A Coruña: presentación de En defensa do poleiro

O xoves 21 de outubro ás 20:00 h., na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande) da Coruña, preséntase En defensa do poleiro, publicado por Toxosoutos, libro colectivo, iniciativa da Plataforma en defensa do uso público e educativo do mosteiro de Celanova, que contou coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e no que participaron máis de 60 escritores galegos. No acto estarán presentes os representantes da Plataforma, con Xoán Carlos Domínguez Alberte á cabeza,  o presidente e secretaria da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias e Mercedes Queixas, así como a totalidade dos autores do entorno coruñés que participan nesta iniciativa: Olga Patiño, Diana Varela, Xulio López Varcárcel, Lino Braxe, Paco Souto e Francisco X. Fernández Naval. Expoñeranse tamén as ilustracións da pintura Mané Boán que ilustran o libro e proxectarase o audiovisual: O Iesplicable.

Santiago: presentación de Pressing Catch, de Paula Carballeira

O martes 19 de outubro, ás 19:30 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Pressing Catch, de Paula Carballeira, publicado en Edicións Positivas. No acto participa, coa autora, Paco Macías. O texto teatral xa foi levado á escena baixo a dirección de Quico Cadaval. Chiqui Pereira, Hugo Torres, Anabel Gago e a propia Paula Carballeira interpretaban os catro papeis protagonistas nun espectáculo que se estreou na Sala Nasa o pasado marzo e que se puido ver durante setembro en Vigo.

Allariz: presentación de Noente Paradise, de Ugia Pedreira

O venres 15 de outubro, a partir das 20:30 h., na Libraría Aira das Letras de Allariz, a cantante e escritora Ugia Pedreira presenta o seu libro Noente Paradise, publicado por Através Editora, nun acto no que será acompañada por Raquel Miragaia e Marina Oural.

Lugo: presentación de Denso recendo a salgado, de Manuel Portas

O venres 15 de outubro, ás 20:00 h., na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase Denso recendo a salgado, primeira novela de Manuel Portas. Acompañarán ao autor Xosé Chorén, Xosé Miranda e Fran Alonso.

Vigo: presentación de Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz

O venres 15 de outubro preséntase na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa) de Vigo, a partir das 20:00 h., o libro Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz, publicado por Xerais. No acto acompañarán ao autor Marita Vázquez de la Cruz, Xesús López Carreira e Manuel Bragado.

A Estrada: presentación do libro Estudos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüísmo

O venres 15 de outubro, ás 19:30 h., preséntase na sala de exposicións de Caixanova na vila da Estrada o libro Estudos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüismo, publicado en Laiovento. No acto intervirán Alba Nogueira, profesora de dereito administrativo da Universidade de Santiago de Compostela e Héctor López de Castro, avogado e membro do gabinete xurídico da CIG. O acto está convocado pola plataforma Queremos Galego d’A Estrada.

Santiago: presentación de Todo é silencio, de Manuel Rivas

A última novela de Manuel Rivas, Todo é silencio, preséntase o xoves 14 de outubro, ás 19:30 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes) de Santiago de Compostela. Durante o acto intervirán o propio autor, a cantante Iria Peña e os guitarristas Gastón Rodríguez e Miguel Ladrón de Guevara, xunto co editor Manuel Bragado. Se o tempo o permite, o acto ocupará a praza de Cervantes

Santiago: presentación de Repensar o mal, de Andrés Torres Queiruga

O xoves 14 de outubro, ás 20:00 h., na Fundación Caixa Galicia (rúa do Vilar, 19) de Santiago de Compostela, Andrés Torres Queiruga presenta o seu último ensaio Repensar o mal. Da poneroloxía á teodicea, publicado en Galaxia. No acto o autor estará acompañado por Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, Segundo Pérez López, profesor de Teoloxía, Xan López Facal, economista, e Luís García Soto, decano da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago.

Culleredo: presentación de Ingrávido signo, de Pablo Bouza

O mércores 13 de outubro ás 20:00 horas preséntase na Biblioteca de Poesía “Uxío Novoneyra” no Pazo de Vila Melania en Vilaboa (Avenida de Vilaboa, 42, Culleredo), o libro de poemas Ingrávido signo, de Pablo Bouza, publicado pola editorial Espiral Maior. Participan no acto Celestino Poza Domínguez, Miguel Anxo Fernán-Vello e Xulio López Valcárcel, acompañando ao propio autor.