O venres 8 de outubro, a partir das 20:00 h., na Casa-Museo Rosalía de Castro de Padrón, terá lugar a representación de Ao raso coas lebres, por Casahamlet, coa participación de Manuel Lourenzo, Santiago Fernández e os músicos Manu Clavijo e Brandan Lourenzo, con motivo do 152º aniversario do casamento de Rosalía de Castro con Manuel Murguía. Ao raso coas lebres tenta mostrar a lucidez e a rebeldía dunha muller que, adiantándose ao seu tempo, desvela a situación do pobo e da cultura galega, comezando pola lingua, que ten nela a primeira usuaria con forza suficiente para inaugurar un tempo novo marcado pola consciencia e polo orgullo, así como pola contundencia fronte ás agresións.
Arquivo da categoría: Teatro
Un total de 52 textos compiten nos premios Cunqueiro e Barriga Verde
(Xornal)
Santiago: presentación de Auga que non vas beber e Bon appétit, VII Premios Barriga Verde
Convocado o VI Premio Estornela de Teatro para nenos
A
Fundación Xosé Neira Vilas convoca o VI Premio Estornela de Teatro para nenos, ao que concorreron bienalmente máis de medio cento de autores de toda Galicia.
BASES
1. Poderán participar todas as persoas que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos inéditos escritos en lingua galega.
2. Cada orixinal pode conter unha ou varias pezas teatrais.
3. Os traballos enviaranse, en orixinal e dúas copias, á sede da Fundación Xosé Neira Vilas: Gres-Vila de Cruces (Pontevedra), C. P. 36587. Levarán un título. En sobre a parte, cerrado, deberá consignarse por fóra o mesmo título e dentro nome e apelidos do autor ou autora, enderezo e teléfono.
4. O prazo de admisión de orixinais pecharase o 30 de outubro de 2010.
5. A Fundación Xosé Neira Vilas escollerá un xurado de recoñecido prestixio. O seu dictame será inapelable.
6. Entregarase o Premio durante o mes de decembro de 2010.
7. O Premio Estornela ten unha dotación económica de 1000 euros.
8. Publicarase o libro premiado.
9. Os orixinais non premiados poden ser retirados polos respectivos autores no prazo de trinta días contados a partir da entrega do Premio.
10. A participación no Premio Estornela supón a aceptación destas Bases.
Máis información no teléfono da Fundación (986-58 90 26) ou na súa páxina web.
Rubén Ruibal: “Neste país importa máis o historial da compañía que a calidade da montaxe”
Entrevista e artigo sobre Rubén Ruibal en Xornal.
Manuel Lourenzo: “Son adicto á irreverencia co poder existente, non quero saber del; paréceme inmundo”
Entrevista a Manuel Lourenzo en Xornal:
“Xornal (X): Que ofrece Manuel Lourenzo na obra As cousas do verán?
Manuel Lourenzo (ML): Pois cousas do verán [Ri]. Realmente achega retallos, elementos de diversos lugares como a Mariña Lucense, todas esas zonas de Viveiro ou de Foz, tamén da Coruña. Son catro historias diferentes que teñen puntos en común, cousas que lles pasan á xente nesta época do ano na que nos retiramos un pouco.
(X): Fala da Mariña Lucense e da Coruña, lugares moi significativos na súa vida. A obra ten moito de autobiográfico?
(ML): Non hai nada autobiográfico nela, pero está influída polas paisaxes humanas e físicas dos lugares nos que vivo. Son os escenarios nos que se moven os protagonistas que teñen un punto en común que é o amor. Hai algunhas historias amorosas que nalgún momento reverdecen ou que quedaron aí. Creo que ten un ton lírico porque busquei unha estrutura coa que prescindir de acotacións e de determinados elementos que non están nas personaxes, omítese a técnica teatral.
(X): Como evolucionou Manuel Lourenzo dende O moucho até hoxe?
