A TVG promociona a lectura con microespazos dun minuto

A Televisión de Galicia emite dende onte e de luns a venres, despois do telexornal do mediodía, o espazo Palabra de autor, palabra de autora co obxectivo de fomentar o libro galego ao longo deste Ano da Lectura. A campaña difusora das nosas letras tamén se estende á Radio Galega, xa que cada mañá a emisora autonómica programará unha entrevista que, baixo o título Biblioteca aberta, achegará os gustos literarios de autores, ilustradores e editores. A Consellería de Cultura inviste 120.000 euros entre a promoción radiofónica e a televisiva. [Ler información completa en Xornal de Galicia]

A TVG estrea na TDT O clube da calceta

Mañá martes 29 de decembro a canle de TDT da TVG, a G2, estreará a película O Club da Calceta en emisión sen cortes publicitarios. Interpretado por María Vázquez, Sonia Castelo, Susana Dans, Katia Klein, Mela Casal, Camila Bossa, Monti Castiñeiras, Antonio Durán Morris, Gonzalo Cunill e Alfonso Agra, este telefilme é unha adaptación da novela homónima de María Reimóndez e está escrito e dirixido por Antón Dobao.

Contidos do programa Libro aberto

Esta semana visita o programa Libro aberto o escritor e guionista Emilio Alonso, que presentará Mercurio, a obra coa que gañou o Premio Novela por entregas de La Voz de Galicia.

O espazo da TVG analizará a evolución do humor gráfico en Galicia. Xaquín Marín e Xosé Lois González (O Carrabouxo) abordarán o tema comentando as súas últimas publicacións. Tamén falarán da nova proposta da editorial Galaxia: a colección infantil “Audiocontos”. Unha selección de obras infantís clásicas que se presentan como versións dramatizadas nun CD que contén música e narración oral.

Na sección de “Libros na Rede”, visitarán a páxina web de Biblos, a través da cal podemos, entre outras cousas, seguir a información relacionada co Premio Biblos Pazos de Galicia, descargar os diferentes números da publicación bimestral do club ou consultar un catálogo de títulos de recente aparición.

Todo isto hoxe 15 de decembro á noite despois da película na Televisión de Galicia. Tamén podemos ver o programa na G-2 (TDT) o mércores ás 20:00 horas.

Libro aberto, contidos do 8 de decembro

Esta semana visita o programa a escritora viguesa María de los Ángeles Alfaya Bernárdez, coñecida no mundo literario como An Alfaya. A autora preséntanos a súa terceira novela para adultos, Areaquente. Unha historia na que un fotógrafo, Cristovo do Val, se adentra nun espazo desértico e inhóspito. De Areaquente falaremos coa escritora no MARCO, o museo de arte contemporánea de Vigo.

Ademais, coñeceremos á familia máis popular de Galicia, Os Bolechas. Falaremos co seu creador, Pepe Carreiro que nos contará cáles son os segredos deste fenómeno editorial.

Conversaremos con César Antonio Molina sobre a súa última novela Lugares donde se calma el dolor, o cuarto volume das súas memorias.

Tamén faremos un repaso pola traxectoria da editorial Rinoceronte. A piques de cumprir os cinco anos esta editorial, especializouse en traducións ó galego de literatura estranxeira.

Na sección de Libros na Rede, visitaremos a páxina web do ilustrador David Rubín. A través da súa páxina coñeceremos os traballos do artista no mundo do cómic.

Todo isto o 8 de decembro á noite despois da película dos martes, na Televisión de Galicia. Tamén poden ver o programa na G-2 (TDT) o mércores ás 20:00 horas. Ademais poden achegarse ao noso programa a través da nosa páxina web.

A TVG elimina tres dos seus espazos culturais

«A dirección da TVG decidiu prescindir de tres dos seus programas culturais, Miraxes, Libro Aberto e Onda Curta ademais de reestruturar outros como Planeta Cine. En total son catro persoas as que perden o seu posto de traballo. A última emisión de Miraxes será o día 20 de decembro. Os tres redactores fixos do espazo, Xandra Tedín, Montse Montaos e Miguel Fernández xa recibiron a carta de despedimento. Miraxes, que presentaba as novidades dos eidos artísticos e culturais do país, contaba con sección de reportaxes, axenda de actualidade, cine e música e nos últimos tempos estaba obtendo un bos resultados de audiencia. […]» (Galicia-Hoxe)

O programa “Libro aberto” da TVG dedicouse ao libro en castelán

2 de outubro de 2009
libroaberto@crtvg.es

Saúdos,

Esta semana visita o programa o científico e escritor Germán Sierra para presentarnos a súa cuarta novela “Intente usar otras palabras”. O autor, encadrado na chamada Xeración Nocilla, relata nesta obra, da man do seu protagonista, moitas das obsesións da sociedade contemporánea.

