Elvira Riveiro: “O clamor colectivo que racha diariamente a abulia nas rúas produce rozaduras nos versos”

Entrevista de Montse Dopico a Elvira Riveiro en Magazine Cultural Galego:
“Nómades habitan un paisaxe de cascallos polos que ninguén terma. Un territorio desterritorializado no que non fica lugar para a esperanza. Só para o desacato ao poder. Para a “desobediencia a varrer”. Para a mutación duns corpos, sempre políticos, cara a posicións inexploradas. Así é Corpos transitivos, o novo poemario de Elvira Riveiro, co que gañou o Premio Avelina Valladares do 2013. Falamos con ela deste libro e do resto da súa obra.
– Montse Dopico (MD): Nómades. Desprazados. Trashumantes. Habitantes dun non lugar. Dun territorio desterritorializado. Así son os “nós” de Corpos transitivos. Poderiamos ser os galegos e as galegas. Calquera pobo expulsado da súa terra. Ou as mulleres… Ou calquera minoría excluída. En que nós pensabas ti?
– Elvira Riveiro (ER): Tiña en mente o que coñezo de preto: nós galegas e galegos, pero tamén creo que podería referirse a outros moitos nós, por exemplo os que ti citas. Algunhas das ideas arredor das que foi xurdindo o libro foron o tránsito, a mudanza, a expulsión, a precariedade… dese nós múltiple, diverso. Hai períodos en que me é complicado achegarme ao documento en branco sen que pairen sobre a escrita as circunstancias socio-políticas e económicas baixo as que me (nos) toca vivir. Por dicilo dun xeito máis visual, o clamor colectivo que racha diariamente a abulia nas rúas da cidade produce rozaduras nos versos.
E as rozaduras acaban por provocar palabras en carne viva. Por outra banda, o reflexo desas circunstancias socio-políticas e económicas ás que me veño de referir pode adquirir nos textos poéticos diferentes rostros: podes facer proclamas de ocasión ou tentar algo máis sutil, onde prevaleza o artefacto literario fronte ás boas intencións. Isto último é particularmente complicado, penso. O nós no que penso non é un todo aprehensible de vez, senón unha heteroxeneidade de corpos e, o que eu tento é, dalgún xeito, escribir a carne viva e non un pasquín inflamado. (…)
– MD: Hai outra “sensualidade” nos teus poemas, que é a do estilo: a adxectivación, o léxico rico… Sobe a intensidade dos poemas, e axuda moito a ese sentido de estourido que moitas veces transmites ao texto. É consciente? De que xeito abordaches o estilo en Corpos transitivos?
– ER: Creo que esa é unha das miñas preocupacións maiores á hora de escribir: botar man das posibilidades léxicas e tamén semánticas da lingua. Temos un idioma rico, que ofrece un abano amplo de matices e, ao mesmo tempo, moi eufónico. Construír un poema que funcione é unha sorte de alquimia e a escolla das palabras é unha parte fundamental dese labor. Outra, ao meu ver, sería a sintaxe, a combinación axeitada dos elementos do discurso.
A isto eu engadiría o logos, é dicir, o sentido. No caso de Corpos quixen que os poemas fosen máis espidos de adxectivación, menos nominais e máis verbais do que noutras ocasións. Quixen algo que tendese menos ao lirismo e máis ao prosaísmo, á narratividade. Non sei se o conseguín de todo, porque hai certos estilemas que me acompañan desde hai moito e dos que é difícil desprenderse. (…)”

A poeta Elvira Riveiro gaña o premio Avelina Valladares

Desde La Voz de Galicia:
Elvira Riveiro Tobío é a gañadora da décimo sétima edición do premio de poesía Avelina Valladares. Así o acordou onte o xurado integrado por María Xesús Nogueira, David Otero e Xosé Luna -con Noni Araújo como secretaria-. Despois de hora e media de deliberación sobre os 27 traballos presentados, os membros do xurado decidiron por unanimidade concederlle o premio á obra presentada baixo o lema Corpos transitivos.
O fallo destaca «a indagación levada a cabo sobre a perda do territorio e do lugar, a reflexión sobre a escritura e o poema, a forza do discurso e a orixinalidade na creación de xogos verbais non exentos de ironía».
«A obra é capaz de profundar en cuestións contemporáneas como a perda do lugar e do territorio, a expropiación. É íntimo, pero tamén tén unha dimensión social», explicou María Xesús Nogueira, que tamén subliñou «a tensión da lingua» e a «ironía sutil que ás veces deriva en dimensión crítica».
David Otero relatou unha anécdota persoal coa poetisa en clave intuitiva. A gañadora participou hai uns anos na Festa da poesía da Estrada. «Cando a escoitei souben que para ela xogar era máis ca dicir palabras, era algo serio», dixo Otero. Cualificou o traballo de Riveiro como «poesía delicada, cristalina e chea de verdade que ós lectores alégranos os ollos, pero sobre todo a vida».
Xosé Luna lembrou que a gañadora será a pregoeira da próxima edición da Festa da poesía, que se celebrará en decembro. O poemario será publicado por Edicións Fervenza e distribuído entre os participantes na festa.
A gañadora viviu en Cequeril (Cuntis) tres anos e agora reside en Vigo. Ademais de escritora é mestra. Na Estrada ten impartido cursos de galego. Obtivo o primeiro premio no certame Rosalía de Castro de Cornellà no 2003 e gañou no 2011 o certame de poesía erótica Illas Sisargas.
Segundo Elvira Riveiro, o título do poemario «fai referencia ós corpos en mutación, que deben transmutar para adaptarse a este mundo». O poemario «fala da perplexidade ante este mundo» e agocha unha «crítica ó sistema capitalista, depredador e falsamente democrático, apostando por outra forma de vida».
Elvira Riveiro aporta unha visión crítica do momento e aposta polo inconformismo.”