Poetas na Festa do libro da Coruña

Foi un éxito rotundo a iniciativa da Concellaría de Cultura da Coruña en colaboración coa AELG que tivo lugar o pasado sábado no Kiosco Alfonso, e que congregou abondoso público acarón de poetas e ilustradores. Un evento inédito que deixou moi satisfeitos tanto aos poetas como á organización.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/QAchyfQenBY" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

“Encontro poético” no Kiosko Alfonso da Coruña


Será o sábado 24 de 18:00 a 21:00, no Kiosko Alfonso: «Dentro do programa de actividades da Feira da poesía terá lugar un “Encontro poético” no Kiosko Alfonso. Trátase de propiciar o encontro dos lectores cos poetas para que podan conversar e se o desexan mercar poemas ou mesmo confeccionar a súa persoal antoloxía no momento. Contaremos coa presenza de Francisco Xosé Fernández Naval, Estíbaliz Espinosa, Lois Diéguez, Paloma Calvo, Eduardo Estévez, Antía Otero, Xavier Seoane, Eva Veiga, Alberte Suras, Ánxeles Penas, Olga Patiño, Chelo Suárez, Begoña Paz, Xosé Abeal, Eli Ríos, Diana Varela Puñal… Ademais, participarán ilustradores pertencentes a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), o que sen dúbida aumentará o valor do evento.» (Concellaría de Cultura da Coruña)

Folgoso do Courel: presentación do Dicionario Uxío Novoneyra, de Esperanza Mariño Davila

«3C3 Editores, coa colaboración do Concello de Folgoso do Courel, comprácese en convidalo/a á presentación do libro Dicionario Uxío Novoneyra, de Esperanza Mariño Davila. No acto intervirán Dolores Castro Ochoa (alcaldesa de Folgoso do Courel), X. Amancio Liñares Giraut (director editorial de 3C3), Eugenio Pichel (editor) e a propia autora. Será no Local Cultural Municipal de Seoane do Courel (FOLGOSO DO COUREL – LUGO), o sábado 24 de abril, ás 13:00.»

Atenea solicita colaboracións de poesía galega

«O Ateneo Ferrolán, querendo acadar un mellor xeito de colaboración e apoio á difusión das letras, pon á vosa disposición a revista trimestral Atenea para que enviedes a vosa poesía en idioma galego e, de quedar seleccionada, a publicaremos en verán nun número extraordinario da nosa revista. De estar interesado/a, ponte en contacto con nós ou envíanos por correo electrónico o teu poema facendo constar o teu nome, enderezo e contacto antes do 10 de xuño de 2010.
Esta publicación sae catro veces no ano e desde 1999 con 1000 exemplares. Distribúese gratuitamente a Centros de Ensino, Culturais, Bibliotecas e Centros de especial interese de Galicia e España.»

Contacto:
E-mail: secretaria@ateneoferrolan.org
Telf.: +34 981 357 970
Fax: *981 354 098
Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204, 1º.
CP.15402 – FERROL (Galiza)

O dia 20 María Lado e Kirmen Uribe no Poetas Di(n)versos da Coruña

PDinVersos_6_kuribeUn paso máis do ciclo de recitais poéticos dirixido pola poeta Yolanda Castaño e organizado pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña coa participación o dia 20 de abril dos escritores Kirmen Uribe e María Lado. O acto comezará ás 20:30 na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (rúa Durán Loriga, 10).
Kirmen Uribe “naceu nunha familia vencellada á pesca. Licenciouse en Filoloxía Vasca en Vitoria e cursou estudos de postgrao de Literatura Comparada en Trento (Italia). O seu primeiro premio literario importante recoglleuno en 1995 cando estaba a cumprir condena por ser insumiso e negarse a ir ao servizo militar obrigatorio. O 14 de outubro de 2009 concédenlle o Premio Nacional de Narrativa 2009 pola súa obra Bilbao-New York-Bilbao.” (Wikipedia)
PDinVersos_6_mlado«A maría lado parírona alá por 1979 nun coche da velvet underground nalgún lugar da nada que une a nada do cee que figura oficialmente como lugar de nacemento e santiago de compostela, a gran nada no centro da nada.
Pero ela non podía con ese baldeiro e medrou enchéndoo de pegadas. ten publicados tres libros con textos deses que non chegan ao final da liña: a primeira visión (letras de cal, 1997), casa atlántica casa cabaret (xerais, 2002) e berlín (concello de santiago-El correo gallego-aelg, 2005). […]» (AELG)

A Coruña: presentación de Xoguetes póstumos, de Emma Pedreira e de E alentar na túa rosa, de Paco Souto

A Galería Sargadelos e Caldeirón aprácense en convidalo/a á presentación dos libros Xoguetes póstumos, de Emma Pedreira (III Premio de poesía erótica Illas Sisargas) e de E alentar na túa rosa, de Paco Souto (Accésit III Premio de poesía erótica Illas Sisargas). O acto, que contará coa participación de Emma Pedreira, Paco Souto e Paco de Tano, terá lugar o vindeiro xoves, 15 de abril, ás 20,00 horas na Galería Sargadelos da Coruña (rúa Real, 56).

Presentación do DVD Canto de Permanencia, homenaxe a Uxío Novoneyra

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega convida para a presentación do DVD Canto de Permanencia, homaxe a Uxío Novoneyra. O acto terá lugar o próximo xoves día 15 de abril ás 20:30 horas no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Contaremos coa actuación de Uxía Senlle sobre poemas de Novoneyra. A entrada é de balde até completar aforo.
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/W5o68_rEq_8" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Canto de permanencia é un documental creativo e obra experimental sobre unha selección de poemas dos libros Poemas Caligráficos, Os eidos, Do Courel a Compostela, Poemas da doada certeza e Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas. O documental combina os textos con imaxes do Courel, símbólicas na poesía de Novoneyra, e outras recreadas en estudio.
O guión pretende construír unha liña argumental na que o devir do tempo se referencia no paso das catro estacións, precedidas dunha obertura que nos sitúa no Courel, e seguidas dun epílogo de poesía máis intimista e carácter atemporal O final do documental Canto de permanencia é o auto-recitado de Letanía de Galicia en na voz do propio autor en abril de 1999.
Baixo o mesmo título inclúese A certeza de sermos. Son poemas recitados polo propio Novoneyra e até agora non divulgados, procedentes dos fondos documentais da AS-PG dun recital poético de 1988, e un cedido polo CIFP Ánxel Casal da Coruña datado en 1993. O audiovisual intercala fragmentos de discursos de Novoneyra, voz en off de Fernando Morán, co recitado dos poemas na voz do poeta. O común de textos e poemas é o seu carácter marcadamente social.
O dvd de Canto de permanencia contén tamén, como material extra, un recitado de versos de Manuel María, Méndez Ferrín, Mª Xosé Quizán, Bernardino Graña e García Bodaño dedicados a Uxío Novoneyra no acto de homenaxe celebrado no Teatro Principal de Santiago en 1999. Conta ademais con imaxes da rodaxe e a storyboard.