Pedro Benavente leva o III Premio Rosalía de Castro de Lingua e Cultura

“O veterinario Pedro Benavente, orixinario de Sabiñánigo (Huesca), foi seleccionado pola Deputación da Coruña para levar o III Premio Rosalía de Castro de Lingua e Cultura. O xurado do galardón apuntou o importante traballo de Benavente a prol da recuperación da lingua e da cultura agraria no noso país. Entre outras iniciativas, o galardoado é coautor, co académico Xesús Ferro Ruibal, do Libro da vaca no que repasa a terminoloxía vencellada a este animal no noso país. O xurado apuntou tamén o exemplo de integración na nosa cultura que supón Benavente. O galardoado desenvolveu un intenso traballo no campo de lexicografía con obras como O dicionario Xerais lido por un veterinario, Algunhas achegas ao dicionario na Real Academia GalegaInstituto da Lingua Galega, e participou na elaboración do Dicionario de sinónimos da lingua galega.” Vía Cultura Galega.

30 anos de Premio Blanco Amor

Reportaxe en Praza:
“Fene organiza este ano este certame de novela nacido en 1981, nos albores das corporacións democráticas, como un proxecto cultural “mancomundado” e itinerante. Os concellos galegos colaboran dende aquela de forma unitaria para sacar adiante un galardón que serve para “tomarlle o pulso literario” ao país e que gañaron autores como Suso de Toro, Víctor Freixanes, Séchu Sende, Xavier Alcalá ou Ursula Heinze.
“O interesante do Blanco Amor é que é un galardón civil e unha boa maneira de tomarlle o pulso literario á sociedade galega”. Así define a crítica literaria e profesora da USC Dolores Vilavedra a relevancia do Premio de Novela Blanco Amor que neste 2012, organizado polo Concello de Fene, celebra a súa trixésima edición. Dende 1981, escritores como Daniel Cortezón, Víctor Freixanes, Ursula Heinze, Suso de Toro, Francisco Castro, Xosé Carlos Caneiro ou Alfredo Conde fixéronse cun galardón singular, itinerante e mancomunado. Un premio cuxa nómina de gañadores, segundo a filóloga e escritora Inma López Silva, ofrece a posibilidade de analizar a narrativa galega do tramo final do século XX e comezos do XXI. “Permíteche estudar os últimos anos da nosa literatura”, sinala López Silva, quen se converteu na segunda gañadora feminina (a primeira foi Ursula Heinze) do certame en 2007. (…)”

As silenciadas, de Pablo Ces, baseado nun traballo de Aurora Marco, gaña o Mestre Mateo 2011 ao mellor documental

O documentario As silenciadas, de Pablo Ces, baseado na investigación Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco, recibiu o premio ao mellor documental nos Premios Mestre Mateo 2011.

Premio Trasalba 2012 para a pedagoga Antía Cal

“A Fundación Otero Pedrayo concedeu á pedagoga Antía Cal Vázquez o Premio Trasalba 2012, un galardón que se entrega anualmente o último domingo do mes de xuño a unha persoa vinculada co galeguismo e a difusión da cultura galega. O equipo de goberno da fundación decidiu por unanimidade conceder este premio pedagoga, nacida na Habana en 1923 nunha familia de emigrantes orixinaria de Muras (Lugo). Ademais do seu traballo profesional en favor da lingua e a cultura galegas, a Fundación valorou o seu “feminismo activo”, o seu compromiso social, a contorna galeguista no que desenvolveu a súa actividade, a modernidade das súas estratexias de ensino e “a apertura de miras coa que soubo deseñar o seu proxecto educativo”.” Vía El Progreso.

As silenciadas, documentario de Pablo Ces baseado na obra de Aurora Marco, nominado nos Premios Mestre Mateo 2011

O documentario As silenciadas, de Pablo Ces, baseado na investigación Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco, está nominado na categoría Documental nos Premios Mestre Mateo 2011, que se entragarán o sábado 28 de abril na Coruña. As silenciadas obtivo o premio Memória i Justícia Universal no III Festival Internacional de Cine de Dereitos Humanos de Santa Coloma de Gramanet en decembro de 2011.

Manuel Núñez Singala e Elena Gallego, premios Frei Martín Sarmiento

“Fallouse o VIII Premio Frei Martín Sarmiento para as categorías de 1º e 2º da ESO e de 3º e 4º da ESO. Gañaron, respectivamente, Dragal, de Elena Gallego (Xerais) e Menú de enganos de Manuel Núñez Singala (Galaxia).” Vía Gálix.

