Celanova: presentación de Deus xogando aos dados, de Fernando Méndez

O martes 19 de abril, ás 20:00 h., na Casa dos Poetas (Rúa Curros Enríquez, 37) de Celanova, preséntase o libro Deus xogando aos dados, de Fernando Méndez, publicado en Sotelo Blanco, obra gañadora do Premio Vicente Risco de Creación Literaria 2010.

Xesús Manuel Marcos: “En Galiza hai veteranos de guerra menores de 30 anos”

Entrevista a Xesús Manuel Marcos en A Nosa Terra:
“- A Nosa Terra (ANT): A guerra dos Balcáns é un tema inédito na literatura galega. Por que se interesou polo tema?
– Xesús Manuel Marcos (XMM): Coido que ningunha guerra nos é allea, menos aínda unha na que xente próxima a nós participou. Coñecín xente que estivera alí e tiñan un testemuño moi diferente do que se nos “vende” a diario sobre as misións humanitarias no estranxeiro. Considerei necesario expoñer esoutra verdade fronte á idea que nos queren facer crer os grandes medios e os políticos. Quería escribir un libro que lle servise a quen o lea para formarse unha opinión real da participación do exército español na guerra dos Balcáns. (…)
– ANT: Vostede é un escritor en galego que vive en Madrid. Esa distancia favoréceo ou benefíciao?
– XMM: Para escribir, coido que me beneficia. Non só pola distancia senón polo feito de vivir en Madrid, unha cidade grande na que pasan moitas cousas e na que tes acceso a moita información que sería máis complicado obter nun lugar pequeno. Pero en xeral síntome orfo por morar lonxe de Galiza e gustaríame moito voltar se houbese posibilidade. En canto á visibilidade do teu traballo, penso que os que vivimos fóra estamos un pouco esquecidos, que os compañeiros non nos toman moi en conta.
– ANT: Unha das promesas da Consellaría de Cultura foi internacionalizar as letras galegas. Nótase esa presenza en Madrid?
– XMM: Institucionalmente, os organismos galegos culturais en Madrid teñen pouca actividade: algunha conferencia de cando en vez. A cultura galega non existe coma tal e só a través da iniciativa particular se move algunha cousa. Chama a atención a falta de apoio á tradución. Mentres ese asunto é capital na política cultural de Escandinavia –o que explica que haxa tanta literatura sueca nas nosas librarías– os esforzos de levar as nosas letras a outros mercados estaos a levar no lombo a empresa privada (caso de Pulp Books ou Faktoría K, por exemplo). E non poden pór a escusa dos cartos porque os custos da promoción son baixos. Tanto custa favorecer que se presenten libros e se asinen na Feira do Libro de Madrid? Son moitos os galegos que viven aquí e que celebrarían ver a súa cultura protexida e difundida nun acto tan popular. Eu un ano estiven, grazas á colaboración cunha libraría, e a aceptación foi grande, a pesar de ir “a pelo” coma quen di. Cando falan de internacionalización, deberían aclarar se a proposta é seria porque na práctica diso non hai nada. Fai falta unha institución que planifique a estratexia de difusión, implicando con vontade real os autores e editores. Cunha pouca ansia sería abondo. En Madrid hai a diario ciclos de autores portugueses, latinoamericanos, estadounidenses… Por que non galegos? Porque penso que o nivel de calidade é actualmente alto e si hai material exportábel pero non medios.”

Pontevedra: presentación e lectura dramatizada de collage, de Esther F. Carrodeguas

O venres 15 de abril, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Pontevedra (Rúa Oliva, 24), terá lugar unha lectura dramatizada sobre o libro collage, de Esther F. Carrodeguas (escritora e actriz), publicado pola editorial Barbantesa. No acto, organizado polo Ateneo de Pontevedra, intervirán a propia autora, Xisela Maneiro (actriz) e Carlos Gálvez (actor).

Chelo Suárez: A violencia e o terror

Entrevista a Chelo Suárez en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Salientas moito a idea de que o golpe e a guerra foron froito da ignorancia e do fanatismo…
– Chelo Suárez (CS): Foron uns cantos os que deron o golpe, e moitos outros os fanáticos que o secundaron. Foi unha guerra cainita. E creo que canta máis ignorancia haxa máis doado será que se obedeza, que non se faga fronte, a xente como a que causou a guerra.
– GH: Pero non hai que caer no discurso da guerra das pelexas por envexas entre veciños, non si?
– CS: Non, claro, a guerra tivo un fondo político, e na novela vese como hai xente detida polas súas ideas republicanas… Pero tamén é certo que houbo xente que aproveitou para a vinganza, e xente que se beneficiou coa guerra, como os estraperlistas que especulaban coa fame.
– GH: Hai tamén unha pegada da túa poesía, partes bastante líricas aínda que sexa prosa. E tamén está presente a sensualidade como en Corpo de mar ou A venus de Cristal.
– CS: Si, neste libro está a sensualidade da fraga, ou a dos rapaces namorados, ou a de Laura e Estela. A sensualidade está na natureza, nos animais, e por suposto, e onde máis, nos humanos. A lírica pódeme, non hai bo libro que non teña algo de poesía. (…)
– GH: Estase a escribir moito sobre a guerra, non si?
– CS: Si, pero eu non entendo as persoas que din “outra novela sobre a guerra civil!”, como se fose todo redundancia. Creo que queda aínda moito que dicir sobre a guerra, e que un non debe calar. Só a verdade poderá curar as feridas.”

