A Coruña: Poesía+Poesía. De misterio e fórmulas, obradoiro dirixido por Dores Tembrás

O obradoiro Poesía+Poesía. De misterio e fórmulas, dirixido por Dores Tembrás, seguirá revisitando algúns escritores e escritoras que servirán de modelos para entender técnica e a construción das distintas poéticas. A dinámica será moi semellante ao curso Poesía + Poesía I. Unha parte das sesións adicaranse á análise dos conceptos nos que se sosteñen ditas poéticas, profundizando nas técnicas e adentrándonos no misterio do poético. Outra parte das sesións adicaranse á escrita creativa dos asistentes, tendo en conta o visto nas horas de análise. Afondaremos máis nas técnicas, na construcción do mecanismo do poema. Pero tamén merodearemos o misterio, o que non se pode analizar, pero que está. Asi mesmo continuaremos abordando a exéxese dos textos, atendendo aos desvíos polos que a palabra nos conduza. A análise permitirá atender á arquitectura do texto, á construción, pero tamén á súa relación coa emoción.
Todo isto reverterá directamente no traballo de creación que cada un dos asistentes enfrontará ao longo das sesións. Seguiremos procurando puntos fortes, poñendo de relevo as cualidades que caracterizan cada estilo. Entre os autores e autoras seleccionados: Olga Novo, Luisa Villalta, Lois Pereiro, Anxo Angueira, Alfonso Pexegueiro, Xohana Torres, Eva Veiga, Eusebio Lorenzo Baleirón.

RESUMO
Nivel: Iniciación.
Duración: Anual. Prazas limitadas.
Datas de inicio e finalización: 02/10/2012 ao 25/06/2013.
Horario: martes de 18:00 a 20:00 horas.
Prezo: 60 €/mes socios. 80 €/mes non socios.
Inscrición: aquí.

A Coruña: Poesía+Poesía. Canto todo é abismo, obradoiro dirixido por Dores Tembrás

O obradoiro Poesía+Poesía. Cando todo é abismo, dirixido por Dores Tembrás, pretende ser unha rota de achegamento, ou varias rotas, das moitas posíbeis, á poesía galega contemporánea. Ao longo das sesións procuraremos distintos xeitos de ler que nos permitan adquirir ferramentas e aprofundar en aspectos concretos dalgunhas poéticas actuais. Cinguirémonos, na maioría dos casos, á exéxese dunha selección de textos de autores que abarcarán dende poetas dos oitenta ata novísmos creadores recén saídos do prelo. Todo co obxectivo de aplicar esas ferramentas á escrita creativa, recoñecendo os puntos fortes que caracterizan cada estilo e fortalecendo os máis débiles. A metodoloxía é sinxela: acometer a interpretación do texto dende o traballo coa palabra. Un camiño de dobre dirección da palabra ao poema e viceversa. O que nos interesa é explorar os distintos xeitos de ler, diferentes modos de enfrontarnos a un texto, tendo en conta que non hai unha única lectura por cada lector, senón que a experiencia lectora é un fenómeno múltiple. A atención que se adoita concentrar nos recursos estilísticos verase ampliada sustancialmente, prestándolle especial atención á palabra, á arquitectura do texto, á emoción. Neste sentido dende o primeiro intre establécese que o importante para chegar ao poema é a intuición. Non é precisa unha formación previa para ler poesía, aínda que esta poida enriquecer a lectura.

RESUMO
Nivel: Iniciación.
Duración: Trimestral. Prazas limitadas.
Datas de inicio e finalización: 02/10/2012 ao 18/12/2012.
Horario: martes de 20:30 a 22:30 horas.
Prezo: 60 €/mes socios. 80 €/mes non socios.
Inscrición: aquí.

Casa Grande do Bachao: Talleres de escrita Redelibros, do 26 ao 28 de outubro

“Gústavos escribir? Queredes profundar no coñecemento das técnicas narrativas fundamentais para capturar a atención e o interese do lector: a creación de personaxes, o tempo e o ritmo da narración, os trucos do oficio, a consecución dun estilo propio?
Durante o fin de semana do 26 ao 28 de outubro, na Casa Grande do Bachao, preto de Santiago, organizamos o primeiro Taller de escrita Redelibros, dirixido por Pere Tobaruela e Fran Zabaleta. Durante dous días, nunha contorna ben fermosa, alternaremos a teoría narrativa co debate aberto, o fomento da creatividade e a imaxinación, a realización de exercicios narrativos e a análise individual e colectiva dos traballos dos participantes. Falaremos tamén da realidade editorial actual e trataremos de orientarvos nos camiños para acadar a publicación das vosas obras.
Dous días nunha fermosa casa rural, lonxe do balbordo diario, para mellorar as nosas técnicas narrativas, reflexionar sobre o estilo e o oficio de escribir e gozar da compaña e a conversa con outros escritores.
– Interésache? Descarga aquí o programa.
– Queres máis información? Escríbenos a: editorial@redelibros.com.
– Prazo de inscrición aberto ata o luns 15 de outubro.
– Inscricións: 666 841041 ou editorial@redelibros.com.”

