Entrevista de Silvia Penas Estévez a Estevo Creus para Urutau:
“(…) – Urutau (U): A poesía é unha forma de ver o mundo?
– Estevo Creus (EC): Supoño que si, que dalgún xeito as persoas, entre outras, temos unha ollada poética, unha especie de sistema do mirar/entender que ás veces toma o control espontaneamente e outras aplicamos máis ou menos conscientes a unha ou outra esfera, en función dos nosos intereses, motivacións e necesidades. O que está claro é que as persoas sentimos/pensamos/facemos cousas e, dalgún xeito precisamos crear relatos sobre o que acontece, tramas que permitan entender e entendérmonos. Supoño que hai persoas ás que lles chega con falar, compartir (ou non queren ou non poden permitirse o tempo) e outras precisan buscar a maneira ou ben de afondar no entendemento ou ben de afondar na súa expresión. É distinto dicir “quérote” a dicir “e coa miña pel poderás facer enxertos nas mazairas”, por poñer como exemplo un verso de Olga Novo. Ou “pésanme os gaiteiros” (Lupe Gómez) ou “era como un lugar coas vacas escondidas” (Celso Fernández). Desde este punto de vista, xeral, a poesía si sería unha maneira de ver o mundo, unha habilidade complexa que temos todas as persoas e que exercitamos dende moi novas e novos, e que aprendemos a través dos outros/outras. Dicía Vigotsky, “un neno estarrica o brazo e a nai achégalle o axóuxere á man. Aí nace o sinalar”. O concepto e a acción de sinalar non existen no neno, é un préstamo da nai. O noso cerebro, eu creo, nace fóra, está fóra. Perdoándome que fale ao través de versos: “o meu cerebro está no pé, e na pedra, e en todo aquilo que reside na parte mais afastada da miña fronte”. O cerebro, se existe, é social. Este tipo de cousas e reflexións non gustan moito a determinados sistemas socio-económicos, porque centran a atención no contexto, no medio, na importancia das condicións sociais á hora de explicar o mundo. A intelixencia existe grazas ao contacto, existe porque existe o/a outro/a, non nace nun baleiro. Pero vaia, este é outro ou o mesmo tema. Todo é todo, he.
Por volver ao fío, si creo que a poesía é unha forma de mirar, que está en nós, que aprendemos de nós e expresamos de diferentes xeitos. Agora ben, escribir, facer poesía, non todo o mundo o fai conscientemente. Non significa que non a fagan, simplemente non apareceu Duchamp para dicir “este urinario é unha obra de arte”. En todo caso, cando eu miro poeticamente e digo que estou a facer poesía, non teño nin idea do que é esa cousa que estou a facer. Non sei que é a poesía. Nunca souben que animal é. Por iso, para min a poesía é algo máis parecido a un “facer”, un método sen método que produce algo ao que lle chamamos poesía.
Máis ca unha forma de ver o mundo, para min, é unha das formas que temos para lle dar forma ao mundo. Tomando mundo como o conxunto de experiencias, percepcións, pensamentos, sensacións, normas sociais… que agroman no encontro do animal e da cousa. Como dicía Jerome Brunner, estudoso das relacións entre o relato e os procesos cognoscitivos,
“A Literatura (eu substitúo por poesía). A poesía “(…) subxuntiviza, outorga estrañeza, fai que o evidente o sexa menos, que o incognoscible o sexa menos tamén, que as cuestións de valor estean máis expostas á razón e á intuición. A poesía (…) é un instrumento da liberdade, da luminosidade, da imaxinación e, si, tamén da razón. É a nosa única esperanza contra a longa noite gris”.
Para min a poesía, a arte en xeral, é un método de busca de significados, ás veces estéticos, outras referidas ao eu, á política… e tal como a concibo eu, unha loita da linguaxe contra a propia linguaxe, para unhas veces acceder a conceptos pre-lingüísticos, pensamentos e procesos antes do “veleno” da linguaxe, e outras para o contrario, descubrir a través da linguaxe poética camiños e xeitos de abordar o coñecemento e o seu desvelo. Afondar nas posibilidades da linguaxe. O produto, que é o poema, para min é unha sorte de colapso, onde o poema axúdanos a saber. Paul Dirac, premio nobel de física, dicía a respecto da fórmula coa que se adiantou á descuberta da antimateria: “Esta fórmula sabe máis ca min”. E si, a poesía sabe cousas que non sabemos que sabemos, ou simplemente non as sabemos. A poesía sabe mais ca min., ou sabe máis alá de min. (…)
– U: O teu poema aparece como algo súpeto, que golpea e sae dunha maneira explosiva e rápida, ou é un proceso máis pausado e longo?
