A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento de Lino Braxe, membro desta entidade

Lino Braxe, escritor, actor de teatro, televisión e cinema, locutor de radio e tamén director teatral, finou o 25 de decembro na Coruña. Nado en Mugardos en 1962, a súa creatividade manifestouse en múltiples vertentes: a poesía, a narrativa e o teatro, nomeadamente, destacando a adaptación, xunto a Manuel Rivas, e dirección da primeira representación do Hamlet de William Shakespeare en galego.

Na súa traxectoria destacan algúns premios relevantes, como o Esquío, o González Garcés ou o Illas Sisargas.

Como testemuño da súa posición na vida, deixamos aquí esta resposta a unha entrevista publicada en Noticieiro Galego en 2014: “O teatro ofréceme paixón, a sensación de estar vivo e de compartir esa vida con outras persoas, o que para un solitario empedernido coma min é toda unha regalía. A poesía é para min o mesmo que dicía Beethoven do seu amor: “O meu anxo, meu todo, meu deus”.”

Aquí poden verse as entrevistas e obra recitada polo autor dispoñíbeis no Centro de Documentación da AELG.

En concreto, así é como respondía á pregunta das razóns que o levaron a escribir:

En 2014 falaba así sobre as liñas de creación da súa escrita:

Aquí podemos velo recitando textos seus en 2005, no marco do V Congreso de Escritores/as do XXV Aniversario AELG:

A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento do profesor, escritor e poeta Xosé Manuel Millán Otero, membro desta entidade

Xosé Manuel Millán Otero, profesor, escritor, poeta e ex alcalde nacionalista de Moaña, finou na tarde desta quinta feira, 29 de outubro, nun centro hospitalario de Vigo. Nado na parroquia de Beluso, Bueu, en 1964, foi profesor de Lingua e Literatura Galega en Moaña. Foi autor de diversos estudos e edicións críticas de escritores de preguerra (Ramón Cabanillas, Vicente Risco…) e actuais, como Bernardino Graña. Participou tamén en obras colectivas como a Historia da Literatura Galega (1996), editada por A Nosa Terra / AS-PG e Literatura galega. Século XX (A Nosa Terra, 2001).
Como poeta publicou Este é o tempo do sal (Accésit do Premio Esquío, 1991), As palabras no espello (Ed. Do Castro, 1995), esta última galardoada co VII Premio Eusebio Lorenzo Baleirón  e As cinzas de Pasolini (2018, Editorial Toxosoutos).

Aquí poden verse as entrevistas e obra recitada polo autor dispoñíbeis no Centro de Documentación da AELG.

Lembramos, igualmente, este fragmento do seu poemario As palabras no espello:

“E serás canto ames
canto devoren
os teus pasos en léguas e paisaxes
todo o mar que cabe na cunca das tuas mans estreitas
só aquel que cómpre
para fabricar icária e alagar tantos continentes

Serás a tua culpa e o teu desexo
porque só ti es quen para medir
os ferrados de tristeza que agocha a pel dun home
para escribir coas mesmas letras do amor a amargura
e pór a encrucillada onde morren os camiños”

A AELG lamenta a perda do seu socio Albino Mallo

A AELG lamenta a perda do xornalista e ensaísta Albino Mallo.
Facemos nosas as palabras que Eva Veiga expresou sobre a súa figura: “Foise o grande Albino Mallo. A min fóiseme un amigo da alma. Son unha desas persoas entrevistadas por el -hai xa moitísimos anos- e xa dende ese momento amigas. Porque xunto á súa extraordinaria calidade profesional, que cultivou ata os seus derradeiros días, estaba a súa impresionante calidade humana que o facía tan de querer. Durante moitísimos anos foi un incansable cronista da nosa cultura e abraiaba a súa capacidade para estar en tantos eventos dos que daba conta no xornal -primeiro en EFE e logo en El Ideal Gallego e  El Correo Gallego– e xa por último en redes sociais. Todo lle interesaba e gardaba arquivo de todo, sobre todo, na súa memoria prodixiosa. Unha longa traxectoria xornalística na que cubriu acontecementos históricos da política mundial, do mesmo xeito que estivo nas citas con máis “glamour” do cine, do teatro, da música, etc. Mais se algo eu debo agradecer a Albino Mallo, por riba aínda dese seu vitalismo celebrativo e aberto, é o seu sentido da lealdade no cultivo da amizade. Durante varios meses que pasei ingresada e en convalecencia en Madrid, el escribiume unha carta cada día -sen faltar un só- contándome todo o que pasaba por aquí. Consérvoas como un tesouro, do mesmo xeito que conservo a amizade coa súa marabillosa familia. A miña aperta máis fonda para Pilar, Ainhoa e Eduardo. E un adeus que non é tal, porque quen tanto deu e amou, é xa infinito.”

