Becerreá: presentación de Dramatículas, de Afonso Becerra

O martes 27 de decembro, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Becerreá (Rúa Eulogio Rosón, s/n.) preséntase o libro Dramatículas, de Afonso Becerra de Becerreá, publicado en Laiovento. No acto, xunto ao autor, participan María do Cebreiro e Marta de Sinllán. Durante o mesmo, a artista e actriz María Roja realizará unha acción teatral cun dos textos do libro.

Santiago: presentación da reedición de Muller pra lonxe, de Uxío Novoneyra

O xoves 22 de decembro, ás 20:30 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela preséntase Muller pra lonxe, de Uxío Novoneyra, unha reedición do Servizo de Publicacións da Excma. Deputación de Lugo, con Luís Cochón e Olga Novo. Este poemario recolle unha autoescolma da súa poesía amorosa entre os anos 1955 e 1985 ilustrada polo pintor Carlos Pardo Teijeiro.

Ourense: presentación de Unha troita de pé, de Silvia Bardelás

O xoves 22 de decembro, ás 20:00 horas, no espazo do xornal dixital El Cercano (Avenida da Habana, 49, 1º D) de Ourense, preséntase a nova novela de Silvia Bardelás Unha troita de pé, publicada por Barbantesa. No acto acompañará á autora Xosé Monjardín, e haberá unha actuación musical a cargo de Cristina Pato ao piano, mentres Xan Padrón amosa as súas fotografías de New York.

A Coruña: presentación do libro-catálogo Lois Pereiro: Quen corta os fíos do soño?

O xoves 22 de decembro, ás 19:00 horas, na Fundación Luís Seoane (Rúa San Francisco) da Coruña, preséntase o libro-catálogo Lois Pereiro: Quen corta os fíos do soño?, onde se recollen os traballos que fixeron parte da exposición co mesmo nome. Participan: Manuel Rivas, Xosé Manuel Pereiro, Silvia Longueira e Antón Patiño.