Baiona: xornada de actividades arredor d’O libro das viaxes imaxinarias

Organizada polo club de lectura Gálix. Tendendo redes, o sábado 26 de setembro desenvolverase en Baiona e arredores unha xornada de actividades que baixo o lema de Por mares de tinta e cantos de serea xirará arredor da obra O libro das viaxes imaxinarias de Xabier Docampo e Xosé Cobas. A xornada está organizada por Gálix, coa colaboración do Instituto de Estudos Miñoranos e de Xerais. O prezo por persoa é de 44 euros, incluíndo a viaxe na goleta, picnic e participación nos talleres. As persoas interesadas en participar na xornada poden solicitar a súa inscrición no correo electrónico coa secretaría de Gálix ou chamando aos teléfonos 650 93 89 72 ou 981 58 98 83. A data límite de inscrición é o 21 de setembro. [Vía Xeraisblog]

Gondomar: Espazo lectura celebra o San Xoán con poesía e contos

Mañá martes, 23 de xuño, Espazo Lectura celebrará a noite de San Xoán na Casa da Lectura cunha actividade na que xuntarán poesía, lume e contos: A fogueira dos versos. A sesión, que toma prestado o nome dun poemario de Antonio García Teijeiro, comezará con música a partir das 22:30h, continuará logo, contra as 12 da noite, cunha lectura de poemas arredor dun pequeno lume e rematará cunha sesión de contacontos a cargo do actor Santi Prego, que nos deleitará coas súas historias á luz da pequena fogueira. Esta fogueira literaria na Casa da Lectura (Nogueira, 8 – Donas) conta coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar e pretende ser participativa e aberta ás persoas que desexen levar comida para compartir e poemas para ler.

Lugo: presentación dunha novela de Vicente Piñeiro sobre Ánxel Casal

Hoxe xoves 18 de xuño ás 20:15 na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo terá lugar a presentación da obra A morte dun editor. Derradeiros días de Ánxel Casal, do autor lugués Vicente Piñeiro, novela editada por Sotelo Blanco Edicións. Amais do autor do libro Vicente Piñeiro, intervirán Claudio Rodríguez Fer e Ánxela Gracián (directora da colección).

A Coruña: presentación de Para seguir bailando, de Francisco Fernández Naval

paraseguirbailandoMañá xoves 14 de maio ás 20:15 na sede de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo) na Cidade Vella da Coruña presentarase o libro Para seguir bailando de Francisco X. Fernández Naval, editado por Xerais.

O acto é de entrada libre e contará coa intervención de Tucho Calvo, Manuel Bragado e mais o autor.

Riofero, novo libro de Xelís de Toro

Nos próximos días chegará ás librerías galegas o novo libro de Xelís de Toro, Riofero, editado por Xerais. O escritor compostelán vén de abrir unha páxina web na que podemos escoitar algúns fragmentos da novela e cancións vencelladas ao texto e descargar o primeiro capítulo en PDF. Xelís de Toro creou tamén un blog onde “poder publicar, falar e discutir de temas que agromen a partir dos temas do libro, ou mesmo o tema da literatura e que non se encontren noutros lugares”. Neste vídeo colgado en YouTube Xelís de Toro fala do seu libro e das razóns polas que se decidiu a crear o seu propio espazo na rede:

Vigo: presentación d’ O Globo de Shakespeare (Xerais), de Santiago Jaureguizar

Mañá, 23 de xaneiro, ás 20:00 na libraría Librouro de Vigo, presentarase a novela O Globo de Shakespeare (Xerais), de Santiago Jaureguizar. No acto o autor conversará sobre a obra con Manuel Bragado, director da editorial. Esta novela foi merecedora do Premio Terra de Melide 2008.

En Noia presentouse un conto inédito de Avilés de Taramancos

«O Concello de Noia presentou onte un conto inédito de Antón Avilés de Taramancos titulado O cabalo de vidro. Este texto foi escrito polo poeta noiés na década dos 50 durante a súa etapa na Coruña e foi achado hai uns anos no fondo dun baúl. En 2004 chegou a mans da profesora Aurora Marco, que foi a promotora da publicación. […]» (Galicia Hoxe)