Santiago: actividades literarias do luns 25 no Festigal 2011

Na Galería das Letras do Festigal 2011, que se celebrará no Campus Universitario Sul de Santiago de Compostela, terán lugar as seguintes actividades literarias o luns 25 de xullo:

16:00 h. Presentación do libro Todas as mulleres que fun, de Andrea Nunes Brións. Falan: Maria Rosendo, Pepe Árias e Andrea Nunes.
16:45 h. Presentación da novela In vino veritas, de Francisco Castro, publicada en Galaxia. Participan Víctor F. Freixanes, Malores Villanueva e o autor.
17:20 h. Presentación de Ártico 2.0, de Xavier Queipo, publicado en Galaxia. Participan Víctor F. Freixanes, Alfonso Álvarez Cáccamo e o autor.
17:55 h. Presentación da iniciativa Sermos Galiza, coa intervención de Teresa Moure, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Marga Romero.
18:15 h. Presentación do libro Rosalía, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez, editado pola AS-PG.
20:30 h. Presentación de Cociñando ao pé da letra, coordinado por Yolanda Castaño e Andrea Costas, publicado en Galaxia, coa participación de Marga do Val, Francisco Castro e as coordinadoras do libro.
21:15 h. Presentación do libro Falar com Jeito, de Fernando Corredoira, publicado en Através. Participa o autor acompañado por Valentim R. Fagim.

Santiago: actividades literarias do domingo 24 no Festigal 2011

Na Galería das Letras do Festigal 2011, que se celebrará no Campus Universitario Sul de Santiago de Compostela, desenvolveranse as seguintes actividades literarias o domingo 24 de xullo:

16:30 h. Presentación do libro O mundo secreto de Basilius Hoffman, de Fernando Cimadevila e Iván Valladares, publicado en Urco Editora. Falam Fernando Cimadevila e Tomás González Ahola.
17:15 h. Presentación do libro Poemas no faiado. Antologia de Poesia lusófona para crianças, de varios autores. Falan Gemma Fernández e José Antom Serém (coordenadores do livro).
17:45 h. Presentación do libro Cartas do Cárcere de Antonio Gramsci, publicado en Estaleiro.
18:30 h. Presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. Acompañan ao autor Dalila Dopazo, Anxo Louzao, Carlos Outeiro e Manuel Bragado.
19:15 h. Presentación do libro Ecolingúística, entre a Ciencia e a Ética, de Teresa Moure, publicado na editora UDC. Intervirán: Teresa Moure e Marga do Val.
21:30 h. Presentación da Biblioteca H. P. Lovecraft (colección de libros, dos que haberá 3 editados), publicados en Urco Editora. Falarám Tomás González Ahola e Denís Fernández Cabrera.

Celanova: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández

O xoves 21 de xullo, ás 20:30 h., na Casa-Museo de Curros Enríquez (Rúa Curros Enríquez, 37) de Celanova, preséntase a novela Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicada en Galaxia. No acto estará acompañado por Antonio Piñeiro e Xosé Manoel Rodríguez.

Agustín Fernández Paz: “A trama, debedora da novela negra, é só un pretexto para falar da miña xeración”

Entrevista de Tucho Calvo a Agustín Fernández Paz en Biblos Clube de Lectores:
“- Biblos Clube de Lectores (BCL): ¿Qué representa esta obra [Non hai noite tan longa] para vostede no conxunto da súa creación?
– Agustín Fernández Paz (AFP): Aínda que parece unha novela distinta, o certo é que está feita cos mesmos criterios e técnicas cás anteriores. Cando o escrito estaba relativamente acabado, paseillo como fago sempre a Manolo Bragado e suxeriume publicalo na colección de adultos. Xa non era a primeira vez, e sempre me negara. Pasara por exemplo con Aire negro. Pero esta vez aceptei. Quizais porque ao mellor a literatura xuvenil xa non está tan oculta como estaba, porque moitos adultos se achegan a ela e hai  moitos mozos que len coleccións de adultos. Agora estou expectante por saber se realmente vou conservar os meus seguidores de sempre e se gaño outro público. (…)
– BCL: A obra evoca moitos dramas silenciados. ¿Seguen existindo a día de hoxe?
– AFP: Onte mesmo escoitei a noticia da exhumación de tres corpos na Línea de la Concepción que tiñan relación cos casos de nenos roubados. Este é un drama arrepiante coma outros moitos que seguen aparecendo. O que conto na novela, que socialmente é un caso menor en comparación con moitos sucesos da guerra e da postguerra, é un feito que estraga a vida de toda unha familia, e cousas así houbo moitas: desde o profesor represaliado que tivo que dedicarse a outros mesteres aos que quedaron marcados como roxos… grandes dramas para quen os sufren. Os acontecementos, as reaccións, a inxustiza, as enormes diferenzas de clases sociais, sobre todo nas vilas… Quixen narrar, en definitiva, o clima daquela época. (…)”

Iria Ameixeiras: “Das crebas recollo verdades coma puños que arrastra o mar e despois enchen páxinas”

Entrevista a Iria Ameixeiras en Letra en Obras:
“Iria Ameixeiras é da Costa da Morte. A súa capacidade para ensarillar unhas letras coas outras xa foi recoñecida de ben nova no Concurso de Redacción Coca-Cola e máis tarde no Gz Crea do ano 2008, onde resultou gañadora do apartado de relato coa narración A confraría das palabras. Actualmente ten viradas as enerxías cara a formación xornalística, e durante o pasado ano mantivo, dende as terras finesas onde cursou o terceiro ano da carreira, o blog A furna dos remorsos. Participou no volume colectivo Letra en Obras, 17 letras sen día co texto titulado A Nasa. Neste ano 2011 foi elixida finalista do VII Premio Biblos – Pazos de Galicia de novela, que esta semana dará a coñecer o seu gañador ou a súa gañadora. (…)”

Quilmas (O Pindo, Carnota): presentación de Madeira de mulher, de Adela Figueroa

O sábado 16 de xullo, sobre as 20:00 h., en Quilmas (O Pindo, Carnota), dentro das actividades do mercado tradicional e ecolóxico organizado polo colectivo Raínha Lupa, cooperativa de agricultura ecolóxica, preséntase a colectánea de relatos Madeira de mulher, de Adela Figueroa Panisse, publicada en Edicións do Castro.