Deixamos aquí a ligazón ao seu espazo no Centro de Documentación da web da AELG.

Faleceu Narciso Luaces Pardo

Desde a Asociación Nordés:
“Narciso Luaces Pardo partiu como unha figura emblemática, un referente, un tesouro da Faladora…
Para achegarnos á súa vida, compartimos este texto do profesor Bernardo Penabade, escrito para “O libro dos amigos” como homenaxe ao seu infatigable compromiso coa terra. Unha publicación coordinada polo profesor Emilio Castro Fustes no 2018 e editada pola Asociación Terras do Ortegal en colaboración coa SIR “La Devesana”. (…)”

A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento da escritora Araceli Herrero Figueroa, socia desta entidade

A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento da escritora Araceli Herrero Figueroa, socia desta entidade.

Catedrática, escritora, estudosa de moitas das nosas autoras e autores e gran defensora da nosa lingua.

No Centro de Documentación poden achegarse á súa biografía e obra, diversos documentos da súa traxectoria como escritora e ensaísta, e ver as entrevistas que se lle fixeron promovidas desde a AELG ao longo dos anos, entre as que destacamos a gravada o pasado 2019, na que fai un repaso ao conxunto da súa obra:

Máis información aquí.

A AELG lamenta a perda da nosa Socia de Honra Luz Pozo Garza

A AELG lamenta a dolorosa perda da poeta Luz Pozo Garza, Socia de Honra desde 2001, cando recibiu a Letra E desta entidade, proposta ao longo de todos estes anos desde a nosa asociación como candidata ao Premio Nobel de Literatura.

A intensidade do seu magnetismo poético, que trasladou tamén á súa produción ensaística e dramática, atravesa a súa vida e obra cun fulgor unanimemente recoñecido, sendo unha das primeiras mulleres que abriu camiños, desde a posguerra, no corpus literario galego e que, atenta ás novas promocións líricas, conseguiu ser un referente para todas as xeracións.

As seguintes fotos pertencen ao acto de entrega dos Premios AELG 2010:

Aquí pode verse tamén esta fotografía da Homenaxe A Escritora na súa Terra 2001, en Ribadeo:

Divulgamos tamén estas fotos pertencentes a varios actos da nosa entidade onde estivera presente Luz:

Morreu o escritor brasileiro Rubem Fonseca

Desde Nós Diario:
“Rubem Fonseca faleceu esta cuarta feira en Rio de Janeiro aos 94 anos de idade, tal e como a súa familia confirmou ao diario portugués Público. En 2003, obtivo o Prémio Camões, o mais prestixioso en lingua portuguesa. Era un dos máis importantes e singulares escritores brasileiros contemporáneos.
Naceu em Juiz de Fora, Minas Gerais, en 1925. Era fillo de portugueses transmontanos, emigrados para o Brasil. Residiu desde a infancia no Rio de Janeiro. Era licenciado en Dereito e traballo como comisario na policía.
As obras de Rubem Fonseca xeralmente retratan, em estilo seco e directo, a luxuria e a violencia urbana, nun mundo onde se misturan marxinais, asasinos, prostitutas, miserábeis. A história a través da ficción é tamén unha marca de Rubem Fonseca, como nas novelas Agosto (o seu libro mais famoso) en que retratou as conspiracións que acabaron no suicídio de Getúlio Vargas (avogado, militar e político brasileiro, líder da Revolução de 1930) e en O Selvagem da Ópera, en que retrata a vida de Carlos Gomes (o máis importante compositor de ópera brasileiro).
En 2019 Quico Cadaval dirixiu unha adaptación ao teatro do brasileiro Rubem Fonseca, Carpe Diem. “A anécdota é cinematográfica: unha muller e un home coñécense nunha previsíbel festa de fin de ano e comezan unha relación ilícita: os dous son casados. Con outras persoas. Un caso de adulterio entre persoas de clase alta”, resumía daquela a compañía a súa aposta. Era a adaptación dun relato de Fonseca, “o maior escritor vivo da lingua portuguesa”: “A atrevida tentativa de converter en teatro un dos máis excitantes contos do maior autor vivo na nosa lingua”, dixo Cadaval.”

