A AELG lamenta fondamente a perda da pedagoga Antía Cal Vázquez

A AELG lamenta fondamente a perda da pedagoga Antía Cal Vázquez, cuxo pasamento tivo lugar hoxe, 30 de marzo de 2022, en Vigo, aos 98 anos de idade.
Educadora insigne, fundadora da escola laica Rosalía de Castro en Vigo en 1961, centro pioneiro en Galicia do ensino en inglés, castelán e galego. De familia orixinaria do concello de Muras (Lugo), naceu na Habana o 18 de abril de 1923 e regresou a Galicia en 1932. Despois de estudar o Bacharelato na Coruña, estudou Comercio, e despois da guerra Maxisterio e Filosofía e Letras, especialidade de Xeografía e Historia, na Universidade de Santiago de Compostela. Estivo casada co eminente oftalmólogo Antón Beiras García.
Antía Cal participou na polafía que a Sección de Literatura de Tradición Oral organizou no Centro Sociocultural Daniel Castelao de Moaña en outubro de 2010, deixándonos para a memoria unha gravación na que rememora desde o nacemento, os anos de emigración, estudos e as súas reflexións sobre a necesidade de formación e a reivindicación dos dereitos das mulleres.
Quen así o desexe, pode gozar a través deste vídeo do maxisterio vital deste eximia galega universal, nesta ligazón.

(A fotografía da autora, obra de Estevoaei, procede da Wikipedia galega).

María Xosé Queizán e Antía Cal gañan o Premio Otero Pedrayo

Desde Sermos Galiza:
“A pedagoga e ensinante Antía Cal e a escritora María Xosé Queizán son as gañadoras do Premio Otero Pedrayo, convocado polas catro deputacións e a Xunta e organizado nesta edición pola Deputación da Coruña. O premio está dotado con 16.000 euros.
O Premio Otero Pedrayo recae por primeira vez en dúas mulleres, pioneiras no mundo do ensino e do uso do galego na escola no caso de Antía Cal e na defensa dos dereitos das mulleres desde todos os ámbitos, de maneira especial desde o literario, ensaístico e activista, María Xosé Queizán. Desde a súa creación hai xa máis de corenta anos, a pasada edición foi a primeira vez que unha muller, Margarita Ledo.
A mestra e pedagoga Antía Cal (La Habana, 1923) foi durante o seu tempo como ensinante un referente da nova pedagoxía que busca en modelos anovadores que daquela nacían en Europa, nunha época na que a escola estaba dominada polo franquismo. Ademais de ensinar, trata de completar a educación creando materiais didácticos dos que nace a enciclopedia O libro dos nenos e o volume A arte e a súa historia, escritos en galego nos anos cincuenta. Do encontro cos novos movementos pedagóxicos nace a Escola Rosalía de Castro que ela crea en Vigo, un centro laico, plural, diverso, democrática e conectada co mundo que a rodeaba. Antía Cal deixou a súa traxectoria escrita na súa autobiografía Este camiño que fixemos xuntos, un volume que mostra unha muller emprendedora, de grande amor ao país, a súa lingua e a súa cultura e exemplo de mestra que cre no poder e na necesidade dunha escola participativa e galega.
A escritora María Xosé Queizán (Vigo, 1939) conta cunha intensa traxectoria na literatura e tamén no activismo centrado, de maneira especial, na defensa dos dereitos das mulleres. Queizán é pioneira na teorización do movemento feminista desde a situación que vivían e viven as mulleres galegas que se reflicte nun amplo corpus ensaístico mais tamén nos outros xéneros literarios que a autora visitou.
O obxectivo do premio é, ademais de perpetuar e honrar a memoria de Otero Pedrayo no campo das letras e o coñecemento, premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura galega e promocionar os valores propios de Galiza. (…)”

Premio Trasalba 2012 para a pedagoga Antía Cal

“A Fundación Otero Pedrayo concedeu á pedagoga Antía Cal Vázquez o Premio Trasalba 2012, un galardón que se entrega anualmente o último domingo do mes de xuño a unha persoa vinculada co galeguismo e a difusión da cultura galega. O equipo de goberno da fundación decidiu por unanimidade conceder este premio pedagoga, nacida na Habana en 1923 nunha familia de emigrantes orixinaria de Muras (Lugo). Ademais do seu traballo profesional en favor da lingua e a cultura galegas, a Fundación valorou o seu “feminismo activo”, o seu compromiso social, a contorna galeguista no que desenvolveu a súa actividade, a modernidade das súas estratexias de ensino e “a apertura de miras coa que soubo deseñar o seu proxecto educativo”.” Vía El Progreso.

Vilalba: Antía Cal, Chairega de Honra

O sábado 1 de outubro, ás 12:00 h., na Casa da Cultura de Vilalba, a Asociación Cultural Xermolos e a Irmandade Manuel María organizan un acto no que se nomeará a Antía Cal Chairega de Honra. Previamente terá lugar unha mesa redonda coa participación de Avelino Pousa Antelo, Xosé Neira Vilas, Carmiña de Soutomaior, Xosé Manuel Beiras e María Xosé Lamas, actuando como moderador David Otero. Posteriormente terá lugar un xantar no restaurante Nova Ruta de Vilalba, tralo que actuarán Mini e Mero. Para anotarse a comida, que custa 17 euros, os interesados deberán chamar o teléfono 646413890 ou ben enviar un correo electrónico á dirección xermolos@xermolos.org

Vigo: presentación de Aníbal Otero, de Xesús Alonso Montero

O sábado 5 de marzo ás 12:30 h., no MARCO (Rúa do Príncipe, 54), de Vigo, preséntase Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo, de Xesús Alonso Montero, publicado en Xerais. No acto participan, co autor, Antía Cal, Horocel Otero e Manuel Bragado.