“Manuel Rivas reúne en O máis estraño (Xerais), o seu novo libro, unha colección de contos nos que inclúen algúns dos relatos que acadaron identidade fóra dos libros, como A lingua das bolboretas, e outros textos que aínda non viran a luz dos lectores. Rivas presentou onte en Madrid a tradución ao castelán deste mesmo volume (Lo más extraño, publicado por Alfaguara) e presentará o vindeiro mércores en Santiago a súa edición en galego. Segundo o autor, os contos incorporados a esta recompilación de textos non están “reescritos”, pero si que se presentan aos lectores “cunha revisión estilística” para que vaian cos tempos. En calquera caso, Rivas, segundo explica, non quixo volver escribilos. “Tamén resistín a tentación de deixar de lado aqueles que xa non me gustan como cando os escribín”, afirmou o escritor. (…) O escritor, nomeado recentemente doutor honoris causa pola Universidade da Coruña, acaba de regresar de Serbia, onde presentou a versión para ese idioma da súa premiada novela O lapis do carpinteiro, sinalou en Madrid que os relatos “son a sombra dos soños e por iso o último dos relatos que inclúe este novo libro leva ese título”. É un dos tres inéditos que ofrece o volume, xunto co O espertar da criada e O misterio de Uz. (…).” Vía La Voz de Galicia.
Arquivo da categoría: Narrativa
Xavier Queipo: “Extramunde é unha novela política”
“A novela Extramunde (…) é foco desta entrevista con Xavier Queipo que se pode consultar na web do Diario Cultural. Extramunde é unha novela política, declarou Xavier Queipo na entrevista de Ana Romaní e Anxo Quintela. A entrevista pode escoitarse aquí.” Vía Xerais.
Xavier Queipo: “A inquisición agora é o capital”
Entrevista a Xavier Queipo en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): -Dúas palabras que definen á novela [Extramunde] segundo a presentación son polifónica e posmoderna.
– Xavier Queipo (XQ): Creo que nos dous casos queren explicar características que ten e que quizais se saian do convencional. Por unha parte, a polifonía pode ter que ver con que non hai un protagonista claro que leve o peso da historia. Vai cambiando en función do argumento e do escenario. Posmoderno igual ten que ver con que a estrutura non é a habitual. Tamén porque na novela van aparecendo moitas historias diferentes.
– LVG: Extramunde fala do poder da inquisición. Ese poder absoluto desapareceu, ¿ou cre que agora está noutras institucións?
– XQ: A novela fala da negación da diferenza. E a negación do diferente segue hoxe. Quizais en países sen ditadura pareza que non é así, pero dáse unha dobre moral porque en teoría todo está aceptado, pero na práctica as indemnizacións van para os directivos de NCG. Sempre hai unha clase dirixente e sempre gañan os mesmos, os que prefiren a inxustiza á desorde. A inquisición agora é o capital, que é quen está definindo as normas.
– LVG: Na convocatoria do libro propón acabar coa perspectiva periférica.
– XQ: Resúltame desagradable que me digan que son periférico. Eu crecín en Galicia e o central en Galicia é ser galego. Quería explicar tamén que non se trata de que me pareza mal ser español, nin que estea en contra. É que para min o central é ser galego e penso que o sistema de pensamento hai que construílo desde a reafirmación disto.”
Vigo: presentación de Extramunde, de Xavier Queipo, e do espectáculo artístico O embigo do mundo
O venres 21 de outubro, ás 20:15 horas, no Museo do Mar de Galicia (Avenida Atlántida, 160) de Vigo, preséntase o libro Extramunde, de Xavier Queipo, Premio Xerais de Novela 2011. Con motivo da presentación, representarase o espectáculo O embigo do mundo / L’ombelico del mondo, que conta coa participación de Manuel Bragado, Quico Cadaval, Olga Cameselle e o Colectivo Riolagares (MisterChoco e Xavier Queipo).
Entrevista a Miguel Sande sobre a súa última obra, A vida fóra
Entrevista a Miguel Sande en Fervenzas Literarias:
“- Fervenzas Literarias (FL): A construción dun edificio diante da fiestra dende onde María, vella e enferma, observa a vida pasar postrada nunha cadeira de rodas vaille servir a vostede de escusa para xogar co título desta novela: A vida fóra. Recrearase esa vida fora da xanela e vai sacar esa vida fóra da vella María través das diferentes lembranzas.
