Ponteceso: convocatoria para participar en recital de poesía contra a mina de Corcoesto

Estase organizando un recital de poesía contra a contaminante mina de Corcoesto (Cabana de Bergantiños) que se baralla para o día 11 de Agosto. Contaremos coa presenza musical do amigo Serxio Moreira ao piano e buscamos un ou varios pintores que se animen a facer un cadro en directo.
De momento a nómina de autores é a seguinte: Paco Souto, Xosé Lois Cabanas, Miguel Mato e Óscar de Souto. Así que velaí, se podedes e queredes participar no recital, quedades convidados.
Será en Ponteceso, probabelmente na casa dos veciños do Couto. Podes comunicar o teu interese en participar no correo electrónico: pacosouto@hotmail.com. Sería fantástico que fixerades un poema ad hoc.

Serra de Outes: curso de verán Bicentenario de Francisco Añón, do 19 ao 22 de xullo

PROGRAMA

* Xoves 19 de xullo:
19:00 h. Inauguración da exposición sobre Francisco Añón. Na Casa da Cultura de A Serra. Con Xoán X. Mariño, comisario do Ano de Añón e Carlos L. Crespo, alcalde de Outes.
19:30 h. Presentación da páxina web adicada a Añón con Xoán X. Mariño, presidente da ACC Terra de Outes e Domingos Campos, membro do consello de redacción.
20:00 h. Conferencia: Bicentenario de Añón, ocasión para reivindicar ao poeta. Por Henrique Monteagudo.

* Venres 20 de xullo:
10:00 h. Travesía marítima pola ría Muros-Noia. A bordo do balandro Joaquín Vieta (ver nota abaixo).
16:30 h. Conferencia: A ría do Poeta Añón. Por Manuel G. Sendón.
17:30 h. Conferencia: Clasicismo e romanticismo na obra de Añón, por Ramón Blanco.
19:00 h. Presentación do documental Francisco Añón. O poeta na súa terra. Por Óscar García e Juan Silva, autores do mesmo.
19:30 h. Interpretación de O himno a Galicia, polo grupo coral da AV Sueiro.

* Sábado 21 de xullo:
11:00 h. Roteiro literario Polas terras de Añón, coa guía de Santi Nieto.
16:30 h. Conferencia: A literatura galega na época de Añón, por Xabier Castro.
17:30 h. Conferencia: O levantamento de 1846 e o nacemento de Galeguismo, por Manuel do Río.
19:00 h. Performance poética de Serafín Fernández.

* Domingo 22 de xullo:
12:00 h. Conto-conferencia O mundo poético de F. Añón, con Quico Cadaval.
13:00 h. Ofrenda floral diante do monumento de Añón. Con Xoán X. Mariño, comisario do Ano de Añón e Carlos L. Crespo, alcalde de Outes.
13:30 h. Clausura coa actuación do grupo de gaitas do Concello de Outes.

Matrícula: Gratuíta e por orde de inscrición na Casa da Cultura de Outes. Avenida de San Campio, s/n. Tfno. e Fax: 981-850950 E-mail: terradeoutes@gmail.com.
Coordinador: Xoán X. Mariño. Tfno. 634416574.
Nota: Esta travesía marítima é opcional. Os participantes no curso que desexen asistir a ela deben abonar 6 euros e posto que a capacidade máxima do buque é de 20 persoas, estas prazas serán ocupadas por orde de inscrición.

A Coruña: X Encontros Milpedras, recital conxunto de poesía, música e pintura

O venres 29 de xuño, a partir das 21:00 horas, no Taller de Litografía Milpedras (Rúa Brasil, nº 3, baixo) da Coruña, terá lugar a X edición dos Encontros Milpedras, coa participación poética de Arturo Casas, Diana Varela Puñal, Ramiro Torres e Tati Mancebo, quen tamén participará na parte musical, xunto a Dúbi Baamonde e Tito Calviño, en paralelo á intervención das pintoras Gosia Trebacz e María Martínez.

Vigo: concerto en homenaxe a Celso Emilio Ferreiro

O martes 26 de xuño, ás 20:00 horas, no Teatro do Centro Cultural Novacaixagalicia (Rúa Policarpo Sanz, 13) de Vigo, e con entrada de balde, a Consellería de Cultura e Educación organiza un concerto en homenaxe a Celso Emilio Ferreiro dentro do programa de actividades para conmemorar o centenario do nacemento do escritor. Yolanda Castaño presenta o acto, no que se alternarán recitados de textos do escritor e poemas musicados, nas voces de Iolanda Zúñiga, Inma López Silva, Rexina Vega, Ataque Escampe, Coke Céspedes, Patricia Moon, Frans Banfield ou Davide. Tamén participará o catedrático Xesús Alonso Montero.