Morreu un Mestre da Memoria, morreu Serafín Mourelle

A AELG lamenta fondamente a perda dun dos seus Mestres da Memoria, nomeado en 2017 desde a Sección de Literatura de Tradición Oral.

MAR DE IRLANDA

Mar de Irlanda, Mar de Irlanda,
mar agarimoso e traidor,
fuches de min o sustento
e tamén depredador.
De ti saquei pan prós fillos
mais todo o que eu non tivera
a cambio en ti eu deixei
toda a miña vida enteira.
Catorce anos eu tiña
cando ata ti me acheguei,
agora xa son sesenta
e nunca máis voltarei.
Canta loita, Mar de Irlanda,
contra ti desenvolvín
para arrincarche ese peixe
que ti non queres ceder.
Agarimoso, as menos veces
ata te deixas querer,
traidor, falso e asasino,
cando bravo queres ser.
Cantos días, cantas noites,
sobre ti eu capeei,
defendendo aquel barquiño
que ti querías comer.
Agarradiño ó temón,
amedrentado me tiñas
mais con café e cigarros
eu sempre a ti che vencía.
Negras e longas noites
de ventos fuxindo endemoñados.
Fúnebre música de Santa Compaña
ó bater con paus, cables, cordas
e todo canto atopaban.
Mares falsos e tolos,
grandes coma montañas
ameazaban tragarnos
nun só momentiño.
Confésoche, Mar de Irlanda,
que no fragor da sonata
máis dunha vez escoitei
a voz do meu pobre irmán
e a de tantos amigos
que levaches, traidor,
ó máis mouro dos abismos.
Parecía que choraban
aínda pedindo auxilio.

Este é un resumo da vida mareira de Serafín Mourelle Bugallo e ao tempo o poema co que remata o seu libro recentemente editado en Caldeirón e dedicado ao querido compañeiro desaparecido Paco Souto titulado Carapelas de sal e iodo, se ben hai que dicir que cando fixo o poema, dedicado ao seu irmán e a outros mariñeiros desaparecidos nese mar, tiña uns poucos anos menos. El mesmo estivo a punto de perder a vida caendo á auga cando tiña 16 anos. Di que chegou ouvir algúns compases da derradeira sonata que escoitan os homes que finan no mar, pero por fortuna os compañeiros deron achegado a embarcación a onde el estaba e puideron salvalo.
Serafín naceu en Corme en 1933. Moi novo embarcou por primeira vez coa categoría de cho, que vén ser axudante de cociña, e chegou a converterse nun patrón de sona no Grande Sole (pronunciado Gran Sol) . Nos anos sesenta foi dos que descubriron os fértiles caladoiros de Porcupine (que traducido ao galego sería Ourizo cacho), un volcán submarino situado ao oeste de Irlanda. Dicía Serafín de si mesmo: “Eu nacín en Corme, crieime na Coruña, casei en Noia, vivín no Gran Sol. De onde son?… Son do mar máis que de sitio ningún”. A pesar de todo, o mar para el tamén era poesía, como ben dixo Xurxo Souto.
Tanta vida no mar leva a converter unha persoa intelixente e inqueda como Serafín en autodidacta e transformala en experimentado astrónomo. Un dos seus máis importantes instrumentos de traballo era un sextante mercado nun porto de Irlanda da marca Hezannith, ilustre marca que fabricaba instrumental para investigación científica e para navegación marítima en Londres no distrito de New Eltham, en Greenwich, dende 1845, case corenta anos antes de que aquilo se convertese en referencia do meridiano cero.
Pero as inquedanzas de Serafín Mourelle non remataron nin na astronomía nin na poesía, xa que ten unha novela inédita titulada Cartas ao meu avó, na que narra a súa aventura na mariña mercante, no banco Canario-Sahariano e nas augas do Grande Sole.
Cómpre dicir ademais de Serafín que a pesar de que a maioría dos patróns chegaban a adoptar a mesma ideoloxía do armador, nunca esqueceu as súas orixes e dende sempre estivo no lado dos traballadores, ata o punto de estar afiliado ao Partido Comunista de España.

Deixounos o 31 de marzo de 2020.

[Adaptación dun texto de Isidro Novo]

Aquí o fondo videográfico coas participacións de Serafín Mourelle no Proxecto Polafías; aquí, os vídeos gravados pola Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG o 12 de maio de 2017 na Lonxa Vella do Porto da Coruña; e aquí os correspondentes á Gala do Premios Mestras e Mestres da Memoria 2017.