– EC: Eu creo que o poema aparece cando posibilitas un espazo para desaparecer. Preciso ese espazo. A poesía é un xogo, como tamén o é a ciencia, a literatura, a artesanía… Pero todo xogo obedece a unhas regras e a unhas formas que te permitan sentir que algo está ben ou mal. Non obxectivamente, dende logo. Ás veces pode saír á primeira, outras non sae nunca, outras o propio poema tarda moito en dicirche como o debes dicir. Pero requírese ese espazo/tempo para o diálogo. (…)”
Arquivo da categoría: Poesía
Literaria ao vivo: Miguel Alonso
Na semana das Letras Galegas Miguel Alonso publicou na súa canle de YouTube, Literaria ao vivo, un concerto rexistrado en vídeo e audio, a finais de 2019 no Auditorio Novo de Negreira. Nel toco, ante unha audiencia moi reducida, o seu último disco, Literaria, onde musica 11 poemas de poetas galegxs actuais, tal e como soaron nos directos.
Pode verse e escoitarse aquí.
Emma Pedreira: “Como escritora estou interesada nos grandes temas universais, pero non me representa como están contados polos homes”
Entrevista de Montse Dopico a Emma Pedreira en Praza:
“(…) – Praza (P): As fauces feroces conta a historia de varias mulleres, entre elas a monxa Benedetta Carlini (cuxa vida ficcionaliza, porque si existiu). Por que Benedetta e a súa compañeira? Como xorden tamén as personaxes da filla e a nai escritora?
– Emma Pedreira (EP): A figura da monxa, en todas as súas dimensións, sempre está moi presente na miña narrativa. Supoño que teño algo pendente coa mística ou unha fixación traumática coa relixión e o seu machismo; o caso é que teño escrito moito sobre elas e lido moito tamén. Así, a través da lectura é como chego á vida de Benedetta Carlini, que figura nas moi poucas informacións que puiden atopar como “a monxa lesbiana”. Invisibilizar todo o que tivo de visionaria, mística, asceta e muller poderosa (foi abadesa dunha das principais congregacións relixiosas italianas) tras da súa afectividade pareceume terrible, amais de morboso.
Descubrir o proceso que tapou a súa mística e as súas terribles visións e voces interiores a través da demonización da súa conduta afectivosexual resultoume digno de ser contado, xa que ben pouco sabemos dela e da súa compañeira Bartolomea Crivelli, porque todo o tapona a súa relación lésbica. Mentres elas conversaban xa na miña cabeza e me documentaba sobre o proceso destas monxas a idea de escribir sobre unha nai e unha filla tamén se estaba desenvolvendo como posibilidade dunha novela. Os dous procesos estaban indo ao mesmo tempo e por iso conflúen nun mesmo texto que, en apariencia, non teñen moitos puntos en común (alguén considera esta novela dúas novelas). (…)
– P: Os corpos invisibles é tamén unha ficción construída a partir de personaxes reais, que son escritoras británicas. Máis en concreto, a partir da novela máis coñecida dunha delas. E toda a novela reivindica o dereito das mulleres a non seres negadas: como escritoras, como científicas… Por que quixeches contar unha historia de escritoras británicas naquel tempo?
– EP: O libro xurdiu como unha encarga de ficción. Alguén me pediu unha historia de terror e ao principio o relato estaba composto só polas cartas, así que se trataba unicamente dunha relación epistolar entre unha desoñecida chalada e Mary (deixámolo así para non espoilear demasiado). Logo a novela foi medrando pero o período xa estaba decidido así que só foi ir construíndo arredor dese núcleo temático. O cronotopos xa estaba dado, a Inglaterra da revolución industrial.
– P: O tempo é o do Londres da revolución industrial e, de fondo, ademais da desigualdade de xénero, está a brutal desigualdade de clase, e a esperanza de acabar con ambas, ou polo menos avanzar, desde o apoio entre mulleres. É unha constante na túa obra e non creo que sexa casualidade… Por que está tan presente?
