Inmunda escoria, de Ricardo Gurriarán

Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela, 1939-1968, de Ricardo Gurriarán será presentado mañá, mércores 7 de abril, ás 19:30 horas no Salón Nobre de Fonseca en Santiago. O acto contará coa participación dos prologuistas da obra, Vicente Álvarez Areces (Presidente do Principado de Asturias) e Senén Barro (Reitor Magnífico da USC), ademais de Víctor Santidrián (Director da Área de Historia da Fundación 10 de marzo), Manuel Bragado (Director de Xerais) e do propio autor.

El azor en el páramo, a tradución de Ted Hughes que publica Xoán Abeleira

Xoán Abeleira presenta iste xoves 8 de abril, ás 20.00 horas, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, enfronte da Libraría Colón), El azor en el páramo, a súa escolma de Ted Hughes, un dos poetas ingleses máis importantes de tódolos tempos. O acto consistirá nunha lectura comentada das versións en galego dos poemas de Hughes. As persoas que merquen ise día o volume serán agasalladas cunha ilustración orixinal realizada polo tradutor.

Boiro: presentación dun libro de Milagros Torrado

A Asociación Cultural Barbantia, a Editorial Toxosoutos e o Proxecto Leñaverde presentan o libro O fenómeno cultural da fascinoloxía. As Illas Británicas e Galiza, de Milagros Torrado. O acto terá lugar na Estación Leñaverde de Boiro, o vindeiro venres 26 de marzo ás 20:30 horas, e nel estarán presentes a autora; o catedrático de Historia e Cultura Inglesas da Facultade de Filoloxía da USC, Fernando Alonso Romero; o director de publicacións de Toxosoutos, David González; o coordinador de Barbantia, Alberto Piñeiro; e mais o alcalde de Boiro, Xosé Deira.

A Coruña: presentación dun libro de Victorino Pérez Prieto

Prisciliano

O libro de Victorino Pérez Prieto Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario preséntase mañá mércores 17 de marzo na Biblioteca de Estudos Locais ás 20 horas, con entrada libre. No acto participarán a Concelleira de Cultura, María Xosé Bravo; o director xeral da Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes; a catedrática da Universidade da Coruña e autora do prólogo, Pilar García Negro, e o propio autor do libro, Victorino Pérez Prieto.

Vigo: presentación do libro Feministas galegas

O vindeiro mércores 17 de marzo presentarase en Vigo o libro Feministas galegas. Claves dunha revolución en marcha de Mónica Bar Cendón. O acto contará coa participación de María Xosé Queizán, Camino Noia, Manuel Bragado e Mónica Bar, e comezará ás 20,00 horas na Libraría Librouro (rúa Eduardo Iglesias, 12 de Vigo).