E o pai do Proxecto Nocilla, o coruñés Agustín Fernández Mallo, preséntanos “Nocilla Lab”, a obra coa que pecha esta triloxía. Coméntanos tamén o documental, elaborado por el mesmo, no que podemos atopar moitas das claves do seu traballo creativo.

Trataremos tamén as técnicas do ilustrador Felipe Ugalde que foi o gañador co II Premio Compostela de Álbum Ilustrado ca súa obra “Un gran soño”. A este galardón, convocado polo concello de Santiago e a editorial Kalandraka, presentáronse máis de 280 proxectos procedentes de 22 países.

Na sección de “Libros na Rede”, abordaremos a web da Asociación Española Galega de Editores. Na páxina podemos atopar as novidades do mundo do libro así como información detallada sobre tódalas editoriais asociadas ou sobre os eventos que forman parte da axenda cultural galega.

E para rematar unha proposta pop de boas letras e mellores melodías: Señor Chinarro, coa que se presenta o cantautor sevillano Antonio Luque. O tema co que despedimos o programa, “Los Ángeles”, forma parte do seu disco “Ronroneando”.

Todo isto na G-2 (TDT) ás 20:00 horas.

Ademais poden achegarse ao noso programa a través da páxina web.

Redacción
Libro Aberto

Comunicado sobre a supresión do Servizo de Cultura da CRTVG

logosQueremos manifestar a nosa fonda preocupación pola decisión tomada pola nova directiva da CRTVG segundo a cal fica suprimido o Servizo de Cultura, creado en 2005. A inmediata suspensión do único programa da televisión pública galega centrado na divulgación e coñecemento da literatura do noso país énchenos de incerteza, así como a consecuente falta de visibilización dos escritores e escritoras en lingua galega e das novidades da produción editorial que poden ser atopadas nas librarías galegas.

Esta primeira toma de decisión con respecto ao programa sobre libros da TVG prodúcenos moita preocupación con respecto ao futuro da programación cultural da televisión e da radio públicas.

Lamentamos profundamente a celeridade e contundencia do actual goberno galego en executar as medidas máis involucionistas posíbeis a respecto do noso idioma, arroupadas pola hostilidade, o estatismo e a inacción promovidos por outras áreas, como é a de Educación, promotora da inmediata derrogación do decreto 124/07, a de Presidencia, coa modificación do artigo 35 da Lei da función pública que elimina a obriga de realizar en galego como mínimo unha proba nos procesos selectivos de acceso á Administración autonómica.

Lembramos a este respecto as obrigas contraídas pola CRTVG en aplicación do artigo 16 da Lei 9/1984 da CRTVG: “A programación debe de estar inspirada na promoción e difusión da cultura e lingua galega”.

17 de xuño de 2009

Adeus ao programa Libro aberto da TVG

Reproducimos polo seu interese a carta de despedida que acaba de enviarnos o responsábel do programa, Luís Rei Núñez:

Amigos do programa Libro aberto:

Nestes días estase completando o proceso de renovación do equipo directivo da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, e os novos responsables da Galega tomaron a decisión de suprimir o Servizo de Cultura, creado en outubro de 2005.

Está por ver a continuidade de programas que nestes anos foron consolidándose na grella, como Miraxes, Planeta cine, Alalá, Onda curta ou Ben falado!. De momento, o primeiro que desaparece é Libro aberto, cuxa última emisión será a da noite do 24 de xuño.

Dado que ese programa de Libro aberto xa está gravado e non hai nel ningunha despedida dos seus seguidores e amigos, xa que a decisión nos foi comunicada con posterioridade, quero aproveitar o medio polo que habitualmente nos comunicamos para despedirme e agradecervos a vosa atención e interese.

Se en anos anteriores a pausa era só durante o tempo de verán, sabendo que volveriamos en setembro, esta vez, lamentablemente, descoñecemos se será un adeus para sempre, perdendo esta canle pública o espazo que durante catro anos acudiu puntualmente á súa cita semanal cos amantes dos libros e da literatura.

Foron 127 emisións, con máis de duascentas entrevistas a autores galegos (como Fernández Paz, Manuel Rivas, Marina Mayoral ou Luz Pozo Garza), e de fóra (como Bernardo Atxaga, Ferreira Gullar, Eduardo Galeano ou Luis Sepúlveda); con presenza en feiras como as de Guadalajara (México) ou Bolonia; con monográficos como os de Brais Pinto, Xosé María Castroviejo ou Ramiro Fonte; e, por que non dicilo, con recoñecementos como o Premio Fernández del Riego dos editores galegos e cunha audiencia que (sempre que a emisión foi os mércores ás doce e media da noite) triplicou a dos programas similares doutras canles públicas.

