Editores, libreiros e escritores unifican os seus premios

DesdeGala do Libro Galego 2 Cultura Galega:
“Os galardóns anuais que ata o de agora entregaban as asociacións de libreiros, editores e librarías integraranse nuns únicos premios. Representantes da Asociación Galega de Editores, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Federación de Librarías presentaban o venres 20 de novembro na sede do Consello da Cultura Galega en Compostela este “acordo histórico” que institúe os premios do sector do libro galego, orientados a recoñecer a “excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galicia”.
Os galardóns entregaranse na nova Gala do Libro Galego, que se celebrará cada ano na semana anterior ao Día das Letras, a coincidir a primeira o vindeiro 16 de maio. A nova convocatoria contempla as categorías de obra de ensaio, obra de narrativa, obra infantil e xuvenil, libro ilustrado, iniciativa bibliográfica, obra traducida, libro de poesía, libro de teatro, iniciativa cultural ou fomento da lectura, proxecto literario na rede, xornalismo cultural, escritor galego universal, premio honorífico á libraría e premio honorífico á editora. Os premios non teñen dotación económica.
Un xurado de sete persoas, tres delegados dos coletivos convocantes e catro profesionais da cultura, seleccionará entre cinco finalistas por categoría, que á súa vez sairán da votación dos membros das tres organizacións convocantes. A excepción son os galardóns ao escritor galego universal, que será concedido pola directiva da AELG, o honorífico á libraría que escollerá a directiva da Federación de Librarías e o honorífico á editora, que outorgará a directiva da AGE.
Na presentación da gala Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, lembrou as reivindicacións do sector representado por estes colectivos, que inclúen a creación do Instituto Rosalía de Castro, o desenvolvemento de plans anuais de lectura, a recuperación do peso político e orzamentario da Consellaría de Cultura e mais a implicación efectiva da Consellaría de Industria no apoio ao libro e ás letras. Sánchez explicou tamén que a Asociación de Escritoras e Escritores manterá os seus premio Letra E e Mestres da Memoria.”

Escritores, editores e librarías únense para crear premios conxuntos do libro galego

DesdeRolda Gala do Libro Galego 2016 Sermos Galiza:
“Acordo histórico no sector do libro: a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia veñen de convocar a Gala do Libro Galego 2016, onde conflúen todos premios até o momento convocados por separado.
Desde hai anos viñan convocándose os premios literarios da AELG coa súa Gala das Letras, a Noite da edición en Galicia da AGE e mais os Premios Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia. A partir de agora todos estes galardóns desaparecen para transformarse nuns únicos premios literarios co libro galego como protagonista principal, convocados de forma conxunta polas tres organizacións. O nome escollido é Gala do Libro Galego.
Estes galardóns nacen co obxecto de recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galicia, e faranse públicos no transcurso da Gala do Libro Galego 2016, que se celebrará o 14 de maio do próximo ano. Alí entregaranse as distincións nas seguintes catorce categorías: ensaio, narrativa, infantil e xuvenil, libro ilustrado, iniciativa bibliográfica, tradución, poesía, teatro, iniciativa cultural ou fomento da lectura, proxecto literario na rede, xornalismo cultural, escritor galego universal, premio honorífico á libraría e á editora.”

Gala do Libro Galego 2016

Rolda Gala do Libro Galego 2016Acordo histórico entre a AELG, a AGE e a Federación de Librarías de Galicia para a convocatoria conxunta e unitaria dos premios do sector do libro galego

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia convocan a Gala do Libro Galego 2016. Un evento que representa un acordo histórico no sector literario galego, ao confluír desde agora nuns únicos galardóns os premios convocados anteriormente de forma separada por cada unha das tres organizacións.

Desde hai anos viñan convocándose os premios literarios da AELG coa súa Gala das Letras, a Noite da edición en Galicia da AGE e mais os Premios Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia. A partir de agora todos estes galardóns desaparecen para transformarse nuns únicos premios literarios co libro galego como protagonista principal, convocados de forma conxunta polas tres organizacións. O nome escollido é Gala do Libro Galego.