Cándido Pazó leva Memorias das memorias dun neno labrego, baseado no texto de Xosé Neira Vilas, a Río de Janeiro

“A escena galega amosarase por vez primeira no Festival de Teatro en Língua Portuguesa (FESTLIP) de Río de Xaneiro mediante 4 funcións do espectáculo Memoria das memorias dun neno labrego, un monólogo escénico-narrativo co que Cándido Pazó rende homenaxe ao libro de Xosé Neira Vilas no 50 aniversario da súa primeira publicación. A Agadic da Consellería de Cultura e Turismo e o Consello da Cultura Galega (CCG) copatrocinan a presenza da compañía Abrapalabra Creacións Escénicas con esta montaxe na cuarta edición deste importante encontro tearal que se desenvolve do 20 ao 30 de xullo na cidade brasileira. O espectáculo, dirixido e interpretado polo propio Pazó, onde ofrecerá un total de 4 representacións en distintos escenarios do FESTLIP, concretamente os días 23 e 24 no Teatro Municipal Carlos Gomes e os días 30 e 31 no Teatro Ziembinski. A proposta galega súmase deste xeito á ducia de montaxes procedentes de Portugal, Angola, Mozambique, Cabo Verde e Brasil que integran unha carteleira de máis de 40 escenificacións. O Festival, destinado fundamentalmente a promover o intercambio teatral entre países de lingua portuguesa, presenta unha intensa programación que se completa con mesas de traballo e debate, unha exposición fotográfica, concertos e unha mostra gourmet.” Vía Xornal de Galicia. Tamén en Cultura Galega.

A Coruña: exposición Formas de ver a Bóveda, até o 31 de agosto

Do xoves 7 de xullo ao mércores 31 de agosto, con horario entre as 16:30 e as 19:30 horas de luns a xoves, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, está aberta ao público a exposición multidisciplinar Formas de ver a Bóveda, composta por obra gráfica, pintura, escultura e manuscritos de artistas, escritores e escritoras de todo o país (estes últimos en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) que acudiron á chamada da Asociación Cultural para expresar como ven eles, 75 anos despois do seu asasinato, a figura de Alexandre Bóveda.
A listaxe de artistas é a seguinte: Ánxeles Penas, Sonia Esturao, Magaly, Deli Sánchez, Jose Luis Busto, Berta Ares, Ana Martínez, Sara Garrote (Chuca), Sabela Baña, Alfredo Constela, Nito Davila, Óscar Carballo, Maria Braxe, Nando Pereiro, Maribel dos Anxos, Iglesias Diz e Nolo Suárez.
A listaxe dos autores dos manuscritos está conformada por: Xavier Queipo, Francisco Castro, Olga Patiño, Ana Arias Saavedra, Alberto Suárez Figueiras, Xosé Vázquez Pintor, Xosé María Álvarez Cáccamo, Vicente Piñeiro González, Xosé Neira Vilas, Rafael Lema, Afonso Álvarez Cáccamo, Fina Casalderrey, Concha Blanco Blanco, Felipe Senén, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Salvador García-Bodaño, Xoán Xosé Fernández Abella, Lucía Novas e Adolfo Caamaño Vázquez.

Entrevista a Francisco Castro en Qué leer

Entrevista a Francisco Castro en Qué leer, traducida ao galego por Ramón Nicolás no seu blogue Caderno da Crítica:
“(…) – Qué leer (QL): Dende a túa atalaia como editor en Galaxia, como enfrontas os desafíos destes tempos?
– Francisco Castro (FC): O futuro é dixital, e témolo moi claro. Galaxia non é unha empresa, é un proxecto, é unha idea de país e sempre quixo que a literatura galega estivese na modernidade. Hoxe estamos encantados de recibir galardóns, algúns recoñecendo o noso traballo nas novas tecnoloxías. A isto engadimos a nosa presenza nas redes sociais, na blogosfera… Ou a lingua galega está aí ou cómennos.
– QL: Noutra orde de cousas, que cambiou en ti despois do multipremiado e reeditado Chamádeme Simbad, hai pouco traducido o castelán e catalán?
– FC: En min hai algo antes e despois deste libro. Non a nivel estilístico porque ese narrador que eu utilizo está sempre, pero si cambiou a nivel de percepción social da miña obra: as alegrías que me deu este libro son moitas, aínda que nacese dunha ferida. Decátome de que con el cheguei a obter recoñecemento da crítica e de lectores; ao tempo permitiume valorar a importancia da literatura. Noto a sensibilidade dos lectores máis novos sobre o tema que trato na novela, que é o Alzhéimer.
– QL: Consideras necesaria a proxección cara a fóra da nosa literatura?
– FC: Absolutamente. Eu sempre digo que escribo non só para que me lean en Galicia senón para que me lean en todo o mundo, e escribo dende a miña lingua. A miña novela Xeración perdida está tamén a punto de saír en castelán no selo Pulp Books: é unha das miñas novelas máis queridas, se pode chegar a outras latitudes será unha grande alegría. (…)”