O
mércores 19 de febreiro, ás 20:30 horas, na Librería Arenas (Cantón Pequeno, 25) da Coruña, preséntase a edición bilingüe do poemario Habitación del asombro, de Miguel Anxo Fernán-Vello, publicado por Pigmalión. No acto, xunto ao autor, participan Xulio L. Valcárcel, Luís G. Soto, Gustavo Pernas e Basilio Rodríguez Cañada.
Arquivo da categoría: Poesía
A Coruña: presentación de Moda galega reloaded, de María Reimóndez
O
martes 18 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Suévia (Rúa Vila de Negreira, 32) da Coruña, preséntase Moda galega reloaded, de María Reimóndez, publicado por Positivas. No acto, xunto á autora, participan Antía Otero e Francisco Macías.
Escritas queimadas em silêncio, por Susana Sánchez Arins
Artigo
de Susana Sánchez Arins na revista A Sega:
“As agulhas que tecem, as peles cicatrizadas, as paredes caladas aguardando unhas que as rabunhem e escrevam, as agulhas espinheiras, o frio glacial, os velenos inoculados como genêtica, as feridas abertas, a louça que escacha, o azul das florinhas do linho nas mãos da sinha maria, os fios invisíveis, as carabunhas das fruitas, a poética do zercido, os versos que estouram em vulcões e reconstruem um mundo fendido na raíz.
Todos os anteriores são motivos que reconhecemos na obra de poetas à Sega traídas ou por traer, em personagens fictícias dignas de ser resenhadas. Motivos que não dão mostra de reiteração, de monotonia ou de simples remedo, mas que transparentam uma reinterpretação e, sobretodo, uma comunicação de estirpe. Quantas mais poetAs lemos, mas fácil é perceber na sua escrita os rastos duma tradição subversiva. Porque estamos cosidas polas beiras do corpo umas a outras.
E todos aqueles primeiros são motivos presentes em Raíz da Fenda, um poemário de Berta Dávila que ganha matizes e riqueza de o lermos acompanhadas dos poemários doutras autoras, um em especial, o Catálogo de Velenos, de Marilar Alexandre.
Obra estruturada em cinco partes, cada uma delas recorre uma experiência de feridas que supuram e marcam, mas necessárias para a protagonista construir-se ou, quando menos, conseguir malabitar-se. Uma palavra simples, derruba. (…)”
Vilanova da Cerveira: Celso Emilio Ferreiro. Poesia, música, cinema
Deusto: exposición As Cantigas de Santa María e a banda deseñada
A Coruña: recital poético de Yolanda Castaño
O
venres 14 de febreiro, ás 20:30 horas, na Sala Extramuros (Rúa Monforte, 8) da Coruña, terá lugar un recital poético de Yolanda Castaño, que incluirá un pequeno adianto do seu novo libro A segunda lingua. A entrada é de 4 euros.
O pozo da ferida, de Medos Romero, por Eli Ríos
Artigo
de Eli Ríos en A Sega:
“Hai libros que, co paso do tempo, van madurecendo na memoria e, tempo despois, volves encontrarte con eles. Ese instante de redescoberta leva implícito un proceso lector de mudanza no que lemos, sendo unha persoa diferente, as mesmas letras, as mesmas frases, o mesmo poemario pero cun significado diferente. Diferente? Si porque temos unhas experiencias vitais que nos achegan ou nos afastan da primeira lectura.
O pozo da ferida de Medos Romero foi publicado no 2006, pola Deputación da Coruña, despois de acadar o Premio Gonzalez Garcés de Poesía. Este poemario é dunha beleza inusual onde a linguaxe carece de adubos innecesarios e preséntase sen artifícios para denunciar a alienación do ser humano, a dor das mulleres que sofren violencia en toda parte do mundo. A prostitución, as enfermidades de transmisión sexual, os malos tratos, a pobreza, a ligazón á terra, o espolio dos recursos naturais, o desterro, etc, habitan estes versos chamándolle polo seu nome, sen eufemismos, a “ese xeito de sermos/ negadas sen medida” as mulleres en calquera latitude. (…)”
Manuscritos: Alfredo Conde
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica.
Vilagarcía de Arousa: presentación de Maria, de Eli Ríos
Elvira Riveiro: “O clamor colectivo que racha diariamente a abulia nas rúas produce rozaduras nos versos”
Entrevista
de Montse Dopico a Elvira Riveiro en Magazine Cultural Galego:
“Nómades habitan un paisaxe de cascallos polos que ninguén terma. Un territorio desterritorializado no que non fica lugar para a esperanza. Só para o desacato ao poder. Para a “desobediencia a varrer”. Para a mutación duns corpos, sempre políticos, cara a posicións inexploradas. Así é Corpos transitivos, o novo poemario de Elvira Riveiro, co que gañou o Premio Avelina Valladares do 2013. Falamos con ela deste libro e do resto da súa obra.
– Montse Dopico (MD): Nómades. Desprazados. Trashumantes. Habitantes dun non lugar. Dun territorio desterritorializado. Así son os “nós” de Corpos transitivos. Poderiamos ser os galegos e as galegas. Calquera pobo expulsado da súa terra. Ou as mulleres… Ou calquera minoría excluída. En que nós pensabas ti?
– Elvira Riveiro (ER): Tiña en mente o que coñezo de preto: nós galegas e galegos, pero tamén creo que podería referirse a outros moitos nós, por exemplo os que ti citas. Algunhas das ideas arredor das que foi xurdindo o libro foron o tránsito, a mudanza, a expulsión, a precariedade… dese nós múltiple, diverso. Hai períodos en que me é complicado achegarme ao documento en branco sen que pairen sobre a escrita as circunstancias socio-políticas e económicas baixo as que me (nos) toca vivir. Por dicilo dun xeito máis visual, o clamor colectivo que racha diariamente a abulia nas rúas da cidade produce rozaduras nos versos.
E as rozaduras acaban por provocar palabras en carne viva. Por outra banda, o reflexo desas circunstancias socio-políticas e económicas ás que me veño de referir pode adquirir nos textos poéticos diferentes rostros: podes facer proclamas de ocasión ou tentar algo máis sutil, onde prevaleza o artefacto literario fronte ás boas intencións. Isto último é particularmente complicado, penso. O nós no que penso non é un todo aprehensible de vez, senón unha heteroxeneidade de corpos e, o que eu tento é, dalgún xeito, escribir a carne viva e non un pasquín inflamado. (…)
– MD: Hai outra “sensualidade” nos teus poemas, que é a do estilo: a adxectivación, o léxico rico… Sobe a intensidade dos poemas, e axuda moito a ese sentido de estourido que moitas veces transmites ao texto. É consciente? De que xeito abordaches o estilo en Corpos transitivos?
– ER: Creo que esa é unha das miñas preocupacións maiores á hora de escribir: botar man das posibilidades léxicas e tamén semánticas da lingua. Temos un idioma rico, que ofrece un abano amplo de matices e, ao mesmo tempo, moi eufónico. Construír un poema que funcione é unha sorte de alquimia e a escolla das palabras é unha parte fundamental dese labor. Outra, ao meu ver, sería a sintaxe, a combinación axeitada dos elementos do discurso.
A isto eu engadiría o logos, é dicir, o sentido. No caso de Corpos quixen que os poemas fosen máis espidos de adxectivación, menos nominais e máis verbais do que noutras ocasións. Quixen algo que tendese menos ao lirismo e máis ao prosaísmo, á narratividade. Non sei se o conseguín de todo, porque hai certos estilemas que me acompañan desde hai moito e dos que é difícil desprenderse. (…)”