Lonxe de calquera sectarismo, prestando atención ás novidades da nosa ampla oferta editorial, e achegándonos a clubes de lectores e librerías de toda Galicia, Libro aberto acolleu autores de todos os xéneros e xeracións, que tiveron no espazo unha ventá inmellorable para conseguir a necesaria visibilidade na sociedade para a que traballan.

Desde o convencemento de que pechar para sempre un espazo dedicado ós libros sería un gravísimo paso atrás, despídome de vós formulando o desexo de que en setembro, e como á volta dos tres veráns anteriores, a Televisión de Galicia volva deixar que a literatura atope un moi necesario espazo nas súas emisións.

Un saúdo afectuoso,

Luís Rei Núñez
Director de Libro aberto

Libro aberto, programa do 3 de xuño

Esta semana Libro Aberto entrevistará a Bernardo Atxaga, o escritor vasco de máis sona na actualidade. Falarán con el da súa novela máis recente, Sete casas en Francia, un texto que nos leva á África colonial de principios do século XX.

A primeira reportaxe do programa fará un repaso pola literatura vasca desde as xeracións da posguerra ata a actualidade. Despois abordarán a actividade dos contacontos, figuras que recuperan historias populares e que mesturan a oralidade con recursos propios do teatro. Trátase dun grupo heteroxéneo, o que contribúe a unha crecente mestura de xéneros. O vigués Cándido Pazó falará deste ámbito da narración oral.

O programa conversou tamén coa mexicana Elena Poniatowska na súa primeira visita a Galicia. A autora, recentemente galardoada como escritora galega universal, explicará a relación entre a súa vida e a súa literatura.

Na sección de crítica, Armando Requeixo fará un repaso dos autores que pese a pertencer ao ámbito das pequenas literaturas nacionais conseguiron triunfar internacionalmente. Despois Carlos Quiroga, experto en letras portuguesas, analizará a obra As tres vidas do autor Joao Tordo, un dos escritores de máis sona no romance portugués.

Pecha o programa todo un clásico do cómic: Tintín. Este reporteiro de papel, levado posteriormente á pequena pantalla, tivo tamén as súas sombras. As viñetas de Tintín no Congo levantaron gran polémica, acusada de ter contidos racistas e de facer apoloxía do colonialismo.

Libro aberto emítese hoxe mércores 3 de xuño á noite (00:45), na Televisión de Galicia. Tamén poden ver o programa na G-2 (TDT) o luns ás 23:30 horas, ou a través da páxina web.

Libro aberto, programa do 20 de maio

Libro Aberto recibe esta semana ao escritor Xosé Fernández Ferreiro, un dos membros fundadores do grupo Brais Pinto, que falará da súa última novela Tempo de Centeo. Unha das reportaxes semanais analizará a corrente artística do neorrealismo, movemento que naceu en Italia como resposta á necesidade de volver ao espírito da novela realista do XIX. Despois abordarán as etapas do proceso de edición con motivo da publicación de Do orixinal ao libro. Manual de edición, obra de Juan L. Blanco Valdés que analiza este proceso e fixa, por primeira vez en galego, os termos propios da edición técnica.

O escritor Francisco Fernández Naval falará do seu último libro, Para Seguir Bailando, un conxunto de dez relatos nos que aborda temas como o abandono do medio rural, a corrupción, a memoria ou o abuso exercido sobre a muller. Na sección de crítica, Xesús Fraga analizará a obra O corazón do negror do escritor Joseph Conrad, inspirada nos seis meses que o autor pasou no Congo colonizado de Lepoldo II de Bélxica. Pola súa parte, Isabel Soto analizará a obra ¿Quen matou a Inmaculada de Silva? de Marina Mayoral. Neste libro xuvenil aparece, como noutras obras da escritora mindoniense, o espazo imaxinario e simbólico de Brétema.

Pechará o programa unha referencia ao Projecto Miño, o último traballo dun dos músicos de jazz máis gabados pola crítica europea, o ferrolán Baldo Martínez. Cunha mestura de tradición e modernidade, o Proxecto Miño permítenos entender o jazz dende as súas orixes, onde predomina a fusión e a combinación de culturas.

Libro aberto emítese hoxe mércores 20 de maio á noite (00:45), na Televisión de Galicia. Tamén poden ver o programa na G-2 (TDT) o luns ás 23:30 horas, ou a través da páxina web.