Obradoiros literarios dirixido ás mulleres sobre Ramón Otero Pedrayo

“A Fundación Otero Pedrayo organiza durante os meses de outubro e novembro, catro Obradoiros Literarios dirixido a mulleres que gravitarán arredor da figura de don Ramón. Dirixidos a quen gusta de escribir e centrados no libro de Otero Pedrayo, Historia dun neno, as asistentes, en xornadas de venres e sábado, asistirán a, por unha banda, un Obradoiro de Escrita Creativa con Francisco Castro e a unha sesión de Contacontos e Oralidade con Eugenia Muñoz. Os Obradoiros desenvolveranse nas localidades ourensás de Trasalba, Amoeiro, Coles e Vilamarín. Máis información inscricións no enderezo electrónico fundacion.otero.pedrayo@gmail ou no teléfono 988.281.139″. Desde Fervenzas Literarias.

A Coruña: O texto e o público, obradoiro dirixido por Lino Braxe

O texto e o público é un obradoiro de teatro aplicado ao texto poético, dirixido por Lino Braxe, cos seguintes fundamentos: A búsqueda do corazón do texto. A música interior da obra literaria. A expresión exterior do corazón e da música. A leitura da obra. A comunicación ao público da nosa criación.

RESUMO
Nivel: Iniciación.
Duración: Trimestral. Prazas limitadas.
Datas de inicio e finalización: 01/10/2012 ao 17/12/2012.
Horario: luns de 18:00 a 20:00 horas.
Prezo: 60 €/mes socios. 80 €/mes non socios.
Inscrición: aquí.

Obradoiro Todo/nada poesía, impartido por Antía Otero

Todo/nada poesía é un obradoiro literario/artístico orientado a aquelas persoas que queiran achegarse ao entramado poético dende unha visión lúdica, interdisciplinar e contemporánea como primeira toma de contacto. No proceso aportaranse chaves que axuden a escoitar e mirar dende o aquí e o agora da cotidianidade, do preciso, do inmediato… facendo fincapé na grandeza do poético. Os obxectivos son:
– Aportar chaves que axuden á elaboración e creación de textos partindo da mirada única de cada participante.
– Poñer en relación o poético co interdisciplinar: cinema, música, vídeo…
– Desmitificar conceptos tradicionalmente asociados a poesía como: o romanticismo, a rima, a puntuación clásica.
– Atopar os silencios no lenzo.
– Bucear nas propias creacións a redor da imaxinación, a escoita, o concreto, os diálogos, o eu e os personaxes, o tempo, o espazo, o silencio.
– Desmitificar a idea de que para escribir un debe ser experto ou grande entendido.
– Plantexar o feito artístico como algo accesible pero complexo, polo que se aconsella implicación presencial.

RESUMO
Nivel: Iniciación.
Duración: Trimestral. Prazas limitadas.
Datas de inicio e finalización: 03/10/2012 ao 19/12/2012.
Horario: mércores de 20:30 a 22:30 horas.
Prezo: 60 €/mes socios. 80 €/mes non socios.
Inscrición: aquí.

Obradoiro de poesía on-line impartido por Antía Otero

“¿Tiveches algunha vez esta sensación?, ¿atopácheste con milleiros de frases bailando na cabeza e sentiches que poderían ser universos?, ¿ descubriches algunha vez que de tanto mirar o extraordinario poderías derreter os ollos?, ¿ pasaches semanas enteiras cunha imaxe cotiá e feble, áxil ou pesada na cabeza que loitaba por sair á luz?……se é así….habitas preto da poesía…. … mais xogar coas palabras, buscar a precisión, expoñer o que pensamos e o que vemos dende un código propio….é un bo xeito de materializala. Este taller on line está pensado para que poidas achegarte ao entramado poético e aprender recursos técnicos e estilísticos tomando a túa personalidade como punto de partida. Acompañándonos de exemplos, exercicios prácticos, lecturas, visionado de videos on line, imaxes… materializaremos ambientes, pensamentos e ideas ata chegar a construir textos que iremos correxindo e millorando dende a emoción, a consciencia e a constancia. Non deixes pasar esta oportunidade de achegarte ao mundo poético descubrindo as posibilidades da tua propia voz e daqueles que nos rodean.” Impartido por Antía Otero.
A inscrición realízase aquí.

Lugo: obradoiro de narración oral impartido por Antonio Reigosa e Isidro Novo

O martes 25 de setembro inícianse as actividades da Escola de Narración Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co Obradoiro 1º ciclo: Iniciación á narración oral. Os datos son os seguintes:
OrganizaSección de Literatura de Tradición Oral da AELG.
Patrocina: Concellaría de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
Lugar: Centro Social Uxío Novoneyra (Rúa Quiroga Ballesteros).
Duración: 26 horas.
Sesións: 13 sesións semanais de 2 horas cada unha.
Imparten: Isidro Novo (6 sesións), Antonio Reigosa (6 sesións) e Celso Fernández Sanmartín (1 sesión).
Participantes: 18 (maiores de 15 anos).
Calendario: os martes 25 de setembro, 2, 9, 16, 23 e 30 de outubro, 6, 13, 20, 27 de novembro, 4, 11 e 18 de decembro de 2012.
Horario: de 18:00 a 20:00 horas.