Agustín Fernández Paz debuta por segunda vez

Entrevista a Agustín Fernández Paz en Xornal:
“(…) A través do desaxuste entre o país da memoria e o país do regreso, a novela [Non hai noite tan longa, de próxima publicación en Xerais]deita unha ollada crítica, “por veces feroz”, sobre o presente de Galicia. “Hoxe non sería peor esa impresión que en 2002”, explica o lugués. “É certo que vivimos un tempo de desmantelamento, pero xa daquela había indicios dese proceso”. E malia a todo, o libro está preñado dun certo optimismo. Evidénciase no título, tirado do Macbeth de Shakespeare: “Non hai noite tan longa que non remate en día”.
Máis preocupado polo futuro da lingua na que escribe que por entrar na Real Academia Galega –”Prefiro que entren as mulleres antes que os escritores de infantil e xuvenil”, arrisca–, Fernández Paz ten outras dúas novelas de camiño ás librarías. Xerais publicará logo do verán Fantasmas de luz, “unha fábula optimista sobre a globalización neoliberal e o cine protagonizada por un proxeccionista no paro”, e Rodeira ultima a dobre edición, en galego e castelán, dun volume de relatos titulado As fronteiras do medo.
Cinéfilo metódico, dos que elaboraba fichas de cada película que vía, Fernández Paz inzou Fantasmas de luz de referencias á gran pantalla. Tanto é así que o libro, adobiado con seis “tomas extra” que redimensionan os personaxes secundarios e deitan algo máis de luz nalgúns recantos da trama, remata cunha serie de fichas de cada unha das fitas.
“A recepción dunha obra literaria é sempre imprevisíbel”, apunta ao cabo o escritor. “A miña obsesión sempre foi a de gañar lectores para o galego, e aínda que son consciente de que o mundo da literatura para adultos é máis pechado, confío en que a novela funcione: que me lean os que me len e que se animen algúns dos que non o facían por publicar eu en coleccións xuvenís. Ter lectores é o mellor que lle pode pasar a un escritor”.”

Redondela: presentación de O señorito da Reboraina, de Ramón Otero Pedrayo

O luns 11 de abril, ás 12:30 h., no salón de actos do CEIP Santo Paio de Abaixo de Redondela, e organizado pola comunidade educativa do centro, preséntase a edición especial do libro de Ramón Otero Pedrayo O señorito da Reboraina, publicado en Galaxia, e que será realizada por Víctor F. Freixanes.

Ferrol: actividades do xoves 7 na Feira do Libro

Dentro do programa da Feira do Libro de Ferrol (no Cantón de Molíns), primeira das Feiras do Libro deste ano en Galicia, e despois da inauguración do día 6 ás 19:30 h. co pregón de Rosa Aneiros, terán lugar os seguintes actos o xoves 7 de abril:
De 10:00 a 14:00 h. no Auditorio da Fundación Caixa Galicia, “Maratón de lectura, con Castelao como eixo, para todos os públicos, presentado e moderado por Lucía Aldao.
19:00 h. Antonio Yáñez Casal presenta Xoa, publicado en Xerais, acompañado por Fran Alonso.
20:00 h. Diego Ameixeiras presenta Asasinato no Consello Nacional, publicado en Xerais, tamén acompañado por Fran Alonso.

Xabier P. DoCampo: “A Real Academia Galega non me necesita”

Entrevista a Xabier P. DoCampo no Xornal de Galicia:
“O meu respecto pola Real Academia Galega é tanto que teño clarísimo que non me necesita. (…) Cando teñan unha vacante, se queren, que me pregunten a miña opinión; poden estar seguros de que nunca direi o meu nome. Pensei máis veces en ser santo, se cadra porque hai máis prazas, que en ser académico. Iso é unha teima de Jaureguizar e algún máis. Están tan empeñados en propoñernos a min e a Agustín Fernández Paz que fixemos un acordo: que nos dean unha cadeira para os dous, pero que nola dean canto antes, que estamos engordando” (…)
Os primeiros lectores de DoCampo foron o avogado Rafael Bárez e o profesor Francisco Silvosa, os seus compañeiros no seminario de Lugo. Cada noite, recorda, o cativo que foi escribía un conto e facía dúas copias con papel carbón. Unha para cada un. “Non deixei de escribir dende entón, pero até 1986 non publiquei. Cando rematei O misterio das badaladas xa tiña outra novela a medio facer e un libro de contos. Por moito que me quixese proletarizar, por moito que pensase que publicar era un vicio burgués, ao que me conducía aquilo era á frustración máis absoluta”. Para aforrar, resumiu o argumento do libro e mandóullelo a catro editoriais cunha carta na que lles explicaba a única condición da poxa: o primeiro en amosar interese quedaba co orixinal. Adiantouse Vía Láctea, onde chegara a súa oferta rebotada dende Ediciós do Castro. “Aínda teño pola casa as cartas de Xela Arias, de Xerais; Carlos Casares, de Galaxia; e alguén de Sotelo Blanco que xa non recordo pedíndome a novela. Xa chegaban tarde”.”