Os Museos Científicos inician o ciclo de divulgación científica Os luns con ciencia. A primeira actividade terá como protagonista a Jorge Wagensberg, director da Área de Medio e Ciencia da Fundación “La Caixa”. Este cientifico abrirá o ciclo hoxe luns 9 de marzo ás 20:00 cunha charla titualada El gozo intelectual. A súa intervención tratará sobre o afán de saber e o pracer que este procura, expoñendo historias e reflexións do quefacer diario dun científico nos que xorden o estímulo, a conversa, a comprensión e a intuición nunha gran variedade de situacións. Presentará a Jorge Wagensberg o escritor Xavier Seoane. A cita é na Domus e a entrada é libre, até completar aforo.
Arquivo da categoría: Presentacións de libros
Pontevedra: presentación do libro Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas
O Grupo de Estudos Etnográficos “Serpe Bichoca” anuncia a próxima presentación en Pontevedra do libro Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas de Carlos Solla. O acto terá lugar na galería Sargadelos o vindeiro venres, día 13, ás 20:30 h. Amais da presentación do libro proxectarase un adianto do documental Monte do Seixo. A Montaña Máxica que o Grupo Serpe Bichoca prevé estrear cara ao verán do presente ano.
A Coruña: presentación do libro Antonio Fernández Pita. Un alcalde fusilado por el franquismo
O próximo mércores 11 de marzo ás 19:30 horas na Aula de Caixa Galicia (r/ Médico Rodríguez, na Coruña) preséntase o libro Antonio Fernández Pita. Un alcalde fusilado por el franquismo, unha monografía sobre o alcalde republicano de Sada (A Coruña) fusilado en 1.936 escrita por Luis Lamela e editada polo Ateneo Republicano de Galicia. O acto é de entrada libre.
Lugo: presentación de O Globo de Shakespeare
O venres, 6 de marzo, ás 20:00 horas na Libraría Trama de Lugo presentarase a novela de Santiago Jaureguizar O Globo de Shakespeare. Con este acto Jaureguizar remata a súa xira de presentacións do libro premiado en 2008 co Terra de Melide, iniciada no mes de xuño en Melide, e que proseguiu por Ribadeo, A Coruña, Santiago e Vigo. Esta será, tamén, a derradeira oportunidade de probar as reputadas galletas da novela. O acto consistirá nunha conversa de Jaureguizar co editor Manuel Bragado. (Fonte: Xerais Blog)
Celanova: presentación do libro-homenaxe a Lois Antón
Mañá sábado a partir das 19:00 preséntase na Aula de Cultura Caixa Galicia de Celanova o libro Voz da terra, arela de pobo. Letras para o Lois Antón: recoñecemento a un nacionalista galego de base. O acto, organizado polo BNG de Ramirás e de Celanova, estará moderado por Leopoldo Rodríguez Puga, e inclúe o visionado de Unha vida en imaxes de Xosé Manuel Méndez Gayo, sobre o Lois Antón; as intervencións de Marcos Meléndez Alonso, presidente da Asociación Cultural e Xuvenil de Ramirás, Xoán Carlos Domínguez Alberte, coordinador do libro e Xosé Carlos Sierra Rodríguez, secretario xeral da Consellaría de Cultura e Deporte; e un recital poético a cargo de Delfín Caseiro Nogueiras, Xurxo Sierra Veloso e Lois Antón Pérez Pérez.
Santiago: presentación d’O Globo de Shakespeare de Jaureguizar
Santiago Jaureguizar avisa da presentación mañá en Santiago da súa novela O Globo de Shakespeare. Reproducimos o correo que nos enviou:
Dispoño de 37 das famosas galletas do Globo de Shakespeare, que repartirei mañá ás 20.00 horas na libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago dende dez minutos antes do comezo ata que remate con elas. Se vos toca unha, ben poderías facerme o favor de quedar á conversa que José Miguel Giráldez e máis eu manteremos arredor da miña última novela. Prometo espectáculo e moito neón verbal.
Ferrol: presentación do novo libro de Xaquín Marín
A Galería Sargadelos de Ferrol será mañá o escenario da presentación do libro O lecer de Isolino de Xaquín Marín, que foi lanzado pola editorial Embora. Na presentación intervirá o autor acompañado por Xesús Ferro Ruibal. O acto comezará a partir das oito do serán e a entrada é libre.
Vigo: presentación da última novela de Rafael Laso Lorenzo
Mañá venres 20 de febreiro preséntase en Vigo a nova novela de Rafael Laso Lorenzo, A vida que non é. A presentación terá lugar ás 19:30 no salón de actos do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo. Ademais do autor, participarán no acto o editor Ignacio Chao Castro (Edicións Tambre) e o profesor da Universidade de Vigo e escritor Manoel Dacosta Pardo.
A Coruña: presentación do IV Premio Biblos-Pazos de Galicia
Hoxe xoves 19 de febreiro preséntase en El Corte Inglés de A Coruña a novela Bailarei sobre a túa tumba, de Berta Dávila, gañadora do IV Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos. A autora, Berta Dávila, estará acompañada polo catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade da Coruña, José María Paz Gago, e mais polo editor Tucho Calvo, de Biblos Clube de Lectores. Na preparación desta novela, Berta Dávila estivo tutelada polo escritor Agustín Fernández Paz, quen tamén actuou como secretario do xurado. As tres edicións anteriores do Premio Biblos-Pazos de Galicia foron gañadas por Iria López Teijeiro, a quen tutelou Xosé Luís Méndez Ferrín coa novela Meniña de cristal; Alberto Ramos, que tivo para a súa Dor pantasma a Darío Xohán Cabana como titor, e Patricia Casas que contou coa axuda de Helena Villar para concluir Teselas de cidade.
A Coruña: presentación do novo libro de Manuel Rivero Pérez
A Agrupaçom Cultural O Facho presenta mañá venres 20 na Coruña o libro De Roncevales a Compostela, escrito polo sociólogo e antropólogo Manuel Rivero Pérez. A obra é ao mesmo tempo unha reflexión sobre o ser humano e unha crónica de viaxes onde o autor fala da historia e da arte dos lugares polos que pasa. O acto terá lugar ás 19:30 na Fundación Ronsel (r/ Hospital, 21, baixo) da Coruña.