– Miguel Sande (MS): A vella María pasa os días nunha cadeira de rodas ollando pola ventá. Un día, e outro, e outro… ata que constrúen un edificio diante da súa vivenda. Entón á vella sácanlle o único que a une co exterior: a vista. Vai ser a partires diso cando non vai ter outra que imaxinar a vida fora desa construción. Velaí o porque do título. Esa expresión obrigada da vella María de imaxinar a vida fora é o que a min me interesaba que fose a cerna e a orixinalidade desta novela. A vella vai facer gala dunha imaxinación desbordante, chegando en ocasións ao disparate. A vida fóra é unha novela dura, pero o que nos chega a través da imaxinación da vella dálle unha chispa á historia, esa vida necesaria para que o lector poida ler este libro cun sorriso. Doutro xeito sería unha novela moi simple: unha vella nunha cadeira de rodas mirando pola ventá. A historia chega a nós coas palabras dela. Sobre o de sacar a vida fora a través das súas lembranzas en parte tamén é certo. A vella María saca retallos da súa propia vida. Esta novela, como dicía Carlos Nuevo cando a presentamos en Viveiro, ten cortes etnográficos, elementos do pasado. A través deses retallos -aínda que non sexan coordinados por mor da memoria rota de María- vamos coñecendo a súa historia: a posguerra, a lembranza da mestra republicana a quen lle queimaron a casa… pero tamén o seu presente. Son cousas que non se relatan explicitamente pero xorden a través dos recordos da vella María. Hai quen ve iso como un defecto, pero eu pretendín contar as cousas doutro xeito.
– FL: Aínda que poesía e teatro abranguen a meirande parte da súa obra, retorna de novo á novela tras aquel Se algún día esta muller morta (Galaxia), I Premio de Narrativa Breve Repsol YPF 2006. Nesta A vida fora, sendo unha novela, sitúa ao lector nun cruce de camiños onde conflúen tanto a prosa, como o teatro e un pouso da poesía.
– MS: Eu levo vinte e cinco anos escribindo e sempre digo que veño dos barrios marxinais, que serían a poesía e o teatro. Agora estoume achegando ao que sería o barrio rico: a novela. Noutra das presentacións que fixemos este verán, en Barreiros, o dramaturgo Manuel Lourenzo comentou que se trataba dun monólogo teatral. Aínda que concorde con Manolo, eu tamén creo que se podería ler como un poema longo. Pero sobre todo é unha novela, unha novela curta. Na contracapa do libro Galaxia indicou que se trata dunha novela que está nos límites da narrativa. Coido que non hai fronteiras. Podería dicirche que hai poesía, que hai teatro, pero é novela. Os diferentes matices ten que atopalos o lector. (…)”.
Santiago: presentación de Asasinos, asasinos, asasinos!, de Vicente Piñeiro
O mércores 19 de outubro, ás 19:45 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a novela Asasinos, asasinos, asasinos!, de Vicente Piñeiro, publicada en Toxosoutos. No acto interveñen, acompañando ao autor, Ánxela Gracián e David González Couso.
Santiago: presentación de Nómades, de Xosé Tomás
O mércores 19 de outubro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, Xosé Tomás presenta a novela gráfica Nómades, publicada en Galaxia. No acto estará acompañado por Francisco Castro.
Fran Alonso: “Tento dar conta do que acontece ao meu redor, interpretándoo sen o xulgar”
Entrevista a Fran Alonso en Atlántico Diario:
“(…) – Atlántico Diario (AD): Neste libro analiza as relacións sociais da actualidade, teñen mudado moitos nos últimos anos?
– Fran Alonso (FA): En Ninguén reflexiono sobre a vecindade cunha mirada indiscreta do que percibimos pola apariencia ou escoitamos a través das paredes; pero tamén é unha análise sobre como as novas tecnoloxías (internet, os móbiles) inflúen no noso hábito de comunicación. Agora as nosas relacións sociais pasaron a basearse na proximidade a ser mediatizas pola tecnoloxía.
– AD: ¿É unha reflexión optimista ou feita dende a morriña?
– FA: Non me gusta a melancolía, pero tampouco é positiva. Limítome a dar conta do que acontece no meu tempo; trato de interpretalo sen o xulgar.
– AD: ¿Trátase dun ensaio con faciana de novela de ficción?
– FA: É totalmente ficción. Son moitas historias entrelazadas a través dos “hoax”, os bulos que chegan a través do e-mail.”
A Coruña: presentacións de O día que morreu Steve McQueen, de Kiko Neves, Desobediencia, de Rosa Enríquez, e Pegadas
O sábado 15 de outubro, ás 21:00 horas, no Centro Social Gomes Gaioso (Rúa Marconi, 9) da Coruña, terá lugar a presentación da novela O día que morreu Steve McQueen (unha novela de Xavi Ribak), de Kiko Neves, o poemario Desobediencia, de Rosa Enríquez, e o libro colectivo Pegadas, todos eles publicados por A Porta Verde do Sétimo Andar.
A Coruña: Memoria das Memorias dun neno labrego, espectáculo de Cándido Pazó sobre a obra de Xosé Neira Vilas
O sábado 15 de outubro, ás 20:30 horas, no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos) da Coruña, con entradas a 7 euros, terá lugar, na conmemoración do 50 aniversario da primeira edición das Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, un espectáculo en que Cándido Pazó combina a súa experiencia como autor, actor e director coa súa coñecida traxectoria como contador de historias, apoiado por un coidado traballo de videocreación.