Santiago: presentación de Asasinato no Consello Nacional, de Diego Ameixeiras

O xoves 25 de novembro, a partir das 20:00  h., terá lugar na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela a presentación da novela Asasinato no Consello Nacional, de Diego Ameixeiras, cuxa primeira edición esgotou todos os exemplares á semana da súa saída. O acto contará coa participación de Dolores Vilavedra. Desde esta semana pódese ver o booktrailer da novela na rede.

Pontevedra: presentación de Crónicas do mañá. 50 anos de contos cubanos de ciencia ficción

O xoves 25 de novembro, ás 18:00 h., na Libraría Paz (Rúa Peregrina, 29) de Pontevedra, preséntase o novo libro Crónicas do mañá. 50 anos de contos cubanos de ciencia ficción, preparado polo autor cubano do xénero José Miguel Sánchez, “Yoss”, e editado por Urco Editora. No acto participará Juan Soto, presidente da Asociación “Amigos de Cuba” de Pontevedra, e Rodrigo Vizcaíno e Tomás González Ahola, membros da editorial.

Lugo: presentación de Nube de seda na Lúa e outros relatos, de Xosé Luís Vázquez Somoza

O mércores 24 de novembro, a partir das 20:00 h., no IES Lucus Augusti (Avenida Rodríguez Mourelo, s/n.) de Lugo, preséntase Nube de seda na Lúa e outros relatos, de Xosé Luís Vázquez Somoza, publicado en Toxosoutos.

Xabier Quiroga: “Semella que os que mandan nunca leron un libro en galego

Entrevista a Xabier Quiroga en El Progreso:
“El Progreso (EP): Cando e como sente Xabier Quiroga a paixón por escribir?
Xabier Quiroga (XQ): Sempre me sentín atraído polos libros, fundamentalmente polas novelas, pero tamén polas historias que contaban os vellos, polos contos que os da aldea lembraban ou inventaban, polas películas e por todo o fabuloso mundo de ficción e realidade que a mente humana pode crear. E xa de novo escribía, pero sen dalo a coñecer aos demais. Pero tampouco creo que nacese con esa suposta paixón, porque na miña familia non houbo precedentes. Iso si, foise alimentando cos anos e coas lecturas. (…)
EP: Cambiando radicalmente de tema, como está o oficio de escritor? Que pasa para que alguén coma Suso de Toro abandone?
XQ: O oficio que nomeas en Galicia non existe como tal. Oficio para vivir del, refírome. A non ser que publiques tamén en castelán, aquí é imposible subsistir coa literatura. Acontece que en galego non se le moito, non se publica moito, non se merca moita literatura. Semella como se o noso non se quixese potenciar, como se non se quixese apoiar por ser precisamente o noso. E iso que hai magníficos creadores e persoas intelectualmente moi válidas. Este proceder suicida da nosa cultura fala moi pouco de nós como pobo que quere ou debería afirmarse e subsistir. Non sei se é algo que vai nos xenes ou é un complexo do que non nos damos desprendido. Por iso vemos que calquera ‘libraco’ de fóra e en castelán que se promocione deseguido se merca e se le, e interesantísimas obras dos nosos autores pasan desapercibidas. Somos así de submisos e pailáns. E xa non digamos os que nos mandan, que semella que nunca leron un libro dos nosos creadores.”

Víctor Freixanes: “Non quero decepcionar”

Entrevista a Víctor Freixanes en Galicia Hoxe:
“No exercicio literario, subliña, é onde “onde me esixo máis, onde digo as cousas que non digo nos meus artigos periodísticos”. O acto de escribir permítelle “entrar no diván do psiquiatra” e, ao mesmo tempo, practicar “unha fuga natural das miserias máis achegadas”. É como “recargar as pilas” e “o máis parecido que hai a ligar cunha persoa”. Si, “ligar”, insiste, porque “escribir unha novela e ter un lector é unha especie de relación erótica. Escribir só é comparable ao encontro de dous corpos”. Esta teoría, que talvez inclúe nun ensaio “aínda sen pechar” sobre a súa experiencia literaria, está ben apontoada no seu imaxinario: “Cando estamos metidos nunha historia, todo desaparece: quedamos dentro dunha cápsula, como nunha relación sensual, sexual ou amorosa. O escritor fai co lector un corpo a corpo. Ao acabar a novela, se a novela enche, un di: Que ben estivo isto!”.

Ourense: presentación de Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz

O venres 19 de novembro preséntase na Sala de Tertulia do Liceo de Ourense (Rúa Lamas Carvajal, 5), a partir das 20:00 h., Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz, publicado por Xerais. No acto acompañarán ao autor Javier Casares e Manuel Bragado.

Vigo: presentación de Futuro imperfecto, de Xulia Alonso Díaz

O venres 19 de novembro, ás 20:00 h, na Casa do Libro de Vigo, preséntase o primeiro libro de Xulia Alonso Díaz, Futuro imperfecto, publicado en Galaxia. No acto participan, coa autora, Víctor F. Freixanes, Concha Báez Montero e Margarita Viñas Neira.

Santiago: presentación de O gume dos espellos, de Ramón Caride

O venres 19 de novembro, a partir das 19:30 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o novo libro de Ramón Caride O gume dos espellos, publicado en Toxosoutos. No acto participan, acompañando ao autor, Miguel Anxo Martínez Oubiña, David González Couso e Xoán Fuentes Castro, autor da novela O cuadrilátero, sobre a que se manterá tamén unha lectura-coloquio.

Moaña: presentación de Bicos de sol, de Asun Estévez

O venres 19 de novembro, a partir das 20:00 h., no Salón de plenos do Concello de Moaña, preséntase o libro Bicos de sol, de Asun Estévez, publicado en Ir Indo. Esta obra nace para desdramatizar o impacto que supón unha grave enfermidade no seo de calquera familia, pero especialmente para resaltar a importancia da implicación de tódolos seus membros.