e desigualdades. Si. Prexuízos e desigualdades que, unha vez detectados, teñen solución. E Carlota convídanos a xuntarnos nese esforzo.”
Ourense: actos destacados do xoves 4 na Feira do Libro
O xoves 4 de xuño continúa a Feira do Libro de Ourense (na Rúa do Paseo), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:
– 19:30 h. Alfonso Vázquez Monxardín, Patricia Chachero e outros autores presentan Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía, da Fundación Otero Pedrayo. Participa Víctor Fernández Freixanes.
– 20:30 h. Ramón Caride presenta O frío azul, da colección Alcaián, de Urco Editora.
Zigzag repasa as últimas publicacións do escritor Agustín Fernández Paz
Ourense: actos destacados do mércores 3 na Feira do Libro
O mércores 3 de xuño continúa a Feira do Libro de Ourense (na Rúa do Paseo), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:
– 20:00 h. Presentación do libro premiado na XXX edición do Premio de Poesía Cidade de Ourense: Luz extinta, de Xavier Rodríguez Baixeras.
– 20:45 h. Presentación do libro gañador na XV edición do Premio Risco de Creación Literaria: A verdade nos espellos, de Pablo Rubén Eyre.
Taboleiro do libro galego XXXIV (maio 2015), por Ramón Nicolás
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Nova entrega do “Taboleiro do libro galego”, correspondente ao mes de maio de 2015, e que contou coa colaboración de nove librarías galegas: Trama de Lugo, Libros para Soñar de Vigo, O Pontillón de Moaña (que comeza unha nova andaina con este Taboleiro), Andel de Vigo, Miranda de Bueu, Casa do Libro de Vigo, Aira das Letras de Allariz, Lila de Lilith de Compostela e Cartabón de Vigo. Grazas a todas elas.
NARRATIVA
1º-. Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, Xerais.
2º-. Son noxento, de María Xosé Queizán, Xerais.
3º-. Amor en alpargatas, de Manuel Portas, Xerais.
4º-. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, Xerais.
5º-. Antípodas, de Xosé Vázquez Pintor, Xerais.
6º-. Quintana viva, de Xosé Filgueira Valverde, Galaxia.
7º-. O ocaso da familia Portela, de Noa Pérez González, Barbantesa.
8º-. Entrada ao xardín do saber, de Henrique Dacosta, Redelibros.
9º-. A República das Palavras, de Séchu Sende, Através.
POESÍA
1º-. Celebración, de Gonzalo Hermo, Apiario.
2º-. O voar da bolboreta azul, de Richard Berengarten, Espiral Maior.
3º-. Ruído de trens, de Eduard Velasco, Espiral Maior.
4º-. Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, Xerais.
5º-. O caderno amarelo, de Lara Rozados, Instituto de Estudos Miñoranos.
6º-. Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, A. C. Caldeirón.
7º-. Palavras a Espártaco, de Vítor Vaqueiro, Através.
ENSAIO-TEATRO
1º-. Historia de Galicia, de David Pérez, Edicións do Cumio.
2º-. O Piloto. O último guerrilleiro, de Afonso Eiré, Hércules de Ediciones.
3º-. Galicia encantada, de Antonio Reigosa, Xerais.
4º-. O Miño. Un caudal de historia, de Anselmo López Carreira, Xerais.
5º-. Medo político e control social na retaguarda franquista, de Lucio Martínez, Xerais.
XUVENIL
1º-. Dragal IV, de Elena Gallego, Xerais.
2º-. Dragal III, de Elena Gallego, Xerais.
3º-. Tes ata as 10, de Francisco Castro, Galaxia.
4º-. O mundo secreto de Basilius Hoffman. A batalla por Avalon, de Fernando M. Cimadevila, Urco.
5º-. A neve interminable, de Agustín Fernández Paz, Xerais.
INFANTIL
1º-. O valente coello que quixo soñar, de Miguel Ángel Alonso Diz – Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
2º-. Os libros da merenda, VV. AA., Urco Editora.
3º-. Os ratos da casa, de Oli – Natalia Colombo, Kalandraka.
4º-. Miau, de Antonio Rubio-Óscar Villán, Kalandraka.
5º-. Violín, de Antonio Rubio-Óscar Villán, Kalandraka.
LIBROS CD-DVD
1º-. Non hai berce coma o colo, de Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Kalandraka.
2º-. Pan de millo, Migallas – Dani Padrón, Kalandraka.
3º-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras e David Pintor, Kalandraka.
4º-. Gatuxo, de Magín Blanco, Fol Música.
5º-. A gramola gominola, Galaxia.
BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero V, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. Marcopola e a illa remeira 3. Dragoneta!, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.
3º-. Astérix e os godos, de René Goscinny e Albert Uderzo (Xavier Senín Fernández, M ª Isabel Soto López e Valentín Arias, tradutores), Xerais.
Anxos Sumai: a escritora que agasalla relatos
Artigo de Carme Vidal en Sermos Galiza:
“Unha vez ao mes un relato longo e cada semana un breve. Así son os agasallos que publica na rede a escritora Anxos Sumai, pioneira na escrita en internet con proxectos como Anxos da garda. A maior parte dos relatos son de nova creación aínda que a escritora aproveita tamén para disponibilizar textos dispersos en revistas e outras publicacións.
