A Coruña: conferencia de Federico G. Martín Palmeiro

Mañá xoves 28 de Maio o doutor en Economía e
Vicedecano da Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña, Federico G. Martín Palmeiro, falará dentro do ciclo Economia, História e Realidade Social. A súa charla leva por título A Emigraçom galega, hoje. Incapacidade das classes dominantes galegas ou colonialismo?. Será a partir das oito do serán no local da Fundación PAIDEIA, na Praza de María Pita da Coruña. Organiza a Agrupaçom O Facho.

Semana das Letras Galegas en Faro

Programa da Semana das Letras Galegas organizado polo Centro de Estudos Galegos da Universidade do Algarve, en Faro:

4ª feira, 27 de Maio. Faculdade das Ciências Humanas e Sociais (FCHS), sala 2.35, às 14:30h: Grupos minorizados e literatura galega: Estratexias de resistencia e a incorporación das escritoras. Conferencias a cargo de Mario Regueira e Lorena Souto.

5ª feira, 28 de Maio. Sala 2.35 da FCHS, 14:30h: Apresentación da revista Dorna. Expresión Poética Galega.

6ª feira, 29 de Maio. Associação dos Músicos, Faro. 21:30h: Concerto de Migna Mala (Algarve), Nanook e os vagabundos (Algarve) e Leo i Arremecaghona!!! (Galiza)

Sábado, 30 de Maio. Pátio de Letras. 21:30h: Presentación de Estaleiro Editora e concerto de músicas de protesto (O Leio e José Mário Branco)

Ourense: conferencia de Henrique Monteagudo

Hoxe venres 22 de maio as oito e cuarto da tarde na Aula de Cultura da Sociedade a Sección de Literatura do Liceo finaliza a sétima edición do Ciclo de Conferencias Visións de Galicia adicadas este ano a Ramón Piñeiro e o Grupo Galaxia, coa Conferencia de Henrique Monteagudo co título Perfil intelectual de Carballo Calero.

Xosé Henrique Monteagudo Romero (Muros, 1959) é profesor de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela desde 1982, secretario do Consello da Cultura Galega e ademais un recoñecido investigador da Sociolingüística galega.

Lugo: conferencia do académico Carlos Varela Aenlle

No Centro Social Madia Leva principia o ciclo de conferencia dentro dos actos da Mes da Lingua. Este venres 22 de maio ás 20:30 Carlos Varela Aenlle, académico da RAG e presidente da Asociación Abertal do Eo-Navia, falará da situación do galego en Asturias.

A Asociación Abertal do Eo-Navia vén de sacar á luz un informe lingüístico que reivindica que o galego é a lingua que se fala neste zona limítrofe entre Galiza e Asturias. Nel faise unha comparanza co galego e o asturiano e vese que as falas eonaviegas teñen un 86% de proximidade co galego. A nosa lingua na comarca do Eo-Navia sofre os continuos ataques da Academia de la Llingua Asturiana (ALLA) que identifica identidade con lingua e asegura que as falas eonaviegas son asturiano. Carlos Varela denuncia que o asturianismo actúa como un boicote. Esnaquiza calquera cousa referida á cultura galega como a gaita ou a mitoloxía. Todo o que ula a galego estase a eliminar. Esta persecución vese alimentada tamén por medios como La Nueva España. Abertal ten como fin a consecución da cooficialidade da lingua galega de Asturias como riqueza indiscutíbel do patrimonio cultural asturiano e a súa vez servir de ponte e instauración de relacións con todo o mundo cultural galego-portugués do que sen dúvida se considera e fai parte.

A conferencia celebrarase este venres 22 de maio ás 20:30 no Centro Social Madia Leva! (Rúa Amor Meilán,18, Lugo).

A Coruña: Ana Salgado participa no ciclo Escrita(s) da Galería Sargadelos

Mañá xoves 21 de maio ás 20 horas comezará a segunda sesión do ciclo Escrita(s) na Galería Sargadelos da Coruña. Baixo o título Pedra e carniza intelixente Ana Salgado enfiará unha achega á poesía de vontade comunal feita nas últimas décadas para pór de relevo os intentos de problematizar algunhas nocións entre as que están identidade, nación, intimidade, clase, xénero ou dominación.

Ana Salgado é licenciada en Filoloxía Galega na Universidade de Santiago. O seu labor profesional desenvolveuse no Servizo de Normalización Lingüística da USC, na Área de Publicacións do Consello da Cultura Galega ou na Compañía Radio Televisión de Galicia. Na actualidade é redactora de Praza das Letras (revista e portal) e coordinadora de Protexta, suplemento literario da revista Tempos Novos.

María Reimóndez no II Encontro Cidade da Coruña (vídeo)

Entrevista e fragmentos do debate da primeira sesión do II Encontro Cidade da Coruña (2009), baixo o lema Mulleres na Literatura. A palestra de María Reimóndez tiña por título Por min e polas miñas compañeiras, e tratou sobre as visibilidades e invisibilidades das escritoras galegas.

O II Encontro Cidade da Coruña desenvólvese na sede da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11). Tralas intervencións de María Reimóndez (24 de abril), Elena Poniatowska (8 de maio) e Marilar Aleixandre (15 de maio), o ciclo pechará o próximo venres 22 de maio cunha conferencia de Teresa Moure. Estas xornadas contan co patrocinio e colaboración da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e están organizados pola AELG.

Ourense: conferencia de Carlos Fernández

Hoxe luns 18 de maio ás oito e cuarto da tarde na Aula de Cultura da Sociedade a Sección de Literatura do Liceo de Ourense continúa cunha nova edición do Ciclo de Conferencias “Visións de Galicia” adicadas este ano a Ramón Piñeiro e o Grupo Galaxia, cunha Conferencia de Carlos Fernández que leva por título O ensaismo na Xeración Galaxia. A entrada é libre.