Víctor Freixanes, premiado co Rosa dos Ventos polos alumnos dun instituto de Bos Aires

“Os alumnos de quinto curso de bacharelato do instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires puxeron en marcha este ano un premio de carácter anual que homenaxea a quen distíngase para achegar a cultura galega nas dúas beiras do Atlántico. Este ano os alumnos de máis idade do centro educativo da capital arxentina escolleron a Víctor Freixanes como primeiro merecedor deste galardón. As razóns do premio, que será entregado o xoves 19 de abril nas instalacións do Centro Galicia, foron xustificadas polos estudantes co argumento de que Freixanes é «un guieiro que acubilla o respecto polo labor desenvolvido nesta beira do Atlántico a prol da cultura galega». Lembraron as veces que o escritor participou en actividades da comunidade escolar «apoiando os traballos do centro educativo» e introducindo na súa realidade «a importantes figuras académicas e políticas da cultura» galega. Ademais de recoller o premio outorgado polos alumnos do Santiago Apóstolo, un instituto que se denomina galego-arxentino, Víctor Freixanes participa como director de Galaxia na Feira do Libro de Bos Aires, que comezou o pasado luns. Por primeira vez, unha editorial galega representa ao sector español nas mesas de debate. Neste caso, Freixanes participará nunha mesa redonda baixo o título A experiencia dos protagonistas, dedicada ás novas tendencias da industria editorial. (…)” Vía La Voz de Galicia.

O Correlingua 2012 comezará en Ourense e entregou xa os seus premios

“Co lema Galego. Todo o que buscas, a edición 2012 de Correlingua comezará o vindeiro 2 maio en Ourense. A organización deste evento presentou os premios dos certames escolares deste ano. O CPI Pontecesures levou o premio ao Manifesto, mentres en vídeo impúxose o o IES Mosteirón de Sada. Pola súa banda, o premio á mellor banda deseñada foi ex-aequo para o CEE O Pino de Ourense e o CEIP A Laxe de Marín. Logo da saída, a carreira transcorrerá por once comarcas, Ferrolterra, A Coruña, Santiago, Lugo, Pontevedra, Vigo, Baixo Miño e O Condado, O Morrazo e a Ribeira Sacra e para rematar o vindeiro 16 de maio na Mariña.” Vía Cultura Galega.

Nova Escola Galega, premio Pedrón de Ouro 2012

Desde Galiciaé:
“A asociación de renovación pedagóxica e defensa do galego no ensino Nova Escola Galega foi designada premio Pedrón de Ouro 2012, que concede o padroado da Fundación do mesmo nome. Ademais, a entidade concedeu o Pedrón de Honra ao gravador, membro do grupo Nova Estampa Galega, Henrique Ortiz Alonso. (…)
O padroado da Fundación sinala nun comunicado que recoñece en Nova Escola Galega “a vontade continuada no tempo (este ano celebra o seu 30 aniversario) a favor dunha educación ao servizo, en particular, da nenez e mocidade da nosa nación, tanto desde as aulas de educación infantil como desde as universitarias e os diversos espazos de formación”. Nova Escola Galega -agrega- “promove unha educación cimentada nas ideas de xustiza, de liberdade e de solidariedade, para formar cidadáns conscientes do país que habitan, conscientes da nosa lingua e cultura, herdade que é preciso manter”.
Pola súa banda, o artista Henrique Ortiz, Ourense 1934, desenvolve a súa traxectoria entre a súa cidade natal, á que sempre estivo unido, aínda vivindo en Madrid, onde deu os primeiros pasos da súa formación artística na Escola de Belas Artes de San Fernando, que amplo na Escola de Artes Gráficas, tamén de Madrid, e na Escola de Belas Artes de París. Xa nos cincuenta coñece a Luís Seoane, co que tivo unha estreita relación e coincide nalgunha mostra con artistas do talle de Saura e Genovés, aínda que será co galego Reimundo Patiño co que manterá unha intensa colaboración, que frutificará en proxectos comúns como a formación do grupo O Quilombo, co que comparte taller ao que tamén acoden poetas do Brais Pinto como Uxío Novoneyra ou Bernardino Graña.
O Pedrón entregarase o próximo 20 de maio nun acto literario na Casa Museo de Rosalía, en Padrón, no que actuará como mantedora a escritora Fina Casalderrey.”

Xesús Couceiro recibirá o Premio Fernández del Riego da Asociación Galega de Editores

“A Xunta Directiva da Asociación Galega de Editores acordou por unanimidade outorgar o Premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural do ano 2012 ao libreiro e editor Xesús Couceiro. O galardón recoñece o labor realizado por unha persoa a prol da cultura do libro serálle entregado en Compostela o vindeiro venres, 9 de marzo, no transcurso da Noite da Edición, onde tamén serán entregados os premios do sector correspondentes ó ano 2011. Xesús Couceiro foi un gran promotor do libro galego e a súa librería un lugar de referencia para estudos, universitarios e personalidades do mundo da cultura. Couceiro é libreiro desde o ano 1969 e no ano 2007 puxo en marcha unha magnífica librería na Praza de Cervantes de Compostela, nun espazo emblemático da cidade onde vén axudando a dinamizar o comercio local. (…)” Vía AGE.