Entrevista
a Anxo Angueira en Faro de Vigo, desde Xerais:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Moito se ten falado da débeda que a literatura galega mantén coas xentes do mar. Aínda que Iria está protagonizada, máis que polo mesmo mar, polo río Ulla, vén ser esta, dalgún xeito e entre outra cousas, a homenaxe que Vde. lle fai á xente mariñeira de Galicia?
– Anxo Angueira (AA): O protagonismo correspóndelle a un galeón e outras embarcacións, como as dornas, que navegan a vela pola Arousa e polo río Ulla.No noso imaxinario, o repertorio labrego de arado ou sacho está moito máis afirmado que a náutica de embarcacións a vela tradicionais,que mesmo en vilas mariñeiras é desconsiderada. Neste sentido, segue tendo moita vixencia A fiestra baldeira de Dieste: odiamos o noso pasado mariñeiro, especialmente o da vela,por pobre. A homenaxe é para as asociacións que hoxe, cun grande esforzo, traballan para mantéreno vivo con publicacións coma Ardentía ou a organización dos encontros de embarcacións tradicionais. (…)
– FdV: Utiliza Vde. moitas expresións mariñeiras que transgreden a normativa actual do galego. O outro día, Xosé Neira Vilas, que tamén o fai, pero no eido rural, dicíame que era o seu xeito de enriquecer a nosa propia lingua con “novas (aínda que sexan vellas) palabras”. Tamén no seu caso é así?
– AA: Non teño claro que a lingua desta novela, nin a das de Neira Vilas, transgreda a normativa. A lingua literaria, xa Manuel Antonio dicía, non debe vivir sometida ás prisións empobrecedoras dos usos formais. En galego e noutras linguas: o caso de Valle-Inclán, ou mesmo Cela, en español, coas súas respectivas hibridacións galeguistas, son ben máis transgresores. O que si quixen foi navegar polos mares de palabras do noso mar e da nosa náutica tradicional, pola relinga, de couse, cazando escota. Mares de palabras e voces e ditos coma area que escasamente tiveron tratamento literario. A lingua do mar, a pesar de Manuel Antonio ou Bernardino Graña ou Fernández Rei, aínda non ten na literatura o peso histórico e cultural que realmente ten a Galicia mariñeira. (…)”
Arquivo da categoría: Narrativa
Vigo: café literario arredor de A semellanza, de María Xosé Queizán
O
mércores 27 de xuño, ás 18:00 horas, terá lugar unha nova edición do Café literario do Centro de Documentación e Recursos Feministas (Biblioteca Pública Central. Rúa Joaquín Yáñez, 6 – 2º) de Vigo, onde se falará sobre a obra de María Xosé Queizán A semellanza, publicada por Sotelo Blanco. Como relatora estará Elisabet Pérez, vicepresidenta da asociación Nós mesmas.
“Cartas de inverno ten algo especial, e eu síntome privilexiado por levalo a imaxes”
Entrevista
a Antonio Seijas en Dioivo:
“Cartas de inverno, o coñecido libro de Agustín Fernández Paz, terá unha versión en banda deseñada, editada por Xerais, que sairá do prelo o próximo outono. Falamos con Antonio Seijas, o ilustrador que se está a encargar deste proxecto.
– Dioivo: Primeiro, como xorde o proxecto de pasar a banda deseñada Cartas de inverno. Foi un encargo da editora?
– Antonio Seijas: Escribín unha introdución no album para explicar como foi xurdindo todo. En líneas xerais podo dicir que foi cousa miña. Anos atrás Xerais encargoume a cuberta para unha nova edición do libro, e desde entón levaba dándolle voltas á idea de facer unha adaptación a banda deseñada. A partir de aí foi cuestión de comentarllo a Xerais e máis a Agustín, que sempre estiveron a favor da idea, e ir atopando tempo para facelo. (…)”
Futuro imperfecto, de Xulia Alonso, premio Frei Martín Sarmiento
Fallouse,
na súa categoría máis alta, Adultos, o Premio Frei Martín Sarmiento, un galardón que recoñece as mellores obras publicadas durante os dous anos anteriores a xuízo dos escolares galegos. A obra de Xulia Alonso, Futuro imperfecto foi elixida gañadora deste prestixioso premio. No acto de entrega no Colexio Miraflores de Ourense a escritora amosábase emocioanda e entusiasmada con este recoñecemento máis que merecido.
Meteorito Polaroid
“As
augas baixaban tranquilas polo río da narrativa galega en 1986. Poetas de tendencia veneciana arriscaban armas na prosa e as novelas sucedíanse sen maiores sobresaltos. Sobrevivían o epigonalismo cunqueirián e a épica poscéltica. O ruralismo esmorecía. Ese era, a trazo groso, o mundo que recibiu a Polaroid (Xerais), de Suso de Toro (Compostela, 1956), o espello en cachizos dunha realidade en descomposición. Sete escritores contemporáneos falan do impacto do libro. (…)” Vía El País.
As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes, entrevista en Fervenzas
Entrevista
a Manuel Iglesias Turnes en Fervenzas Literarias:
“Historias que furgan na sensibilidade, historias de amor, historias da terra. Historia latente do teu país. Manuel Iglesias Turnes ofrece ao lector con As rapazas de Xan (Xerais) -novela primeira do autor barcalés- un relato sobranceiro protagonizado polo amor en tempos escuros. Meritoria é a capacidade de Iglesias Turnes de contarnos esta historia cunha incrible e ben traballada sinxeleza, tirando da memoria para fornecer de autenticidade páxina a páxina. Iglesias Turnes recrea en As rapazas de Xan a vida dunha aldea galega da década dos cincuenta, cando raiolas de modernidade comezaban a escrutarse no horizonte agás na férrea moralidade erguida co lume e chumbo. As relacións entre veciños, as festas, a vida na aldea, a emigración … Seremos testemuñas emocionais dos sucedidos, penalidades e alegrías que nese mundo rural, tan preto e tan lonxe, acontecía. Moitas e moi boas son as virtudes que se poderían subliñar de esta novela. Gocemos, pois, desta historia de historias da nosa recente historia. (…)”.
Vigo: presentación de Iria, de Anxo Angueira
O
venres 22 de xuño, ás 20:30 horas, no local da Asociación de Veciños de Bouzas (Rúa do Pazo, 2) de Vigo, preséntase o libro Iria, de Anxo Angueira, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Gustavo Luca de Tena e Manuel Bragado.
Vídeo da entrega do Premio Xerais 2012 a María Lorenzo e Manuel Lorenzo Baleirón
Ourense: presentación de Olladas, de Adelaida Vidal
Santa Comba: presentación de As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes
O
venres 22 de xuño, ás 21:00 horas, na Libraría Ler (Rúa Rosalía de Castro, 32) de Santa Comba, preséntase o libro As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Pablo Vaamonde García, Isabel Ares, José Manuel López Tuñas e Che Turnes.