Estes galardóns nacen co obxecto de recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galicia, e faranse públicos no transcurso da Gala do Libro Galego 2016, que se celebrará o 14 de maio do próximo ano. Alí entregaranse as distincións nas seguintes categorías:

1. Obra de ensaio
2. Obra de narrativa
3. Obra infantil e xuvenil
4. Libro ilustrado
5. Iniciativa bibliográfica
6. Obra traducida
7. Libro de poesía
8. Libro de teatro
9. Iniciativa cultural ou fomento da lectura
10. Proxecto literario na rede
11. Xornalismo cultural
12. Escritor galego universal
13. Premio honorífico á libraría
14. Premio honorífico á editora

As directivas das organizacións convocantes, previa votación dos seus asociados, farán chegar á secretaria técnica da organización da Gala do Libro Galego até cinco candidaturas para cada unha das once primeiras modalidades, que serán remitidas a un xurado externo, que será nomeado de común acordo polas Xuntas Directivas da AELG, AGE e Federación de Librarías, formado por sete persoas, quen se encargarán de fallar estes galardóns sen dotación económica.

O premio ao Escritor Galego Universal será concedido pola directiva da AELG, o Honorífico á libraría será concedido pola directiva da Federación de Librarías e o Honorífico á editora corresponderá á directiva da AGE.

O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, fixo a seguinte intervención:

“E falando na representación da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, felicitármonos por este acto que suma capacidades e multiplica os froitos que ofrecer á sociedade. Construír, sumar esforzos, significa dar visibilidade a un dos sectores culturais, sociais e económicos máis importantes e dinámicos da Galiza.

Os escritores e escritoras damos contidos culturais a diversas industrias do noso país, mais somos tamén algo máis: procuramos a inculturación de todo traballo humano sobre esta terra, facemos dela un ser colectivo cunha identidade imborrábel.

A nosa razón de ser é a literatura galega, da mao das nosas editoriais e máis do tecido de librerías que leva a todo o corpo social a seiva nutricia da nosa cultura.

Cal é a dimensión que queremos que teñan estes premios que hoxe presentamos? A de engadir á necesaria visibilidade social que precisa o noso sistema literario nos seus escritores, editoriais e librarías premiados; tamén a carga simbólica de ser unha celebración feita por todo o sector como forma se reivindicar nun tempo da cultura da imaxe, do efémero e veloz, do curto prazo, nun tempo de apagamento da cultura da palabra, no que parece que o libro está en desvantaxe por ter a calidade da interrogación do presente e de dar respostas ás necesidades humanas do medio e longo prazo.

Este ciclo vital de comunicación entre escritor, editor, libreiro e lector non só achega calidade democrática á sociedade á que pertencemos, mais tamén facilita o coñecemento do ser colectivo que somos os galegos, é dicir, existe ese ser colectivo chamado Galiza porque existen escritores que o soñan, editoras que publican e librarías que son lugares da comunicación entre o texto escrito e editado co lector, como ágora ou íntima praza pública.

Neste tempo no que se fala máis de marcas que de cultura, este acto é para nós a reivindicación da escrita literaria como ferramenta de íntimo coñecemento, de afirmación dese ser colectivo que levamos dentro e do que nos orgullamos que se chama Galiza.”

A Gala do Libro Galego acóllese a un acordo marco de colaboración entre a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia, cuxos principais puntos son:

– Escritores, Editores e Libreires somos un sector estratéxico deste país. Así está recoñecido na lei de decembro de 2006 do libro e a lectura de Galicia, aprobada por unanimidade polo Parlamento Galego. Nela o libro é recoñecido na súa dimensión de ben cultural, económico e social, e debe desenvolver o carácter estratéxico das letras galegas, entre outras achegas, polo seu papel fulcral na normalización cultural e social do noso idioma. Isto está na lei, mais non aínda na realidade. É esta realidade que queremos axudar a mudar.

– Escritores, Editores e Libreiros creamos unha mesa estábel de traballo para a posta en común de propostas, coa intención de facer actividades de defensa do libro galego e das letras galegas no seu conxunto.

– Precisamos dunha industria editorial forte que reflicta a biodiversidade do sistema literario galego, duns escritores que sexan recoñecidos socialmente no seu papel de creadores, dunha obra onde a ética convive e habita a beleza da cultura galega. Precisamos dunha rede de librarías por todo o país que dea visibilidade ao libro galego e sexa lugar privilexiado para a creación de lectores. E sen esquecermos todos os mediadores que conflúen no ciclo de vida do libro e as letras galegas, como as bibliotecas, e centros de ensino, entre outros.

– Para poder conseguir estes fins precisamos da creación do Instituto Rosalía de Castro de promoción da cultura galega; da existencia de plans anuais de lectura; a recuperación da Consellaría de Cultura co necesario peso político e orzamentario; e da implicación real da Consellaría de Industria, con orzamento específico.

