Monforte: actividades destacadas do xoves 25 na Feira do Libro

A XIV edición da Feira do Libro de Monforte, aberta desde o mércores 24 ao sábado 27 de agosto, na rúa Cardeal, con horarios entre as 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas, contará cos seguintes actos destacados para o xoves 25:

19:00 h. Cándido Pazó ofrecerá o monólogo humorístico Cunqueiradas, baseado en textos de Álvaro Cunqueiro.
20:30 h. Presentación dos libros Noutra dimensión, publicado en Galaxia, e Onde houbo lume, publicado en Biblos Clube de Lectores, de Marica Campo, a cargo da propia escritora.

Soutelo de Montes: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández

O venres 19 de agosto, ás 20:30 h., no Auditorio de Soutelo de Montes, preséntanse os libros Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia, e O bestiario máxico do abade Eliseo e outras narracións insólitas, de Francisco Rozados, Rochi. No acto, no que o autor estará acompañado por David Raposeiras Correa e Xosé Luna Sanmartín, haberá tamén unha actuación musical a cargo do dúo de guitarra e voz Andrea e Xavi.

Muros: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández

O mércores 17 de agosto, ás 20:00 horas, na antiga fábrica de sel, en Porteliña, s/n., Muros, preséntase Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia. No acto participan, acompañando ao autor, Noelia Mancebo, Rosario Fernández Piñeiro e Eduardo Galán.

José Luis Cuerda levará ao cine Todo é silencio, de Manuel Rivas

“José Luis Cuerda volve á dirección (…) cun thriller ambientado en Galicia con guión de Manuel Rivas e producido por Gerardo Ferreiro: Todo é silencio. A película, que comezará a rodarse a finais deste mes, contará para os protagonistas principais cos actores Quim Gutiérrez, Miguel Ángel Silvestre e a actriz viguesa Celia Freijeiro. A historia, que Manuel Rivas realizou por encargo do produtor e terminou convertendo nunha novela que, co mesmo título, publicouse en outubro do ano pasado, fala do narcotráfico e das redes de contrabando que actúan na costa atlántica española e que acaban por controlar a vida dos pobos nos que recalan. Pero tamén é unha historia de amor a tres, dous amigos da infancia e unha muller que se dedican a explorar a costa en busca do que o mar arroxe, sen saber que o seu destino estará ligado ao omnipresente e corrupto “capo” galego, dono de case todo no seu pequeno pobo. “Cando ao falar te xogas a vida, todo é silencio”, explica Manuel Rivas sobre a súa obra. (…)”. Vía Galiciaé. Tamén recollido en La Voz de Galicia.

Viveiro: actividade máis destacada do martes 16 na Feira do Libro

Remata a 15º Feira do Libro de Viveiro, que se celebra nos Xardíns Noriega Varela até o martes 16 de agosto, con horarios de 12:00 a 14:00 h. polas mañás e de 18:00 a 22:00 h. polas tardes.

A actividade máis destacada deste último día é a seguinte:
20:30 h. Presentación do libro A vida fóra, de Miguel Sande, publicado en Galaxia. Xunto ao autor participa no acto Carlos Nuevo.

Cee: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández

O xoves 11 de agosto, ás 19:00 h., dentro da Feira do Libro de Cee, preséntase a novela Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicada en Galaxia. No acto, o autor estará acompañado por Noelia Mancebo e Marcela Riera.

A Coruña: actividades do martes 9 na Feira do Libro

Estas son as actividades máis destacadas do martes 9 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, nos Xardíns de Méndez Núñez, aberta até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:

19:00 h. Francisco X. Fernández Naval presenta o seu libro de poesía, en edición bilingüe (galego e castelán) Golpear de sombras, publicado pola editorial Huerga y Fierro. Xunto co autor, participarán no acto a poeta Eva Veiga e a profesora e traductora Teresa Seara.
20:00 h. Presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia, coa participación, acompañando ao autor, de Víctor F. Freixanes e Ángel de la Cruz.

A Coruña: actividades do domingo 7 na Feira do Libro

Estas son as actividades máis destacadas previstas para o domingo 7 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, que estará aberta nos Xardíns de Méndez Núñez até o mércores 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:

19:00 h. Presentación do libro Guía das libélulas de Galicia, do investigador e naturalista vigués Miguel Ángel Fernández Martínez, publicado en Baía. O autor estará acompañado polos investigadores de zonas húmidas de Galicia e naturistas galegos Anxo Rajou e Alberto Gil.
20:00 h. Presentación do libro Contos e descontos. Narrativa completa de Claudio Rodríguez Fer publicado en Toxosoutos. Xunto co autor, participará no acto Xosé Luís Axeitos, secretario da Real Academia Galega e David González Couso, director de publicacións da editorial.

Abelleira, Muros: presentación dos libros Tamén navegar, Capitán Wood e Derrota e singraduras de Joaquín Vieta

O sábado 6 de agosto, ás 20:00 horas, dentro da Festa Abelleira Mariñeira 2011, que se celebra na praia de Ventín (Abelleira, Muros), terá lugar un Faladoiro sobre os libros, en que se darán a coñecer as seguintes obras: Tamén navegar, presentado por Francisco X. Fernández Naval, Capitán Wood, e Derrota e singraduras do Joaquín Vieta, presentados por Lino J. Pazos.