Vigo: actividades destacadas do mércores 4 de xullo na Feira do Libro

Continúa a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta até o domingo 8 de xullo. As actividades máis destacadas do mércores 4 de xullo son:

– Desde as 11:00 horas, durante todo o día, Antonio Piñeiro asinará exemplares da súa novela As fiandeiras, publicada en Galaxia.
19:30 h.Agustín Fernández Paz asinará exemplares das súas obras.
20:00 h.: presentación de Dragal III. A fraternidade do dragón de Elena Gallego, publicado en Xerais. Intervirán, xunto á autora, Marcos Calveiro e Manuel Bragado.
21:00 h.: presentación de Atl , de Manuel Lourenzo González, publicado en Xerais, coa intervención de Manuel Bragado e o autor.

Vigo: actividades destacadas do martes 3 de xullo na Feira do Libro

Prosegue a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta até o domingo 8 de xullo. As actividades máis destacadas do martes 3 de xullo son:

19:30 h.: Alfonso Armada asinará exemplares de Mar Atlántico. Diario dunha travesía, publicado en Alento.
20:00 h.: presentación de Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño, publicada en Galaxia. No acto, xunto á autora, participan Carlos Lema e Manuel Forcadela.
21:00 h.: concerto-presentación do libro-disco Rapoemas, de Aid, publicado en Galaxia, coa presentación de Francisco Castro.

Vigo: actividades destacadas do luns 2 de xullo na Feira do Libro

Continúa a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta até o domingo 8 de xullo. As actividades máis destacadas do luns 2 de xullo son:

19:00 h.: presentación de Carné de identidade, de Mahmud Darwish, publicado en Barbantesa, traducido por Moncho Iglesias e Samar Sabat.
20:00 h.: presentación de En vías de extinción, de María Reimóndez, publicado en Xerais. Intervirán, xunto á autora, Michael Skinner e Manuel Bragado.
21:00 h.: presentación de A derrota de Galicia, de Antón Baamonde, tamén publicado en Xerais. No acto intervirán o autor e Manuel Bragado.

Anxo Angueira: “A nosa literatura vai por diante da nosa historia”

Entrevista a Anxo Angueira en El País:
“(…) – El País (EP): Escribe de oído?
– Anxo Angueira (AA): Se iso quere dicir que hai voces que soan detrás da miña escrita, si. Iria é unha novela de ritmo e de música, que sobe e baixa como o mar. Non concibo a literatura sen ritmo. (…)
– EP: Segue a ser útil a literatura para a resistencia?
– AA: A literatura é un capital simbólico impagable asociado ao principal rasgo da nosa identidade como nación, a lingua. Quen é o noso pai da patria? Rosalía de Castro, unha muller, unha escritora. Cando temos que invocar no mundo quen somos acudimos a Rosalía ou a Castelao, non a Pardo Bazán. España a Cervantes, Portugal a Camões, os ingleses a Shakespeare. Nós a Rosalía. A literatura, dixo Jameson, proporciona unha alegoría nacional. Non é historia, pero acompaña un proxecto político, e vai por diante. (…)
– EP: E por iso a épica?
– AA: Agás poucos poetas, como Pondal, tendeuse a desposuír o suxeito político pobo galego do seu rasgo épico, pero é unha dimensión que non lle podemos furtar. Sei que vou a contracorrente, pero é a miña maneira de vivir este mundo, o mundo do mar, o obreiro, o labrego. (…)”

A Arousa enche a literatura

“A última novela foi Tonas de laranxa, de María e Manuel Lourenzo, ambientado nunha aldeíña da costa da desembocadura do río Ulla e a ría de Arousa, rodeada de laranxeiras. E non está publicada porque foi galardoada co Premio Xerais de novela hai menos dun mes. Pero non só iso: nos últimos anos, numerosas novelas de éxito escollen a ría de Arousa, a súa cultura e a sáu paisaxe humana como un fértil territorio literario. Explóraa connosco no noso mapa interactivo e participa con outras paisaxes literarias. (…)” Vía Cultura Galega.

Anxo Angueira: “Obras absurdas, pensadas coa mentalidade colonial do franquismo, tamén se fan agora”

Entrevista a Anxo Angueira en Praza:
“(…) – Praza (P): Chega Iria despois de Pensa nao. Non deixa de ser curioso que, sendo ti de interior, lle concedas tanto protagonismo nos teus libros á navegación…
– Anxo Angueira (AA): Si, os barcos son unha obsesión particular miña desde que comecei a escribir, xa desde O valo de Manselle. En Pensa nao están xa desde o título e a portada. É certo que eu son de interior pero na miña aldea vía barcos polo río, e ese mundo sempre me resultou moi atractivo. Quedei con esa paisaxe da navegación polo Ulla.
– P: O galeón Iria é protagonista da historia, tanto como ese catálogo de afogados que poboan boa parte das páxinas da novela…
– AA: Hai tres liñas principais. Unha é a do galeón Iria, coa historia do patrón, o mariñeiro e o rapaz; e María, que é unha activista da Resistencia antifranquista. Outra historia paralela é a da construción do regadío, cun protagonista colectivo formado por moitas personaxes. E despois está o mundo dos afogados, que son reais, aínda que as súas historias están literaturizadas. Hai no libro unha poética xeral de cavar na foxa común, que é a Historia. Nesa foxa común está o mar, os afogados, o vocabulario mariñeiro, ou a náutica tradicional, que tivo que vir un antropólogo sueco, Staffan Mörling, para recuperala. E tamén están os acontecementos históricos da organización da Resistencia antifranquista dos últimos anos 60. No 67 apareceron pegados por todo o país uns colantes que poñían Libertade pra Galicia. E no 68, polo 25 de xullo, na Concentración Nacional en Compostela, foi despregada diante da Policía e dos militares unha pancarta na que se podía ler Galiza Ceibe e Socialista. O canal de regadío foi unha obra absurda, proba da mentalidade colonial do franquismo, pois podía ter sentido en Extremadura, pero non aquí. Construíse e non chegou a usarse nunca. A folga da que falo na novela existiu tamén de verdade. (…)”

Vigo: presentación de Cartas ao director, de Rafael Laso Lorenzo

O xoves 28 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27), preséntase o novo libro de Rafael Laso Lorenzo, Cartas ao director, publicado en Tambre. No acto, xunto ao autor, intervirán Ricardo Soto e Fran Alonso.

A Coruña: presentación de As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes

O xoves 28 de xuño, ás 20:30 horas, na Biblioteca González Garcés (Rúa Miguel González Garcés, s/n) da Coruña, preséntase o libro As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Pablo Vaamonde García, Che Turnes e Manuel Bragado.