Na fotografía superior figuran, de esquerda a dereita, Mercedes Queixas, secretaria xeral da AELG, Xosé Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia, Xosé Leal, vicepresidente da AGE, Cesáreo Sánchez, presidente da AELG e Laura Rodríguez, presidenta da AGE.

Gálix: Socia de Honra 2015, Helena Villar Janeiro

DesdeHelena Villar Gálix:
“A xunta directiva de GÁLIX reuniuse en Santiago e, por unanimidade, decidiu nomear Socia de Honra 2015 a Helena Villar Janeiro.
Co gallo deste nomeamento, celebraremos o 9 de decembro un acto aberto ao público para homenaxeala. Este evento terá lugar no IES Xelmirez I de Santiago de Compostela ás 13:30 h.
María Solar será a encargada de realizar a laudatio e logo o alumnado do centro participará coa lectura de textos de Helena Villar Janeiro e manterá con ela un diálogo sobre a súa obra e vivencias.
O Presidente de GÁLIX fará entrega da escultura, deseño de Noemí López, que acredita o seu nomeamento.”

Entregados os Premios da Crítica Galicia 2015

Premios da Crítica Galicia 2015 1Premios da Crítica Galicia 2015 2Premios da Crítica Galicia 2015 3Premios da Crítica Galicia 2015 4

Vilalba: entrega do premio Chairego de Honra a David Otero

O David Oterosábado 7 de novembro, a partir das 12:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, a Irmandade Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos van nomear a David Otero “Chairego de Honra”, un recoñecemento polo seu labor de espallador das esencias da Terra Chá por todas as comarcas do país. Os actos comenzarán a esa hora na Casa da Cultura, cunha táboa redonda na que van intervir Helena Villar, Xoán C. Garrido, Héitor Picallo, Mini e Mero, Xabier P. DoCampo, Alfonso Blanco e Xulio Xiz… Despois do xantar haberá un concerto de Mini e Mero e o Gaiteiro Nubeiro Raúl Galego.
Para apuntarse ao xantar, é preciso chamar ao teléfono 646413890 ou enviar un correo electrónico a xermolos@xermolos.org

Arcadio López-Casanova gaña o Premio Voz de Liberdade do PEN Club Galicia

Desde Arcadio López Casanovaa Real Academia Galega:
“O xurado, formado polo presidente do PEN Club Galicia, Luís González Tosar, pola académica Fina Casalderrey e por Inma López Silva, Manuel Guede, Armando Requeixo, Luís Menéndez, Bieito Iglesias e Xabier Castro Martínez, acordou por unanimidade conceder o Premio Voz de Liberdade 2015 a Arcadio López-Casanova en recoñecemento á súa “fidelidade á lingua galega ao longo de máis de cinco décadas” e ao “seu permanente compromiso coa liberdade de expresión”.
“Estou moi agradecido, porque é un premio do PEN Club Galicia, unha institución decisiva para a difusión e a universalización da nosa cultura”, expresa o galardoado, que ingresou na Real Academia Galega como membro de honra no ano 2013 cun discurso sobre a modernidade poética de Rosalía de Castro. “Entendo que é un recoñecemento a unha actitude en defensa do país, en defensa da nosa identidade, da nosa lingua, algo que desde mozo intentei facer coa miña obra”, engade o académico, que recollerá o premio o vindeiro 25 de novembro nun acto que se celebrará no Consello da Cultura Galega. (…)
A súa propia evolución poderá apreciarse de novo na antoloxía que está a piques de publicar, A palabra compartida, na que recolle poemas “que son retratos e homenaxes” escritos ao longo de medio século de vida, desde 1963 ata 2013. “Van desde Rosalía ata os amigos máis novos que teño, pasando polos grandes mestres da galeguidade e doutros poetas nosos que sempre tiven como compañeiros de lectura”, detalla.
Non é a única novidade editorial do creador e ensaísta lugués. Tamén en breve publicarase unha obra de teatro infantil e un cancioneiriño que escribiu nos primeiros anos 70. “A obra de teatro tíñaa esquecida. Atopeina remexendo en carpetas vellas. Emocionoume moito atopala, podela refacer e que saia agora na editorial Ir Indo. E co cancioneiriño pasou o mesmo. Refixen os dous textos, amplieinos un pouquiño e van saír en pouco tempo”, conclúe.”

