Manuel Vidal Villaverde entrevista a Manuel Lourenzo en Galicia Hoxe.
Arquivo da categoría: Teatro
Morreu Daniel Cortezón
O pasado domingo faleceu no Hospital Xeral de Lugo o dramaturgo e prosista galego Daniel Cortezón Álvarez, nacido en Ribadeo (Lugo) o 6 de febrero de 1927. Entre as súas obras debemos destacar os títulos Xelmírez ou a gloria de Compostela, As covas do rei Cintolo, Pedro Madruga e Prisciliano ou a novela A vila sulagada, gañadora do primeiro premio Blanco Amor.
Culleredo: estrea da obra Colgados de Gustavo Pernas
O próximo venres 9 de outubro en Culleredo terá lugar a estrea absoluta da nova obra de Gustavo Pernas Cora, o “logomono” Colgados con dirección de Anxela G. Abalo. Os “logomonos” son monólogos ao revés, monólogos mutantes interpretados polo propio autor. A obra será representada ás 20:30 no edificio de Servizos Múltiples do Burgo de Culleredo.
Culleredo: comeza o ciclo de teatro coa obra Glass city
O vindeiro venres 2 de outubro ás 20:30 horas comeza o ciclo de Teatro de Outono de Culleredo dedicado a Roberto Vidal Bolaño, coa presentación da compañia Teatro do Noroeste que porá en escena o musical Glass city (Cidade de cristal), de Eduardo Alonso. A entrada é gratuita.
Santiago: a compañía Bicodobrelo Teatro estrea a obra Matilde
A compañía compostelana Bicodobrelo Teatro, gañadora do 2º premio de teatro nos galardóns GZcrea 08, estrea a obra Matilde, unha adaptación da obra de Mario Benedetti Pedro y el capitán, levada a cabo pola propia compañía. Trátase dunha obra de teatro con dous únicos personaxes, un torturador e unha suposta presa política, que manteñen un diálogo imposible nun marco indefinido, pero que podería aplicarse a diversos lugares e momentos históricos. A obra está composta por catro actos e os seus correspondentes interludios, que non se limitan a ser meros espazos de transición, senón que serven de porta de entrada para un complexo marco artístico multidisciplinar no que se combinan a música en directo, a pintura e incluso a danza.
A función terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela o venres 25 de setembro ás 21:00. A entrada é de balde ata completar aforo.
Masiva asistencia á homenaxe a Manuel María na Coruña
A Concellaría de Cultura da Coruña e a Fundación Manuel María encheron o pasado martes o Teatro Rosalía de Castro na homenaxe ao poeta da Terra Cha, Versos para sempre cantar. O xornal El Correo Gallego fíxose eco do rotundo éxito da convocatoria. Poden ver un pequeno resumo do acto neste vídeo:
Fonte: A Coruña Cultura
A Coruña: homenaxe a Manuel María
O martes 8 de setembro no Teatro Rosalía Castro da Coruña, “VERSOS PARA SEMPRE CANTAR: HOMENAXE A MANUEL MARÍA”, cun recitado de poemas a cargo de Santiago Fernández e Dores Tembrás e a estrea da obra “AVENTURAS DE DESVENTURAS DUNHA ESPIÑA DE TOXO CHAMADA BERENGUELA”, unha peza dramática de Manuel María, musicada por Nani García e interpretada pola actriz María Inés Cuadrado e o cuarteto de clarinetes “Xerión”. Organiza a Concellaría de Cultura e Fundación Manuel María de Estudos Galegos. A función comeza ás 20:30 e a entrada é libre até completar capacidade.
Bernardino Graña ingresa na Real Academia Galega
O escritor Bernardino Graña foi elixido onte académico numerario na reunión de onte dos membros da Real Academia Galega na que se acordou ademais dedicar o Día das Letras 2010 ao poeta do Courel Uxío Nonoveyra. Nacido en Cangas do Morrazo en 1932, Bernardino Graña é recoñecido sobre todo como poeta, aínda que tamén é autor de pezas teatrais e dunha importante obra narrativa no ámbito da literatura infantil.
A Coruña: remata o ciclo Escrita(s) na Galería Sargadelos
Remata o ciclo Escrita(s) coa mesa De corpos e palabras. Tendencias escénicas para o século XXI. 20 anos de teatro contemporáneo na Galiza (1989-2009) na que intervirá o escritor Roi Vidal Ponte. As características que definen a estética contemporánea no teatro occidental e como esta estética ten ou non repercusión, aceptación e seguimento nas compañías e públicos do sistema teatral galego serán algunhas das cuestións que se aborden. Será na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) mañá xoves 18 de xuño a partir das 20:00.
A Coruña: Francisco Pillado Mayor adapta a Mario Benedetti
Mañá venres 12 de xuño no Fórum Metropolitano da Coruña dentro do ciclo Espazo Aberto poderemos ver a representación da obra de Mario Benedetti Pedro e o capitán, en versión galega de Francisco Pillado Mayor. Organiza O’AR Teatro. A función comeza ás 20:30 e o prezo das entradas é de 5 € (usuarios de carné xove, maiores de 65 anos e desempregados/as, 3 €).