– EP: Está presente porque non está presente –ou case- no resto da literatura. Como escritora estou interesada nos grandes temas universais como o amor, a morte, o paso do tempo e toda esa merda, pero non me representa como están contados polos homes, con estatismo, son supremacía, cunha ética que non nos conta ás mulleres ou nos deixa nun plano subsidiario, así que aí entra a voz das narradoras pola necesidade de volver contar a historia desde a nosa perspectiva e experiencia e, desde logo, o avance das mulleres está sementado sobre ese tecido en forma de rede que implica a alianza entre nós, a sororidade, a complementación. Nesta novela é máis explícita porque os movementos sindicais e sufraxistas tiveron que tecerse pechando aínda moito máis a urdime para que non houbese físgoas polas que perder folgos. (…)
– P: Os corpos invisibles ten tamén certa conexión con As voces ágrafas: precariedade e abuso laboral unido ao machismo. E, como en As voces ágrafas, os personaxes masculinos tenden a responder a estereotipos masculinos (quizais Percy non tanto, sen deixar de ser un home do seu tempo). Por que?
– EP: Igual que non me interesan as cousas, situacións e personaxes convencionais e estándar, tampouco me interesan as personaxes masculinas tipo se non é para confrontalas cos femininos e que xurdan a comparativa e o pensamento crítico. Nas voces ágrafas hai poucos homes, igual que hai poucos homes nun supermercado facendo labores subalternas, polo normal están emprazados nos lugares de poder (vixilancia, contabilidade, recepción) e as mulleres realizan as labores que sempre se lles atribuíron ás mulleres como resultado dese prexuízo do século anterior –se cadra aínda máis do anterior- de que as mulleres teñen menos formación académica que os homes.
N´Os corpos invisibles os poucos homes que aparecen representan por unha banda o patriarcado e por outra as novas masculinidades. O doutor Percy está escollido para representar os coidados e o poder represéntao Prometea, que verque sobre el a autoridade, o coñecemento e a guía igual que nunha obra das mesmas características e da mesma época faría á inversa. Non me preocupa en absoluto dar conta de personaxes masculinos ao uso, están aí e só temos que ler calquera outra ficción, a min interésanme as mulleres e, aínda máis, as persoas diversas e diferentes, dispostas a mudar o canon. E isto non só na ficción. (…)”
Videopoema Regresaron as palabras, de Miguel Anxo Alonso Diz
Desde a AELG recollemos
este videopoema realizado por Miguel Anxo Alonso Diz, realizado durante o tempo de confinamento por mor do Covid-19, aquí.
Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.
Xosé Iglesias le un poema de Antón Avilés de Taramancos
Desde a AELG recollemos
a lectura dun poema de Antón Avilés de Taramancos por parte de Xosé Iglesias, no marco da iniciativa Lecturas fuxidas da Libraría Pedreira, aquí.
Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.
Rosalía Fernández Rial le un texto da súa autoría
Desde a AELG recollemos
a lectura dun texto da súa autoría por Rosalía Fernández Rial, no marco da iniciativa Lecturas fuxidas da Libraría Pedreira, aquí.
Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.
Polafías Polavida (en portugués), Isidro Novo recita a Artur Maria Afonso
Desde
a sección de Literatura de Tradición da AELG convidámosvos a reunirnos cada día, momentaneamente, arredor da lareira virtual que representa o noso inmenso arquivo.
En varias polafías da AELG falouse ou cantouse en portugués.
Velaí a Isidro Novo en Mugueime-Muíños o 1 de outubro de 2016, recitando o poema “Chaves”, de Artur Maria Afonso.
Aquí podes ver os vídeos desta Polafía.
Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #CulturaNaRede, #Aculturasegue e/ou #aculturasegue.
As Letras na rede: Lois Pérez
Desde a AELG recollemos a
actuación de Lois Pérez no ciclo cultural en liña As Letras na rede, organizado pola Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, aquí.
Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.
Marilar Aleixandre le un fragmento de Ovella descarreirada
Desde a AELG recollemos
a lectura dun fragmento de Ovella descarreirada, por parte da súa autora, Marilar Aleixandre no marco da iniciativa #envozpropia de Edicións Xerais, aquí.
Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.
“Libros na artesa”, no blog Os chanzos
Desde
o blog Os chanzos, a cargo de Francisco Antonio Vidal:
” Libros na artesa non é unha editorial.
Libros na artesa son libros libres. É unha páxina sen ánimo de lucro onde se poden descargar libros galegos en formato eBook.
Son libros que esgotaron o seu percorrido polas librerías, contos ou relatos que os autores ceden para a súa difusión e lectura por medio de dispositivos electrónicos.
Para descargar o libro que desexes só é necesario pulsar o teu sistema de lectura.”