Carlos López Bernárdez: Identidade e universalidade. Lecturas de pintura galega

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
Xosé Carlos López Bernárdez presenta o volume Identidade e universalidade. Lecturas de pintura galega, que publica Laiovento. Pode escoitarse a entrevista aquí.”

Kathleen March: “Rosalía ten outra imaxe hoxe”

Entrevista de Daniel Salgado a Kathleen March en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): A súa estancia en Galiza coincidiu co Día de Rosalía de Castro. Nota mudanzas no impacto social da figura da poeta?
– Kathleen March (KM): Non sei exactamente, porque non vexo a televisión. Mais a xente amiga paréceme que se vai agrupando, festexan, celebran, participan en actos. E non sei se había tantos antes. Desde a Fundación Rosalía de Castro, a AELG, e un pouco a Mesa pola Normalización. E o Caldo de Gloria, que non sei se é novo ou non. Penso que si. Logo a libraría Lila de Lilith [en Santiago de Compostela], A Sega [asociación de crítica literaria feminista] fixo tamén un evento íntimo e curioso. Penso que si, que o impacto medrou. Non só no senso de Rosalía, senón no vínculo coa literatura galega, a lingua galega e a literatura de mulleres. É cousa do xénero, da nación, da lingua. Digo que si porque son optimista e son estranxeira. Os galegos, as galegas poderían se cadra dicir outra cousa.
– SG: E a maneira en que se percibe transformouse?
– KM: A Rosalía choromiqueira quedou moi atrás. Penso que desde o congreso do ano 1986 [refírese ao Congreso Internacional de Estudos sobre Rosalía de Castro e o seu tempo] quedou atrás para case todo o mundo. Felizmente. Para os estranxeiros, para os de fóra, para os non coñecedores, non o sei. Mais os de aquí xa non falan diso. Rosalía xa é outra figura. Sei que existen moitas imaxes dela. Antes unicamente había as fotografías da casa museo de Padrón. Agora hai imaxes modernas, e nos congresos imos vendo máis traballos, xente que traballa arreo na súa figura. Como María Pilar García Negro ou Francisco Rodríguez e outra xente.
– SG: Nos últimos anos houbo algunha lectura ou investigación sobre a escritora que chamase a súa atención?
– KM: A maneira de Rodríguez e García Negro de falar de Rosalía como feminista e nacionalista sempre tivo impacto en min. Admito as teses deles. As ideas de Rosalía eran moi pro Galiza, pro lingua galega. Antes dicíase que escribía un galego con castrapo, pero Rosalía estaba a facer unha lingua, a construíla. Era lóxico que metese na lingua escrita as palabras que meteu. Non se lle pode esixir que sexa como unha persoa de hoxe. Eu non o sei porque non estou nun instituto, non falo con nenos nin con mestras, pero Rosalía ten outra imaxe hoxe.”

A Coruña: representación de Exilio

O martes 20 de marzo, ás 20:30 horas, no Centro Ágora da Coruña, o Grupo de Teatro da A. C. Alexandre Bóveda representará a obra de Castelao, Dieste e Seoane con adaptación e dirección de Lino Braxe.

“María Victoria Moreno. A muller que durmía pouco e soñaba moito”

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“As escritoras e académicas Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre presentan a biografía María Victoria Moreno. A muller que durmía pouco e soñaba moito. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Monterroso: III Feira do Disco e do Libro Galego

Estes son os actos máis destacados:
11:30 h. Arantza Portabales presenta e asina exemplares de Deixe a súa mensaxe despois do sinal, publicado por Galaxia.
13:15 h. No Escenario. Cata literaria con Manuel Garrido, autor de A Ribeira Sacra. Guía práctica, publicado por Xerais.
13:45 h. Na Carpa. Palestra de Xurxo Souto “Océano para terrícolas”, baseada nos seus libros Contos da Coruña e Contos do mar de Irlanda, publicados por Xerais.
17:50 h. No Escenario. Presentación do libro Pioneiras. Galegas que abriron camiño, de Anaír Rodríguez, publicado por Xerais.
19:15 h. No Escenario. Presentación do libro A contradición permanente, de Martiño Noriega e Daniel Salgado, publicado por Xerais.
21:45 h. No Escenario. O Instituto de Estudos Ulloáns presenta o segundo número da súa revista Cairón.