Made in Galiza (Galaxia), de Séchu Sende, Premio Ánxel Casal ao libro do 2007

«Despois da primeira votación entre as candidaturas presentadas ao Premio Ánxel Casal ao Libro do ano, co que se pretende recoñecer un libro editado polos membros da AGE e publicado orixinalmente en lingua galega entre o 1 de decembro de 2006 e o 30 de novembro de 2007, resultaron finalistas as seguintes obras: “De provincia a nación. Historia do galeguismo político”, de Justo Beramendi (Edicións Xerais de Galicia), “Made in Galiza”, de Séchu Sende (Editorial Galaxia) e “¿Para que serve a Historia de Galicia?”, de José Carlos Bermejo Barrera (Edicións Lóstrego). Trala derradeira votación resultou gañadora EDITORIAL GALAXIA por “Made in Galiza”, de Séchu Sende.» (AGE)

Cea “García Barros”

«Con posterioridade á entrega do Premio García Barros a Francisco Castro, o Concello da Estrada e Editorial Galaxia organizaron este ano, por primeira vez, unha Cea Literaria na que escritores, críticos e editores reflexionaron ao redor dun tema central relacionado coa obra premiada.

Os novelistas Xerardo AgraFoxo, Alfonso Álvarez Cáccamo, Francisco Castro, Manuel Darriba, Jaureguizar, Xosé Monteagudo, Antón Riveiro Coello, Séchu Sende e Anxos Sumai, na compaña do crítico literario Xosé Manuel Eyré e mais dos editores Víctor F. Freixanes e Carlos Lema, que se encargou de conducir o debate, mantiveron un coloquio sobre “Ficción e verosemellanza: da imitación da realidade á novela histórica”. […]» (Editorial Galaxia)

An Alfaya en Santa Comba

O venres 14 de decembro a escritora viguesa An Alfaya estará no IES Terra de Xallas (Santa Comba) para comentar co alumnado de 2º da ESO a súa novela Matei un home (tresCtres Editores, 2005), que resultara gañadora do Premio de Novela Curta “Xulián Magariños Negreira”, convocado en 2004 polo Concello de Negreira e a Fundación Feiraco, co gallo do centenario do nacemento do escritor negreirés (1904 – 1934).
Este acto literario está organizado conxuntamente polo Departamento de Lingua e Literatura Galegas, a Biblioteca e o Equipo de Normalización Lingüística do IES Terra de Xallas, co patrocinio de tresCtres Editores. Comezará ás 11:30 horas na Biblioteca deste centro de Secundaria de Santa Comba.

Unha falsa luz, de Xavier Alcalá, preséntase n’ A Coruña

Xavier Alcalá presentará na Fnac d’ A Coruña a súa nova novela Unha falsa luz, coa que completa a triloxía “Evanxélica memoria”. Será ás 19:30 horas e o acto contará, ademais de coa presenza do autor, coa do Pastor evanxélico Timoteo Figueirido, do editor Víctor Freixanes e do escritor Xulio López Valcárcel. (Cultura Fnac)

Preséntase en Compostela O neno que tiña medo dos robots / O robot que tiña medo dos nenos, de Miguel Vázquez Freire e Xosé Tomás

<em>O neno que tiña medo dos robots / O robot que tiña medo dos nenos</em> é un dobre conto que o martes día 4 de decembro presentan na Biblioteca da Fundación Galicia (rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16, Santiago) os seus autores: o escritor Miguel Vázquez Freire e o ilustrador Xosé Tomás. No acto de presentación un grupo de compoñentes do grupo de teatro do IES Eduardo Pondal, onde imparte clases Miguel Vázquez Freire, fará unha lectura dramatizada do conto acompañada dunha banda sonora seleccionada para a ocasión e a proxección das imaxes de Xosé Tomás.