Contidos
– A comunicación oral.
– Linguaxes non verbais.
– A lingua oral.
– Xéneros orais.
– A cultura tradicional e a oralidade.
– As novas formas de cultura e a comunicación oral:

  • Oralidade e TIC.
  • Repenteismo, rap e outros xéneros de improvisación.

– Discurso oral.
– Memoria, historia e fonte oral.
– As historias de vida.
– Destreza oral.
– A literatura oral: Xéneros.
– A lectura en voz alta.
– As lecturas colectivas.
– Palabras con memoria.

A Coruña: obradoiro O ollo da arte, a cargo de Antía Otero

O ollo da arte é un obradoiro impartido por Antía Otero onde se pretende ofrecer unha alternativa ás aulas propiamente académicas ao redor da experimentación e da arte contemporánea. Para iso, créase un espazo de convivencia ao redor de elementos tan importantes como a mirada, a expresión e os procesos artísticos, fomentando o desenvolvemento da imaxinación, da creatividade e das capacidades e habilidades artísticas de cada un dos participantes. Botando man de disciplinas moi diversas que van dende a fotografía ao collage, ou do video á arte urbana, pasando por outras como a performance ou o cinema experimental, no Ollo da Arte plantexamos un programa que, dividido en sesións teóricas e prácticas, nos permita ser o máis conscientes posible do acto creativo e das ferramentas das que dispoñemos para chegar a el a través da experiencia propia, mais tamén do debate e da aprendizaxe grupal.
Celebrarase todos os luns entre o 1 de outubro e o 21 de xaneiro, de 19:00 a 21:00 horas (30 horas en total), na aula de obradoiros de Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña. O prezo é de 35 euros para membros da comunidade universitaria (25 euros en segunda matrícula) e 55 euros público xeral (45 euros en segunda matrícula), con dous créditos solicitados de libre elección.
O prazo de matrícula comprende desde o día 1 ao 28 de setembro. Non hai preinscrición e a matrícula formalizarase por orde de chegada. Para constar entre os matriculados, os usuarios deberán entregar o xustificante de pagamento dentro do prazo indicado polo persoal do servizo.
Máis información aquí.

A Coruña: obradoiro de creación literaria impartido por Yolanda Castaño, do 12 de setembro ao 7 de novembro

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración da Biblioteca Municipal Ágora do Concello da Coruña e a Xunta de Galicia, organiza un Obradoiro de Creación Literaria impartido por Yolanda Castaño, do 12 de setembro ao 7 de novembro de 2012.
Con esta iniciativa, a AELG desenvolve un dos seus obxectivos: dar a coñecer o sistema literario como elemento configurador en sentido amplo do concepto de cidadanía e de pertenza a un sistema cultural. Considerando, pois, que o benestar persoal e colectivo non descansa unicamente na suficiencia económica, e que se basea principalmente no goce dunha cultura normalizada, respectuosa coa tradición para, desde aí, abrirse ao futuro.
Non son poucas as persoas amantes da poesía ás que lles apaixona vivila non só dende unha postura máis pasiva –como lectores e lectoras- senón tamén activa, sendo os protagonistas e axentes da súa propia escrita, poñendo en práctica a súa creatividade e puíndo paso a paso o seu estilo.
Se non sempre se conta coas ferramentas axeitadas para desenvolver o propio talento, encarreiralo axeitadamente e explotalo para obter os mellores resultados, este obradoiro proporciona ese espazo, tempo e ambiente que os fomente. Coordinado por unha escritora recoñecida, cunha traxectoria profesional de 18 anos ás súas costas, serán dous meses cunha orientación decididamente práctica, na que se propoñerán exercicios de estimulación creativa, comentaranse os principais erros á hora de afrontar un texto poético e trazaranse estratexias para evitalos, artellando un estilo propio.
Anímate a compartir a túa fascinación polo misterio da poesía con persoas que tamén senten a túa mesma necesidade de dar forma escrita ás emocións.

INSCRICIÓN: do 20 de agosto ao 09 de setembro, a través desta web.
REQUISITOS: maiores de 16 anos.
ENDEREZO: Centro Ágora (Rúa Ágora, A Coruña).
DATAS: os días 12/09/2012, 20/09/2012, 26/09/2012, 03/10/2012, 10/10/2012, 17/10/2012, 24/10/2012 e 07/11/2012.
HORARIO: de 20:00 a 22:00 horas.
PREZO: De balde.
PRAZAS: 20.

Máis información na Biblioteca Municipal Ágora, correo electrónico bagora@coruna.es, Rúa Ágora s/n. 15010 A Coruña. Teléfono: 981 189 886. De luns a venres: de 10:00 a 14:00 h. e de 16:30 a 20:30 h.