Santiago: recital Picaversos, Do amor

O martes 6 de novembro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Do amor, coa participación de Pablo Fidalgo, Renata Otero e Claudio Rodríguez Fer. A entrada custa 2 euros.

A Coruña: recital de Xabier Cordal e Marko Pogačar no Ciclo Poetas Di(n)versos

O luns 5 de novembro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Xabier Cordal e a figura revelación da literatura croata, Marko Pogačar. Máis información neste arquivo: Di(n)versos novembro 2012.

Santiago: II Xornadas de Literatura e Ensino, Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá, o 9 e 10 de novembro

O venres 9 e sábado 10 de novembro, no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), (Rúa San Lázaro, 107) de Santiago de Compostela, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio do Centro Español de Derechos Reprográficos, organiza as II Xornadas de Literatura e Ensino, baixo o lema Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá.

O programa, que pode ser descargado aquí, é o seguinte:

Venres, 9 de novembro
– 16:30 h. Conferencia: Literatura digital e ensino criativo: a escrileitura como ferramenta de releitura crítica da tradição, por Rui Torres.
– 17:30 h. Mesa redonda: Eu son do Club de Lectura, e ti?, con Joseph Ghanime Lopes, Concha Costas, Miguel Ríos e María José Díaz Pinheiro.
– 19:00 h. Espectáculo poético: Con dez poemas por barba, con María Lado e Lucía Aldao.

Sábado 10 de novembro
– 10:00 h. Conferencia: Literatura infanto-xuvenil: unha clave literaria con función competencial normalizadora?, por Agustín Fernández Paz.
– 11:00 h. Conferencia: Celso Emilio Ferreiro no seu centenario: voz dun tempo e dunha terra, por Ramón Nicolás.
– 12:15 h. Mesa redonda: Xoga a literatura infanto-xuvenil na 1ª ou na 2ª división?, con Francisco Castro, Fina Casalderrey e María Reimóndez.
– 16:30 h. Mesa redonda: Coloca as túas mans sobre a poesía, con Ledicia Costas, Ángel Núñez Ramos e Dores Tembrás.
– 18:00 h. Espectáculo poético: A hostia en verso, con Lucía Aldao, Daniel Landesa, Lorena Souto, Xabier Xil Xardón, Ledicia Costas e o músico Mig Seoane.

A entrada é de balde.

Antoloxía poética de Celso Emilio Ferreiro en ruso

“A bóla de neve que é este Ano Celso Emilio Ferreiro non se detén. Agora, no que se refire ás traducións da obra do poeta celanovés, o Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo publicou, hai escasas datas, unha  antoloxía bilingüe ruso-galega ao coidado da profesora Elena Zernova, contando coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais da Fundación Celso Emilio Ferreiro. Esta escolma, precedida por un limiar da investigadora rusa, contén máis de cincuenta poemas de Celso Emilio Ferreiro. (…)” Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.

Xurxo Chapela: “Non escribín un libro de poemas, empreguei a poesía para contar un amor podre”

Entrevista a Xurxo Chapela en Letra en Obras:
“En 1999 Xurxo Chapela estreábase literariamente cunha novela da que renega: Con Aroa, o último verán (Ed. Sotelo Blanco). Logo veu un silencio creativo que durou nada menos que trece anos. A finais do pasado mes de agosto, coa sixilosidade e modestia do propio autor, chegaba ás librarías o poemario Primavera de navallas. Un fascinante tratado sobre o amor que corta, enferma e podrece canda a vida mesma. A saída á luz destes versos foi posible grazas á teima dun atípico empresario carballés, Xabier Graña, que non dubidou en practicar o mecenado creando un pequenísimo selo editorial (Quequeres Edicións). A obra comparte espazo no mesmo libro cunha peza teatral: Solpor en Waterloo, de Xosé Manuel García. (…)”.

Ribeira: Slam Arousa Poesía, o 4 de novembro

Nova edición do torneo de poetas Slam Arousa Poesía, coa participación de Celia Parra (gañadora da primeira edición que se celebrou o 5 de outubro en Rianxo) como convidada especial. Será o domingo 4 de novembro a partir das 21:30 horas no Bar Brétema (Rúa Cervantes, 6) de Ribeira. No Slam.Arousa de Ribeira poderán competir, gozar, obter o recoñecemento do público tribunal e conseguir ademais o agasallo que outorga o Concello de Ribeira. As persoas interesadas pódense apuntar previamente no correo slam.arousa@gmail.com ou aparecer sen máis no acto, onde terá o micro aberto para a súa poesía..

Pontevedra: presentación de A boca da galerna, de Xosé María Álvarez Cáccamo

O mércores 31 de outubro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Casa das Campás (Rúa de Don Filiberto, 9-11) de Pontevedra, preséntase o libro A boca da galerna, de Xosé María Álvarez Cáccamo, publicado en Espiral Maior. No acto, coorganizado polo Ateneo de Pontevedra e a editora, participan, xunto ao autor, Domingos Antom Garcia Fernandes e Miguel Anxo Fernán-Vello.

Lugo: presentación de Cartafol de soños, homenaxe a Celso Emilio Ferreiro

O mércores 31 de outubro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda presenta o libro Cartafol de soños, homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario (1912-2012). No acto participan cinco dos seus autores, Carmen Blanco, Darío Xohán Cabana,  Ánxeles Penas, Claudio Rodríguez Fer e Alberte Suras.

Parlamento das Letras: Rosa Enríquez

Entrevista de Armando Requeixo a Rosa Enríquez no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Rosa Enríquez (RE): Faría falla, creo, traducir moitas máis obras galegas a outras linguas. Así é que, consecuentemente, falta visibilidade e, nalgúns casos, sobran egos. (…)
– AR: Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– RE: Estou ben orgullosa da nosa literatura, principalmente da poesía. Paréceme de gran calidade, por esa razón, fáiseme triste non dála máis a coñecer fóra da terra.”