Begoña Caamaño: a transgresión do mito, entrevista con Ramón Nicolás

Entrevista de Ramón Nicolás a Begoña Caamaño no blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás: A súa presenza como novelista é recente. Que lle impulsou a publicar?
– Begoña Caamaño: É difícil contestar con honestidade a esta pregunta. Quizais o máis honrado sería contestar simplemente que a «vaidade», pero non é tan sinxelo. Son unha escritora serodia. Circe, a miña primeira obra publicada é tamén a miña primeira novela escrita. Nunca antes me aproximara como autora á literatura. A idea dunha relación entre Circe e Penélope levaba anos dando voltas na miña cabeza, pero máis como desexo lector que como intención autoral. Comecei a escribila como un reto persoal. Quería comprobar se era capaz de escribir unha historia propia cunha certa calidade estética (tras vinte anos de xornalismo radiofónico e concisas crónicas «contrarreloxo» dubidaba da miña capacidade para unha narración de alento máis longo e sostido) e un mínimo de interese literario. A súa posterior publicación debeuse fundamentalmente ao entusiasmo e insistencia das amizades que leron o borrador e á xenerosidade da Editorial Galaxia que se atreveu a publicar un texto dunha autora descoñecida. (…)”.

Vigo: presentación de Xoán Branco e a gran revolta irmandiña en Vigo, de Fran Zabaleta

O xoves 14 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Cartabón (Rúa Urzaiz, 125) de Vigo, preséntase a novela Xoán Branco e a gran revolta irmandiña en Vigo, de Fran Zabaleta, publicada por NigraTrea. No acto, xunto ao autor, participará Carme Pérez Vaquero.

Manuel Lorenzo Baleirón e María Lorenzo: “Se tivesen certa conciencia poética, non pasarían cousas coma a dos bancos e as preferentes”

Entrevista a Manuel Lorenzo Baleirón e María Lorenzo, gañadores do Premio Xerais 2012, en Praza:
“(…) – Praza: Tonas de laranxa nace dun conto escrito por María hai xa uns anos. Como foi?
– Manuel Lorenzo: Si. A miña filla escribiu un conto hai xa tres ou catro anos. A min gustoume moito, pola súa frescura, a súa linguaxe nova… María estudou Comunicación Audiovisual e o conto tiña algo de relación co mundo do cine, cunhas imaxes moi impactantes… Eu quería que ela o pulise. Insistín ano tras ano, ata que lle dixen que ou o facía ela ou me poñía eu con ela ao lado. E así fixemos. Fomos dándolle forma entre os dous, nun proceso de intercambio e diálogo. Os dous faciamos propostas, chegabamos a acordos… O conto está influenciado polo que María estaba lendo daquela: Cunqueiro, Eusebio -irmán meu e tío dela-, polas novelas de Anxo Angueira… É prosa poética, que cremos que é tan válida ou máis para enfrontar o mundo ca calquera outro medio. É un xeito de tentar comprender o mundo e transformalo. Eu non quería traizoar o espírito do conto, a súa frescura. De todos os xeitos penso que as obras son sempre de todos, e non é falsa modestia: o galego que usamos é da xente…, e os escritores son tamén os lectores…
– María Lorenzo: Foi hai tres ou catro anos cando escribín o conto, si. Fíxeno en quince ou vinte días, e aí quedou. Desde aquela non volvín escribir moito: escribo de xeito ocasional, e para min, textos pequenos. Si nos influenciaron lecturas comúns, como Cunqueiro. De feito o libro comeza cunha cita de Si o vello Simbad volvese ás illas. Eu acababa de ler Merlín e familia cando o escribín, e interésame moito esa mestura súa do imaxinario co real. (…)”

Aparece parte dunha novela e un poema inéditos de Otero Pedrayo

“Estes días, a Fundación Penzol, esa fonte inesgotable e esencial de documentación, sen dúbida, a máis importante de Galicia, informaba do descubrimento de parte dunha novela e un poema inéditos de Ramón Otero Pedrayo. O achádego é dunha importancia fundamental e verá a luz na Editorial Galaxia en breve. O descubrimento é froito do traballo colaborativo entre a Universidade de Vigo e a Fundación Penzol que dirixe Alfonso Zulueta de Haz. Xeórxicas do pan, que así se chama o poemario, consta de 1400 versos (…)” Vía Galaxia.