Os Premios Bos e Xenerosos da Fundación Eduardo Pondal recoñecen a traxectoria de Margarita Ledo e Siro López

DesdeMargarita Ledo aSiro López Real Academia Galega:
“”Unha nación pequena e subalterna pode contribuír a transformar a realidade”. A académica Margarita Ledo compartiu esta idea na entrega dos Premios Bos e Xenerosos da Fundación Eduardo Pondal, que este ano recoñeceron a súa traxectoria xunto ás do científico Ángel Carracedo, a cantante Guadi Galego e o debuxante Siro López. Ledo Andión empregou como fío condutor no seu discurso a frase do Himno “os tempos son chegados”, que segue a servir hoxe para reivindicarmos que “a igualdade deixe o limbo das declaracións e pase a ser parte desta terra na que pomos os pés”, salientou.
No seu discurso, que pode lerse aquí, Margarita Ledo lembrou o artista hip-hop Jean-Michel Basquiat, quen malia morrer con só 27 anos converteuse nunha das referencias na arte contemporánea. A arquiveira-bibliotecaria da RAG e catedrática de Comunicación Audiovisual contou como percorrendo o día anterior a mostra da súa obra no Museo Guggenheim pensou “que unha nación pequena e subalterna tamén pode contribuír a transformar a humanidade”. A mostra ten como nó organizador a consigna Now is the time do discurso “I have a dream” de Martin Luther King, que a premiada comparou con “os tempos son chegados” de Eduardo Pondal.
“Cando, a día de hoxe, volvemos dicir ‘os tempos son chegados’, dámoslle continuidade a unha xinea que tomou posición, que interveu no medio e medio da praza, que soergueu símbolos, que anticipou un xeito de pensar o futuro como emancipación comunal. Now is the time (…), tamén para nós esa frase do Himno significa que cómpre acadar poder político para deter a nova emigración, que é preciso mudar para as mans do común eses recursos imprescindíbeis para que a igualdade deixe o limbo das declaracións e pase a ser parte desta terra na que pomos os pés”, engadiu a académica.
Na homenaxe, celebrada na sede da Fundación Eduardo Pondal, na aldea do Couto de Ponteceso, participaron numerosos amigos e autoridades, entre eles o alcalde do concello e presidente da Fundación, Lois García Carballido, e o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, xunto a outros académicos.”

Agustín Fernández Paz e Miguelanxo Prado, candidatos ao Premio Astrid Lindgren

DesdeAgustín Fernández Paz Sermos Galiza:
“Dous dos mellores representantes da factoría cultural galega figuran entre os candidatos ao Premio Astrid Lindgren de literatura infantil e xuvenil.
Hai 215 candidatos de 59 países, segundo anunciou onte o Goberno sueco na Feira do Libro de Frankfurt. Entre os que optan ao premio tamén se encontran a autora portuguesa Maria Teresa Maia, a ilustradora vasca Elena Odriozola ou o escritor catalán Jordi Sierra i Fabra.
O Premio Astrid Lindgren Memorial está organizado polo Goberno sueco para recoñecer a traxectoria de Astrid Lindgren, creadora de Pippi Langstrump. Outórgase anualmente un autor/a de literatura infantil e xuvenil, un ilustrador/a ou un promotor da lectura en calquera país. É un dos principais premios a nivel mundial da literatura para nenos/as e mozos/as.
Tanto Fernández Paz como Miguelanxo Prado teñen un extenso historial de premios no seu haber, tanto nacionais como internacionais. (…)”

Basilio Losada: premio Ramón Piñeiro e novo membro de honra da RAG

DesdeBasilio Losada Sermos Galiza:
“(…) O profesor, tradutor e crítico literario de Láncara, Basilio Losada Castro, primeiro catedrático de Filoloxía Galega na Universitat de Barcelona e embaixador da cultura galega en Cataluña, dedicou o sábado 3 de outubro o seu discurso de ingreso na RAG como académico de honra ás primeiras novelas de Rosalía de Castro, que foi respondido polo presidente da RAG, Xesús Alonso Montero. (…)
Na mesma semana pasada, a Asociación Cultural Val de Láncara anunciou tamén que é o gañador do XIV Premio Ramón Piñeiro Facer País. O xurado valorou o labor deste lugués en favor da lingua e cultura galegas e a súa contribución á difusión da identidade galega por diferentes países.”