Alfonso Rodríguez: “A deserción en masa sería a solución: darse de baixa de todo e conformar outras formas de relación”

EntrevistaAlfonso Rodríguez de Montse Dopico a Alfonso Rodríguez en Magazine Cultural Galego:
“(…) Di o poeta Alfonso Rodríguez que mellor ser liberado vital que escravo. Mellor estar orgulloso de ser “minus bálido” para un sistema que mercantilizou a vida. Que envelenou as relacións sociais. Que tenta derrubar os dereitos que nos quedan. E diso fala no seu último libro, Lúa plenur. El chámalle artefacto. Mais podería ser mapa. Xeografía que percorrer para tentar ubicármonos no medio do caos. O seu norte é a liberdade. A súa cerna, o ritmo interno do autor. O eu que enuncia o nós.
– Montse Dopico (MD): Lúa plenur ten estética de fanzine. Por que? Sempre fixeches ese tipo de deseños?
– Alfonso Rodríguez (AR): Si, desde moi novo. Ademais de beber, fumar porros e escoitar música cañeira, formei parte dun colectivo, ‘Komando Estrela Galiza’, a primeiros dos 90. Tiñamos un logotipo feito a partir do de Estrella, por iso o nome. Tiña relación co movemento insubmiso, había algunha xente máis independentista outra máis anarca… Era un rollo moi libertario. Atopamos, ademais, un espazo, a Casa da Xuventude, onde faciamos actividades: concertos, xornadas. Tiñamos unha publicación política, ‘Desobediencia’, e o boletín ‘Adokín’.
Aínda que despois acabamos marchando, porque aquel local non deixaba de ser unha institución, e ocupamos unha casa, o Fogar Infantil, onde seguimos desenvolvendo moitas actividades. Un colega e eu fixemos un fanzine de política e música, -hardcore, punk…-, que se chamaba ‘Noxxxo’. Despois desta época comecei a facer poemas, que mesturaba con colaxes. Foi un tempo en que fixen seis ou sete fanzines en poucos anos e colocábaos en librerías, bares…
– MD: Poemas e colaxes xa xuntaches en Oremos, o libro que publicaches en formato pdf na plataforma A Regueifa. Nese sentido, Lúa plenur sería como volver a iso.
– AR: Si, é como se andase para atrás e para adiante. O primeiro libro que publiquei foi Subir ao faiado, con Positivas, no 2004. No 2007 foi Oremos, que era ademais o primeiro libro que publicaba A Regueifa en pdf. En Oremos todos os colaxes estaban feitos con capas de cassetes de música. Despois publiquei Azúcar glass, en coedición con Duen de Bux. O de ‘subir ao faiado’ foi como unha lotería. A min marcárame moito Lois Pereiro, antes dese boom que houbo sobre el polo Día das Letras. Tamén lera, de Positivas, cousas de Bukowski, de Ronseltz… Enviei unha escolma de poemas, e Paco Macías dixo que si… (…)”

A Matanza, Padrón: presentación de Dezaoito

Ourense: presentación e recital de Penúltimo acto

O venres 19 de novembro, a partir das 21:00 h., no Centro Social A Esmorga (Rúa Telleira, 9) de Ourense, preséntase o libro Penúltimo acto, do colectivo formado por Enrique Leirachá, Cruz Martínez e Rosanegra. Posteriormente, desenvolverase unha nova edición dos Círculos Poéticos Abertos, na que participarán, alén destes autores, Alfonso Rodríguez, Adriana Pérez, Dara Escribano, Simón Cabo, Iolanda Aldrei, Belém Grandal ou Artur Alonso Novelhe.

Vigo: Círculo Poético Aberto, polo grupo de acción poética Penúltimo Acto

O sábado 30 de outubro, a partir das 21:00 h., no Café Uf  “Negra Sombra” (rúa Pracer, 19) de Vigo, haberá un recital promovido polo Grupo de Acción Poética Penúltimo Acto, no que participarán, ademais dos membros deste colectivo, Iolanda Aldrei, Pere Tobaruela, Belém Grandal, José M. Garnelo, Gaspar Domínguez, e Alfonso Rodríguez, entre outros. Se alguén máis quere participar pode enviar un correo electrónico ao enderezo penultimoacto@gmail.com.