(ML): Teño unha gran capacidade para o salto. Disme iso d’O moucho e eu quedo pensando: “Que será iso…” até que caio na conta de que era unha primeira obriña que escribira aló polos sesenta. A verdade é que o propio traballo e o entusiasmo do traballo non me permite botar a vista cara atrás. Pero creo que estou como o primeiro día, creo que son máis consciente e máis forte.”
Manuel Lourenzo gaña o Premio Abrente de Ribadavia
O académico e dramaturgo Manuel Lourenzo, un dos nomes clave no desenvolvemento do teatro en Galicia, foi o gañador con Aquelas cousas do verán da quinta edición do Premio Abrente de Textos Teatrais, que convoca o Concello de Ribadavia xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística coincidindo coa celebración da Mostra Internacional de Teatro da capital do Ribeiro. O xurado do galardón, dorado con 3.000 euros, resaltou a madureza da obra “tanto na linguaxe coma na escrita e que require dun tratamento escénico moi sutil, en concordancia coa propia sutileza dos componentes do texto”. Aquelas cousas do verán, ademais, posúe en opinión do xurado grandes posibilidades escénicas mediante a creación “dun universo de ficción onde o bo manexo das convencións ou da intertextualidade dotan a obra dunha calidade e madurez especial”. Trátase dun texto, engaden, “que bota man para a súa composición de moi dosificadas pinceladas simbólicas pero que trata con profundidade e moi interesante e transversalmente a actualidade. É unha peza profunda que fala das relacións entre as persoas cun impecable dominio da tensión dramática”. O xurado do premio estaba presidido polo alcalde de Ribadavia, o concelleiro de Cultura da vila, o director da MIT, Roberto Pascual, xunto a un grupo de profesionais das artes escénicas composto por Cristina Domínguez, Tito Asorey e Santi Prego.
A nova aparece recollida en varios medios de comunicación: Culturagalega.org, Galicia Hoxe, A Nosa Terra e Xornal.
Ferrol: presentación do libro Un traballo é un traballo, do Colectivo Garola
O martes 22 de xuño ás 19:30 horas, preséntase na Galería Sargadelos de Ferrol o libro Un traballo é un traballo, dos autores: Miguel García-Cernuda, Fusa Guillén e Carlos Labraña, do Colectivo Garola, publicado en Edicións Embora. No acto participarán os autores e Eduardo Fra Molinero.
A Coruña: homenaxe a Rosalía no teatro do seu mesmo nome
Mañá xoves 10 de xuño, ás 21.00, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, terá lugar a homenaxe a Rosalía de Castro “AO RASO COAS LEBRES. Versos de Rosalía de Castro”.
FOI un empeño de Casahamlet, desde os seus inicios en 1998, o facer unha triloxía escénicasobre os tres grandes poetas do Rexurdimento. E así estreou ESCURO ENIGMA EU SON (Pondal, 2002), QUEN PUDERA CONVOSCO VOAR (Curros, 2008) e agora presenta AO RASO COAS LEBRES (Rosalía, 2010), un recital-concerto que tenta mostrar a lucidez e rebeldía dunha muller que, adiantándose ao seu tempo, desvela a situación do pobo e da cultura galega, comezando pola lingua, que ten nela a primeira usuaria con forza suficiente para inaugurar un tempo novo marcado pola consciencia e polo orgullo, así como pola contundencia fronte ás agresións. Talvez non houbo nin chegará a haber en moito tempo unha voz tan escoitada con respecto e emoción polo seu pobo.
Con este recital-concerto, CASAHAMLET pretende facer chegar ao público, un exemplo de poesía e de compromiso que teñen na nosa escritora os seus acentos máis sonoros.
Culleredo: As troianas, de Euripides
O venres 11 de xuño clausurarase o ciclo teatral dos Encontros de primavera e ademais serve de clausura do curso 2009-2010 da Escola de Teatro de Culleredo, que viñeron impartindo Manuel Lourenzo e Santiago Fernandez a unhas 40 persoas, moitas pertencentes a compañia de teatro afeccionado “CARFAX”.
Poñeran en escea as 20:30 no edificio de servizos multiples As troianas, de Euripides, dramatizada por Manuel Lourenzo. Sera de balde.
