Presentación d’ “Os ríos pasan cheos de Deus”, de Victorino Pérez

Os ríos pasan cheos de Deus é unha antoloxía da poesía relixiosa en galego que inclúe unha importante representación da poesía portuguesa nos Séculos Escuros en Galiza. lnclúe tamén unha longa introducción sobre o que o autor entende por poesía relixiosa e a súa presenza na literatura galega. Prólogo de Xesús Portas.
A presentación será no marco excepcional dos 30 anos da revista Encrucillada, o próximo venres 23 de Marzo ás 19 h. no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, Santiago de Compostela). Tras das palabras de Andrés Torres Queiruga e o relatorio de Ramón Villares Paz polo evento de Encrucillada, presentarán o libro a nova directora de Toxosoutos, Xesús Portas Ferro e mais o autor.

Presentación de “Lingua, nación e identidade”, de Xosé Ramón Freixeiro

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que este xoves 22 de marzo terá lugar a presentación do libro Lingua, nación e identidade de D. Xosé Ramón Freixeiro, profesor da Universidade da Coruña. A presentación será responsabilidade de D. Xosé Manuel Sánchez, profesor de filoloxía galega da Universidade da Coruña. Será ás 20:30 hs, no salón de actos da Asociación (R/ Olmos 16-18, 1º), con entrada aberta ao público en xeral.

Presentación de Volverlles a palabra

A presentación do libro Volverlles a palabra. Homenaxe aos represaliados do franquismo terá lugar no Ateneo de Ourense o venres 23 de marzo de 2007 ás 20:00 hs. Intervirán: Representante do Ateneo de Ourense, Xosé Carlos Sierra (delegado da Consellería de Cultura e Deporte en Ourense), Xoán Carlos Domínguez Alberte (coordinador da publicación), Baldo Ramos (coordinador da publicación), Xesús Alonso Montero (prologuista do libro). Lerán textos literarios: Francisco X. Fernández Naval, Chus Pato, Manuel Outeiriño, Baldo Ramos, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Manuel Vilanova e Víctor Campio.

Presentación do libro de poemas “Obertura sen heroe”

O acto de presentación do libro de poemas Obertura sen heroe (gañador do 1º Premio Antón Tovar), de Yolanda López, terá lugar o vindeiro venres 16 de marzo ás 20:15 horas no Salón Nobre do Liceo de Ourense. Contará coa intervención de Marcos Valcárcel, Delfín Caseiro e a propia autora. Será ofrecido tamén un recital a cargo de Teresa Devesa e Loly Conde, acompañadas ao piano por Ángel Losada.