A Coruña: presentación d’A crise irredutible, de Alberte Momán

O próximo sábado 6 de xuño ás 20:30 preséntase no Centro Social Gómes Gaioso (Rúa Marconi, 9, Montealto, A Coruña) o libro A crise irredutible de Alberte Momán. Este é o texto de presentación do libro, que se distribúe baixo licenza Creative Commons:

Tres formas de achegarse a unha crise moito máis fonda do que unha falta puntual de efectivo nas entidades de creto. Unha crise que afecta aos valores, sempre cuestionables, de conduta social. A ética do traballo e do respecto polos/as que traballan, polos dereitos fundamentais dos pobos a xestionárense de xeito autónomo, da separación dos intereses económicos dos intereses xerais e unha longa lista que se abre paso entre as páxinas desta outra crise, A crise irredutible. A escrita que describe tres épocas distintas. Unha primeira, aló polo ano 2004, Un agora que non quer saír. A verdade, nunca absoluta, sobre un país que creamos como unha cincenta marcada por unha feromonía que a corrompe, sempre dende a inocencia dos máis novos, integrada aínda nunha matriz coa que o tempo, nós mesmos a fomos arroupando. Unha cobertura que leva o noso mesmo ADN, aportándolle os nosos mesmos defectos con nome de sempreadeus. A eterna renuncia dun pobo sen estela propia. A mediados dun 2008 convulso, buscando unha maneira de expresar a dor por uns acontecementos que superaban toda a racionalidade e coherencia política da presuposta esquerda galega, xorde dun conflito laboral o Síndrome de Estocolmo, a segunda parte d’A crise. Outro tipo de renuncia, desta volta, a toda unha clase. As relacións imposibles como atrainte dun magnetismo insospeitado entre traballador e empresario. Un cambio de visión, por parte do primeiro, recalcitrante, máis burgués que a propia burguesía, menos fillo de labrego que o máis asfáltico urbanita. Un traballador que adopta os canons de comportamento daquel que o mantén debaixo dun sempre hipotético xugo. Da miña cornamenta roma/ sobresae o teu xugo/ alicerce que noutrora nutrira as miñas virtudes. Os comezos deste ano 2009, deron pé ao que eu mesmo considerei unha culminación. As palabras saían das xemas dos meus dedos, evitando a autocensura, para chegar máis alá, para finalizar co traballo comezado anos atrás. Xorde A crise irredutible, última das partes desta crise, e fracción que lle dá nome ao libro. Nela, recóllese un compendio de todo o antedito, mais sen o intimismo propio doutras épocas, para recuncar na crise, nesa crise de anos que nos detivo no tempo, na involución subxacente ás nosas propias decisións como pobo, como traballadores e traballadoras, inmersos nunha globalización que serve de escusa para a eterna derrota, cun desexo asumido de ser como a xente.
A crise irredutible, Alberte Momán

Rianxo: presentación do libro de Xosé Manuel Lobato

Este venres 5 de xuño ás 20:30 preséntase o libro Retorno a Natura de Xosé Manuel Lobato no Salón de Actos do Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo. Participan na presentación Pedro Piñeiro Hermida, Xesús Costa (historiador), Henrique Alvarellos (editor), Alfonso Martínez (ilustrador) e o propio autor. Para rematar o acto plantarase unha árbore no Parque Galicia. Previamente, as 18:00 h desenvolverase un obradoiro de comic a cargo do ilustrador Alfonso Martínez destinado principalmente a nenos/as e mozos/as.

Lugo: actos culturais no Madia Leva!

No Centro Social Madia Leva! de Lugo continúan os actos do Mes da Lingua. Este venres 29 ás 20:30 Bernardo Penabade e Matias Nicieza virán para falaren do modelo de normalización lingüística de Burela. A situación desta vila mariñá é privilexiada. Teñen un plano lingüístico pioneiro no país e o 80% dos seus habitantes falan, de xeito espontáneo, galego. Tamén os inmigrantes, que proceden de catro continentes distintos. Así o quixeron amosar o profesor Bernardo Penabade -membro do equipo redactor do Modelo Aditivo de Política Lingüística Municipal aprobado e aplicado por unanimidade de todas as forzas políticas no Concello de Burela- e o realizador burelao Matías Nicieza, que elaboraron un documentario de 66 minutos de duración, que lle pon imaxes ás voces da realidade burelá. Antes da palestra, proxectarase o documentario Modelo Burela.

Ao día seguinte, o sábado 30, preséntase o proxecto editorial de Estaleiro. Os obxectivos desta editora son a difusión de pensamento crítico, o traballo sen subsidios, o copyleft e a liberdade normativa. O libro que innagura a colección de ensaio é A revolução pendente. Democracia e feminismo de Carlos Diegues. O autor estará presente para falar deste libro que, segundo as súas palabras, pretende ser “uma contribuição para a construção de uma alternativa política coerente e global, crítica com um processo globalizador que castiga de maneira especial as mulheres, em forma de violência, de exclusão da cidadania plena e de feminização da pobreza”.

Rianxo: actos do Premio Faustino Rey Romero

Esta fin de semana terán lugar dous actos enmarcados na programación do Maio Cultural do Concello de Rianxo:

-Presentación do libro Premio Faustino Rey Romero, edición a cargo de X. Ricardo Losada e publicado polo Concello de Rianxo, o sábado 30 ás 12:30 h no Salón de Actos do Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo.

– Fallo do xurado e entrega de premios do XI Certame de Poesía Faustino Rey Romero o domingo 31 de maio ás 12:00 h na Casa da República de Isorna.

Boiro: presentación do libro de Marcos Lorenzo

A Asociación Cultural Barbantia e o Proxecto Leñaverde presentan hoxe o libro de Marcos Lorenzo Liquidación de existencias hoxe venres 29 de maio ás 20:30 horas, na Estación Leñaverde de Boiro. Estarán presentes o autor; Xavier Paz, director da editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas; e Gonzalo Trasbach, socio de Barbantia.

Vigo: presentación de Os mortos van á présa

Biblos presenta o guión da película Os mortos van á présa de Ángel de la Cruz, editado en tapa dura na colección Mandaio. O autor, que é ademais director e produtor da película, achéganos unha comedia en que se mesturan as historias de tres parellas de diferentes xeracións. O acto terá lugar no Salón de actos de Ámbito Cultural de El Corte Inglés de Vigo, hoxe venres 29 de maio ás 20 horas, e contará coa participación de Ángel de la Cruz, a actriz María Castro e o editor, Tucho Calvo.

Santiago: presentación de libro no CGAC

Hoxe ás sete da tarde no <a href=http://www.cgac.org<CGAC de Santiago terá lugar a presentación do libro Palabras xordas para oídos necios. Cinco estudos para 2 recitadores de David Durán Arufe. No acto intervirán Ana Acuña, profesora de Lingua e Literatura galegas na Universidade de Vigo e escritora, X. Amancio Liñares Giraut, director editorial de 3C3, e o propio autor.

A Coruña: José-María Monterroso Devesa presenta a súa nova obra

Mañá xoves 28 de maio na Libraría Couceiro da Coruña (na Praza do Libro) terá lugar a presentación do libro Mil e pico de nomes galegos do Uruguai de José-María Monterroso Devesa. O acto estará conducido polo profesor Luís Pérez e comezará ás 20:30.