El invisible anillo nº 16: entrega dedicada á poesía galega

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Hai cousa dun mes un amigo púxome en contacto con Lur Sotuela, director da revista El invisible anillo, subtitulada Poesía, arte y literatura, publicación que particularmente descoñecía. Sotuela solicitoume un artigo arredor de cuestións biográficas e literarias de Celso Emilio Ferreiro e acabo de recibir un exemplar, subtitulado «Érase una vez… Galicia»,  que testemuña o excelente coidado que depositan desde a editorial Eneidanunha arriscada, heroica e marabillosa aventura que é, hoxe en día, soster unha revista destas características, nesta ocasión dedicada na súa totalidade á poesía galega, caracterizada no limiar como «de una riqueza abrumadora» e «fecunda y deslumbrante», mentres xa dispoñen no mesmo selo unha antoloxía que aparecerá no mes de outono baixo o título de Sinfonía atlántica. Antología general de la poesía gallega. A revista en si, inmellorable desde un punto de vista estético, conta con ilustracións ad hoc de Ginés Liébana, poeta e artista cordobés da xeración do grupo Cántico, e articula unha viaxe que vai mesturando  mostras de voces clásicas como as de Rosalía, Pondal, Curros, Cabanillas, Otero, Pimentel, Novoneyra, Álvaro Cunqueiro ou Celso Emilio (en versións bilingües) até poetas dos nosos días como Méndez FerrínX. Mª Álvarez Cáccamo, Cesáreo Sánchez, Xulio L. Valcárcel, Darío X. Cabana, Claudio Rodríguez Fer e César A. Molina, onde boto en falta voces femininas, que as hai con talento e valía ben demostradas. Alén diso, incorpóranse diversos ensaios nucleados arredor de diversos aspectos da obra rosaliana, a cargo de Carmen Blanco e Arcadio López-Casanova; deténdose na figura de Álvaro Cunqueiro, cunha interesante lectura de C. Clementson; reparando na reescritura dos contos de fadas na poesía galega de hoxe a través da visión de Teresa Seara ao que se engaden unha serie de reflexións sobre o mundo clásico na poesía galega, subscritas por Carlos Beck. (…)”

Quiosco: Revista Galega de Teatro, 71

“No marco da programación da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia presentouse o número 71 da Revista Galega de Teatro. Esta publicacion editada pola asociación cultural Entre Bambalinas mantense fiel ás súas seccións habituais. Así, no último volume, Inma López Silva entrevista a Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego, para falar do teatro institucional; inclúese o texto O principio de Arquímedes, de Josep Maria Miró Coromina (Premi Born del Cercle Artístic de Menorca) na sección para difundir a dramaturxia en galego; así como críticas dos espectáculos Kamouraska, de Inversa Teatro e Malena llena eres de gracia, de Compañía das Marías, xunto coas crónicas das Mostras de Teatro Universitario de Vigo e Ourense, o ALT 2012 e a Feira Europea de Teatro para Nenos e Nenas de Xixón.” Vía Cultura Galega.

Quiosco: Grial 194

“Ante a proximidade dos 150 anos da publicación de Cantares gallegos, a revista Grial dedícalle o seu número 194 cun monográfico a Rosalía de Castro. Dolores Vilavedra e María do Cebreiro coordinan esta sección con colaboracións internacionais nas que se abordan cuestións como a aculturación en varios personaxes da autora ou a situación das mulleres escritoras nos séculos XVIII e XIX. Canda a isto, Víctor Freixanes asina un artigo de lembranza ao recentemente falecido Xaime Isla Couto, Ramón Villares reflexiona sobre a importancia de Galicia como tarefa de Valentín Paz Andrade. Unha entrevista co escritor Tom McCarthy, e as habituais seccións de crítica e creación son outras dos contidos desta entrega.” Vía Cultura Galega.

