Desde Xerais:
“Reproducimos unha entrevista en Onda Cero a Manuel Rivas, realizada durante a presentación da última novela As voces baixas“:
Más audios en Onda Cero
Desde Xerais:
“Reproducimos unha entrevista en Onda Cero a Manuel Rivas, realizada durante a presentación da última novela As voces baixas“:
Más audios en Onda Cero
Entrevista a Pemón Bouzas en Sermos Galiza:
“Xornalista e escritor, Pemón Bouzas vén de publicar A estrela de Oriente (Xerais), un libro en que re-visita o mito dos Reis Magos. O escritor reconstrúe a viaxe dos tres personaxes en que interpreta como un diálogo e encontro entre culturas. Lembra a maqueta dun tren eléctrico que atopou nos seus zapatos nunha mañá do 6 de xaneiro e desexa que a ilusión de momentos como ese dure toda a vida.
– Sermos Galiza: Un libro sobre os reis magos, a quen llo agasalla?
– Pemón Bouzas: Tardei máis do previsto mais, en primeiro lugar, estaba pensado para a miña filla, para cando, como di Graham Greene, atravesase ese momento na infancia en que se abre unha porta cara ao futuro. A idea era que seguise mantendo a ilusión dos Reis Magos. Escribino nun momento en que, en certa maneira, tamén eu precisaba recuperar esa ilusión. ter cativada na casa volve facer da noite do 5 de xaneiro unha noite máxica, como di a tópica frase.. Ás veces penso que escribín o libro para os país. É como se unha tarde puxeses na tele unha película para todos os públicos.A alegría que dan os Reis Magos pódese compartir, claro que si! (…)”.
Entrevista de Armando Requeixo a Iolanda Zúñiga no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Iolanda Zúñiga (IZ): Fáltalles franqueza, arrebato, modernidade. Sóbralles tedio, pudor, límites. Coñezo escritores/as que ignoran que o son e autoconfínanse a publicar en twitter. Coñezo escritores/as que darían uns burócratas formidables. O noso decorrer histórico e consecuente memoria colectiva son necesarios para orientarnos con lucidez neste tempo que nos tocou vivir, pero non os concibo como unha ferramenta da que abusar nos meus textos. Teñen máis valor as pequenas accións do día a día (como ir falar ao Corte Inglés nun galego con seseo e gheada) ca unha restra de libros cun claro ton doutrinario que só van interesarlle aos intelectualmente afíns a un. Para seducir as novas xeracións debemos espelirnos. Aos que redactamos fáltanos perspicacia. E atractivo. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– IZ: O seu estado en canto a vocación é óptimo. Pero, insisto, somos pouco arriscados. Queda moito mundo que contar en galego e temos talento para facelo. Deberiamos diversificar máis as temáticas, os estilos, os formatos. Dos fracasos editoriais —entendamos como “fracaso” recuperar o investido sen obter grandes beneficios— tamén se nutre a literatura dun país, que só sostida sobre alicerces bestseller resultaría feble, homoxénea, sen variedade para competir ao carón doutras literaturas sólidas. Aventurémonos a redactar, a publicar, a recomendar, a ler. (…)”.
Entrevista de Carme Vidal a Manuel Rivas en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza: As voces baixas está a ser aclamado pola crítica. Contaba vostede con que o seu libro máis persoal fose recibido con tanto entusiasmo?
– Manuel Rivas: Para min o importante era escribir este libro e nunca me preocupou moito o que puidese pasar despois. Precisaba escribilo e coido que parte da boa reacción que está a provocar vén precisamente desa dimensión, de ser un libro do eu e do nós. Non me estraña, por iso. Cando un libro se publica é xa un emigrante que vai de man en man e este pousa na xente. Teño a sensación de que está a ter unha boa viaxe, mais cando o escribín descoñecía a sorte que podía ter. Despois dalgúns episodios de certo éxito literario, como O lapis do carpinteiro que tivo moito impacto, ou algúns relatos como A lingua das bolboretas, pasoume algo importante. Cando escribín Os libros arden mal caín nunha especie de baleiro, nun inferno, e chegou un momento en que case deixo o libro porque o que estaba contando me producía sensación de horror. Esa historia dramática da cultura estaba a ser abondo para min, o desacougo era inmenso. Pensei que se deixaba de escribir non pasaría nada, contra esa idea transcendente do que estás a facer. Como di Elías Canetti, cando escribes tes que ter sensación de que podes parar unha guerra, mais unha cousa é que teñas esa actitude de aposta fonda e outra que pares a guerra. Reiniciei. Tirei para adiante coa idea de que tiña que seguir escribindo, non tanto polo libro senón por min mesmo. Cheguei á conclusión, mesmo un pouco egoísta, de dicir: vou escribir mesmo que remate a miña carreira. Rematara a idea de carreira literaria, mais vou continuar aínda que sexa para min só, aínda que faga haikús ou escriba na area cun garabullo como os rapaces. Esa decisión e esa sensación cambioume. Veume moi ben para entender a miña relación co oficio de escribir. Deixei de ser un abandeirado. Levoume a un compromiso coa escrita, mais esquecín o efecto público do que fago. (…)”.
O luns 31 de decembro, a partir das 12:00 horas, na Librería Arenas (Cantón Pequeno, 25) da Coruña, Francisco X. Fernández Naval asinará exemplares da súa novela A noite branca, publicada en Xerais.
O venres 28 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría A Libreira (Rúa Luís Seoane, 2) do Temple, Cambre, A Coruña, preséntase Dark butterfly, de Rexina Vega, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Begoña Paz e Dores Tembrás.
O venres 28 de decembro, ás 20:00 horas, na Librería Á lus do Candil (Rúa Historiador Vedía, 3) de Arteixo, preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Modesto Fraga.