Allariz: presentación de Santos Júnior e os Intelectuais Galegos, de Isaac Alonso Estraviz

O sábado 24 de marzo, ás 20:00 horas, no Fogar dos Maiores (Campo da Barreira, 3) de Allariz, preséntase Santos Júnior e os Intelectuais Galegos, de Isaac Alonso Estraviz, publicado pola Fundaçom Meendinho.

Pontevedra: Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2012, presentación de O alento nas costas, de Natalia Carou

Do domingo 4 ao sábado 31 de marzo, no Pazo de Cultura de Pontevedra, regresa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para achegarnos ao mundo da literatura. Este ano o Salón, que ten a Paco Martín como autor homenaxeado, indagará nas supersticións; de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. Temos preparado un amplo programa de actividades no que toda a familia pode participar porque, no Salón, rapaces e maiores percorren xuntos e descobren o universo dos libros. O horario de apertura será de luns a venres de 9:30 a 13:30 h., e de 16:30 a 20:00 h., e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. O programa completo pódese descargar aquí: programa_salon_libro_2012.

– O luns 26 de marzo, ás 19:00 horas, na Sala de exposicións, preséntase o libro O alento nas costas, de Natalia Carou Figueira, publicado por Baía Edicións.

Santiago: presentación de Outono aquí, de Mario Regueira

O venres 23 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a novela Outono aquí, de Mario Regueira, publicada en Sotelo Blanco, gañadora do Premio Manuel Lueiro Rei de novela curta no 2011. No acto, acompañando ao autor, participan Marilar Aleixandre e Ánxela Gracián.

Ourense: presentación de A habitación secreta, de Jorge Emilio Bóveda

O venres 23 de marzo, ás 20:00 horas, no Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5), preséntase A habitación secreta, de Jorge Emilio Bóveda, publicado en Toxosoutos. No acto, xunto ao autor, intervirán David González Couso e José Antonio Santos.

Vigo: recital poético-musical e presentación de Se lo dije a la noche

O venres 23 de marzo, ás 19:30 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, preséntase o libro Se lo dije a la noche, de Juan Carlos García Hoyuelos, traducido a todas as linguas peninsulares. No acto, organizado pola revista Canle36, haberá un recital poético e musical coa participación, xunto ao autor, de Antonio García Teijeiro, Manuel Joaquín Barreiro Rigau e Lucía Novas Garrido, como poetas, Pablo Núñez González, novelista, Susana Fumis (rapsoda), e o gaiteiro Raúl Galego.

Vigo: presentación de Ranhura, de Carlos Vinagre

O venres 23 de marzo, ás 21:30 horas, en A Cova dos Ratos (Rúa Romil, 3) de Vigo, preséntase o último libro de Carlos Vinagre, Ranhura. No acto, que conta colaboración de A Porta Verde do Sétimo Andar, participan, xunto ao autor, Alfonso Láuzara Martínez e Manolo Pipas.

A Coruña: presentación de Almanaque musical e exposición de David Pintor

O venres 23 de marzo, ás 19:00 horas, en Libros para Soñar (Avenida de Fisterra, 64) da Coruña, preséntase Almanaque musical, de Antonio Rubio, con ilustracións de David Pintor (quen estará presente no acto) e tradución de Xosé Ballesteros, publicado en Kalandraka. Na mesma libraría, até o 16 de abril, poderase visitar a exposición Un paseo ilustrado II, do propio David Pintor, onde presenta unha escolma de traballos incluídos en diversos libros infantís.

Santiago: presentación de Pallarega, de Marcelino Fernández Mallo

O xoves 22 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a novela Pallarega, de Marcelino Fernández Mallo, publicada por Toxosoutos. No acto, xunto ao autor, participan Henrique Monteagudo e David González Couso.