Vigo: actividades destacadas do sábado 30 e domingo 1 na Feira do Libro

Continúa a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta até o domingo 8 de xullo. As actividades máis destacadas do sábado 30 de xuño e domingo 1 de xullo son:

* Sábado 30 de xuño:
19:00 h.: presentación de Dun tempo e dunha terra. Antoloxía poética de Celso Emilio Ferreiro, de Gonzalo Navaza, publicado en Tambre. No acto participa, xunto ao autor e o ilustrador David Pintor, Luís Ferreiro e Ignacio Chao.
20:00 h.: presentación de Xardín de inverno, de Ledicia Costas, publicado por Tambre. Xunto á autora participan Daniel Puente Bello e as Poetas da Hostia.
21:00 h.: presentación de Infancia de vacas mortas, de Xosé Daniel Costa Currás, publicado en Barbantesa. No acto, xunto ao autor, participa Ledicia Costas.

* Domingo 1 de xullo:
19:30 h.: sinatura de exemplares de Artur, de Xosé Manuel González, “Oli”, publicado en Kalandraka.
21:00 h.: Enogastrofonías ferreirianas, percorrido por Celso Emilio Ferreiro a través da poesía, a música e o viño. Preséntase o monográfico da revista Arraianos Celso Emilio Ferreiro fai 100 anos. Participan: Aser Álvarez, Alexandre Meire e Mario Poti.

Rianxo: presentación do primeiro volume da Obra Completa de Manuel Antonio

O venres 29 de xuño, ás 20:30 horas, no Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo (Rúa Autores da Rianxeira, s/n), a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia e o Concello de Rianxo organizan a presentación do número 76 do suplemento cultural A Voz de Barbantia e do primeiro volume da Obra Completa de Manuel Antonio, editada conxuntamente pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié. No acto estarán presentes Xosé Luís Axeitos, editor literario; Diego Rodríguez, Xesús Santos Suárez e Adolfo Muíños.

A Pobra do Caramiñal: presentación de Dark Butterfly, de Rexina Vega

O venres 25 de maio, ás 20:30 horas, na Tenda Escola Deán (Rúa Rafael Calleja, 11-13), a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia, Edicións Xerais de Galicia e a Libraría LER da Pobra do Caramiñal presentan o número 75 do suplemento cultural A Voz de Barbantia, así como á presentación do libro Dark Butterfly, de Rexina Vega. No acto, xunto á autora, participan Manuel Bragado, Agustín Agra e Amparo Cerecedo.

Número 5 da revista Búsola

Chega o número 5, correspondente a 2011, da revista Búsola, editada no Valadouro, que conta coas colaboracións de Javier Ramirez, Miguel Alonso, Ledicia Costas, Casto Rivadulla, Inés Liste, Eduardo Maroño, Estela Insúa, Yago García e Kike Benlloch.

Quiosco: Raigame analiza as figuras de Celso Emilio Ferreiro e Valentín Paz Andrade

“O ata agora último número -36- da revista Raigame, editada polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense, dedica un monográfico ás dúas figuras homenaxeadas este ano a nivel institucional. Deste xeito, Celso Emilio Ferreiro é tratado en textos de Francisco López-Barxas, Antonio Piñeiro, Afonso Vázquez-Monxardín Fernández, José Ángel García López ou Ramón Nicolás. O perfil literario, empresarial e cultural de Valentín Paz-Andrade conta con traballos de Xoán Carlos Domínguez Alberte, Luís Pérez Rodríguez, Charo Portela Yáñez, Emilio Rodríguez Portabales ou Clodio González Pérez, canda unha cronobiografía de Afonso Vázquez-Monxardín Fernández. A revista tamén conta coa colaboración de Xosé Neira Vilas.” Vía Cultura Galega.

Vigo: presentación do número 193 da revista Grial

O xoves 3 de maio, ás 20:00 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, preséntase o número 193 da revista Grial, que xira sobre Valentín Paz-Andrade, Isaac Díaz Pardo, emprendedores. Participan Víctor F. Freixanes, Ramón Villares, Uxío Labarta, Fernando Salgado e Alfonso Paz-Andrade.