“O feito de publicar con periodicidade obrígame a manter unha disciplina na escrita que agradezo. Por riba, establécese unha relación directa cos lectores e lectoras que xa botaba de menos”, afirma esta escritora que conta cunha sólida páxina web que creou á maneira de centro de documentación persoal. O relato curto publícase directamente no facebook e os longos, que saen o primeiro día de cada mes, anúncianse nesa mesma rede social e dirixen directamente a súa páxina persoal.
A escritora mostra nestes novos traballos literarios unha faceta súa menos coñecida, a de amante da fotografía. “Sempre me gustou e a miña obra está chea de imaxes mais agora tomo a fotografía máis en serio, formando parte da miña creación. Imaxe e texto están moi vinculados no relato”, afirma Sumai que leva xa publicados 18 relatos extensos na rede, todo un conxunto literario para unha escritora que dilata o tempo de publicación dos seus libros e ten un público fiel que agarda cada un dos seus agasallos.
Unha imaxe da súa autoría que titula “Cestas de allos nun almacén de Puerto Montt (Chile)”, datada en 2009, ilustra o último dos relatos publicados, escrito en Catoira neste mesmo mes de abril e titulado “Enchentes de primavera”. “Allos e laranxas. Ás oito da mañá o sol empezaba a quentar e o ceo collía un ton alaranxado. A viaxeira espertou, aseouse no baño que compartía co resto dos hóspedes e vestiu roupa de abrigo”, comeza o agasallo de maio, recén saído da factoría literaria da autora. Con anterioridade, Sumai ofreceu o texto titulado “O vello e as baldosas”, emitido na sección semanal “Perigosamente normais”, do Diario Cultural da Radio Galega en marzo de 2006.”
Meira (Moaña): presentación de Antípodas, de Xosé Vázquez Pintor
Xesús Constenla publica a novela Apoteose das perchas
Entrevista a Francisco Castro sobre Tes ata as 10
Entrevista a Francisco Castro en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Con Tes ata as 10 recunca nas historias de suspense e de intriga. Con toda a bibliografía que ten as súas costas élle unha necesidade escribir baixo estes marcos esquemáticos ou é a propia trama quen achega o escritor cara ese terreo?
– Francisco Castro (FC): Son as historias as que saen así. A vindeira novela que publicarei non será unha historia de suspense, nin conterá misterio ningún, pero é a historia quen me pedía que non fora así. No caso de Tes ata as 10 eu tiña moi clara a imaxe inicial do protagonista recibindo un correo electrónico de seu pai acabado de morrer, e iso levoume a desenvolver a estrutura da novela cara un marco de intriga. As grandes ideas que queres transmitir son as que che marcan a música que vas interpretar. (…)
– FL: Grandes clásicos universais da literatura de aventuras terán unha grande relevancia en Tes ata as 10.
– FC: Quería que Tes ata as 10 reivindicase todos eses libros e lecturas que formaron parte da miña infancia, que fora unha reivindicación da propia literatura. É un tópicazo, pero ler fainos vivir máis, permítenos coñecer latitudes que ao mellor non imos visitar nunca. Mira a Jules Verne, un tipo aburridísimo que practicamente non saía da súa casa, e sen embargo estaba moi ben informado, lía canta revista científica caía nas súas mans. Extrapolado aos seus libros, cando describe a sabana africana en Nove semanas en globo semella en verdade que Verne estea pintando esas escenas. Eu bebín de todos eses libros e quería que estiveran aí como homenaxe, pero tamén me serven, dentro da novela, como un elemento que une a dúas xeracións. En Tes ata as 10 estes libros non son outra cousa que unha linguaxe común entre Toni e seu pai, ambos os dous están cangados polo amor ás grandes historias.
– FL: Como lle marcaron a vostede como persoa e como escritor eses referentes literarios?
– FC: Dun xeito absoluto. Dicías antes que cada vez máis as miñas novelas apostan máis pola intriga e polo misterio. Cos anos eu estou máis cómodo e relaxado no meu oficio de escritor e intento parecerme máis ao que me gustaba canda neno. Na miña infancia pasei moito tempo só na casa e nesa soidade a miña gran compaña, ademais da radio e dos Beatles, foron os libros. A pegada que deixaron en min, non só como escritor senón como persoa, foi enorme. (…)
– FL: Sempre detrás, como compoñente perenne das súas novelas, unha reivindicación do amor, en maiúsculas.
– FC: Se me preguntas: escribes porque pensas que o amor é o gran motor da realidade? Eu diríache que si, pero non volvería ser nada orixinal. Dígocho eu pero dixérono xa os presocráticos. Nós somos paixón, somos animais sentimentais. Nietzsche explicou moi ben como dende Sócrates en diante -e fundamentalmente dende o cristianismo- se nos intentou convencer de que somos un animal racional. Non é certo. Se fósemos racionais non namoraríamos, non poríamos as nosas vidas en perigo por amor como facemos ás veces. Se fóramos racionais non escribiríamos libros. Basicamente somos emocións, e abofé que non hai fábricas que elaboren endorfinas, oxitocínas ou adrenalinas máis potentes que as historias de amor. (…)”