Ourense: conferencia Cunqueiro, narrador, de Dolores Vilavedra

O luns 2 de maio, a partir das 20:15 h., na Aula de Cultura do Liceo de Ourense, comeza o IX Ciclo de Conferencias Visións de Galicia, organizada pola Sección de Literatura desa entidade, con Cunqueiro narrador, a cargo de Dolores Vilavedra. Deixamos aquí este .pdf coa programación completa: Ciclo Visións de Galicia Liceo de Ourense.

Feira do Libro de Santiago: actividades do 30 de abril e 1 de maio

Comeza unha nova edición da Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda), entre o sábado 30 de abril e o domingo 8 de maio. O seu horario é de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., salvo no fin de semana, en que terá un horario de 11:30 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h.
As actividades do primeiro fin de semana son as seguintes:

Sábado 30 de abril:
– 12:45 h. Actuación da Banda de Música de Santiago de Compostela.
– 13:00 h. Inauguración oficial. Pregón inaugural a cargo de Diego Ameixeiras, gañador do Premio Irmandade do Libro ao mellor libro do ano 2010. No acto inaugural, colabora a Asociación do Traxe Galego.
– 18:00 h. Presentación do libro Golfiño e os invasores, de Fausto Isorna, publicado por El Patito Editorial. Ao remate do acto, o autor asinará exemplares do seu libro.
– 19:00 h. Presentación do libro Svea Kött (carne sueca), de Domingo Tabuyo, publicado en Xerais. Intervirán: Francisco Caamaño, Ministro de Xustiza, Manuel Bragado e o autor.

– 20:00 h. O escritor Javier Alfayate, asinará exemplares do seu libro Aleta de Tiburón: Táctica de un operador en bolsa publicado pola Editorial Grupo de 28 Editores.
– 21:15 h. Sorteo dun lote de libros.

Domingo 1 de maio:
– 12:00 h. A pintora e ilustradora Isabel Pintado asinará exemplares dos libros para nenos Parece unha rosa, de Rosalía de Castro e Cantiga do mazarico, de Emilio Pita, publicados por Edicións Espiral Maior, na colección Lúa Lueira.
– 18:00 h. Obradoiro de baile para todo o público a cargo do grupo Pesdelán, participantes no libro–cd–dvd Na punta do pé publicado por Kalandraka Editora.
– 19:30 h. Presentación do libro A xanela escura, de Jorge Emilio Bóveda, da Colección Alcaián, de Urco Editora. Participarán no acto Denís Fernández Cabrera en representación da editorial e o autor da obra.

– 21:15 h. Sorteo dun lote de libros.

O Barco: presentación de Futuro imperfecto, de Xulia Alonso Díaz

O xoves 28 de abril, ás 20:00 h, na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán (Rúa Academia Dequidt, 6) do Barco de Valdeorras, preséntase o libro Futuro imperfecto, de Xulia Alonso Díaz, publicado en Galaxia. No acto a autora estará acompañada por Eduardo Ojea Arias e Arturo Ponte.

Vigo: presentación de Deus xogando aos dados, de Fernando Méndez

O xoves 28 de abril, ás 19:30 h., na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, preséntase o libro Deus xogando aos dados, de Fernando Méndez, publicado en Sotelo Blanco, obra gañadora do Premio Vicente Risco de Creación Literaria 2010. No acto participa, acompañando ao autor, Ánxela Gracián.

Pontevedra: presentación de Madeira de mulher, de Adela Figueroa Panisse

O mércores 27 de abril, ás 20:00 h., na Galería Sargadelos (Rúa da Oliva) de Pontevedra, preséntase a colectánea de relatos Madeira de mulher, de Adela Figueroa Panisse, publicada en Edicións do Castro. No acto, presentado Roxelio Pérez Poza e Francisco Cerviño González, terá lugar a actuación musical do grupo de gaiteiros Os do Luns.

Bos Aires: presentación de O libro das Seniguais e do único Senigual, de María Rosa Lojo

O luns 25 de abril, ás 20:30 h., na Sala Alfonsina Storni, na Feira do Libro de Bos Aires, preséntase O libro das Seniguais e do único Senigual, de María Rosa Lojo, publicado en Galaxia. No acto participan a propia autora, a ilustradora Leonor Beuter e Víctor F. Freixanes. Ademais, contará coa participación do músico Alfredo Beuter.