Identidade e afectos patrios, de Ramón Villares, Premio Mondoñedo 10 2019 de Ensaio

O mellor ensaio galego da década atópase entre 13 obras

Desde Sermos Galiza:
“Un total de 13 obras compiten por seren recoñecidas co Premio Mondoñedo 10 ao mellor ensaio da última década. Trátase dos seguintes libros: Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás (Xerais, 2012); Os santos titulares de parroquia en Galiza, de Xosé M. González Reboredo (Sotelo Blanco, 2012); Para que nos serve Galiza?, de Xaime Subiela (Galaxia, 2012); Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI, de Xurxo Ayán e Manuel Gago (2.0 Editora, 2012); Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), de Francisco Rodríguez Sánchez (AS-PG, 2013); Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza, de Antón Cortizas (Xerais, 2013); Galiza, um povo sentimental?, de Helena Miguélez-Carballeira (Através Editora, 2015); Historia de Galicia, de Ramón Villares (Galaxia, 2016); Enfermos pobres, médicos tristes: Historia crítica da medicina rural en terras esquecidas, de Roberto Fernández Álvarez (Urco, 2017); Identidade e afectos patrios, de Ramón Villares (Galaxia, 2017); Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863), de María Xesús Lama (Galaxia, 2017); Memorias dun loitador antifranquista. O testemuño do comunista David Álvarez Carballido, de Anahí Almasía, Mariela Sánchez e Antón Santamarina (Alvarellos, 2018) e As orixes da fotografía en Galicia. Estudios composteláns do s. XIX, de Carlos Iglesias Castelao (Alvarellos Editora-Consorcio de Santiago, 2018).
O xurado reunirase en Mondoñedo o domingo, 13 de outubro de 2019, ás 12 horas, e a entrega do premio terá lugar nun acto público que acollerá o Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo o domingo 20 de outubro. O premio consistirá nun diploma acreditativo e unha obra artística orixinal e única, creada para esta ocasión polo artista mindoniense, José Pedro Gómez.
Forman parte do xurado: Antonio Reigosa (presidente, sen voto), cronista oficial de Mondoñedo; un vogal designado polo Consello da Cultura Galega; outro pola Real Academia Galega; outro pola Asociación de Escritores/as en Lingua Galega; outro pola Asociación Galega de Editoras; outro polo Instituto Galego de Historia; outro pola Facultade de Humanidades de Lugo (USC) e outro polo Concello de Mondoñedo. Actuará como secretario (sen voto) Fran Bouso, designado pola asociación convocadora deste premio.”

Ramón Villares: “Prodúcese, por veces, unha combinación pouco virtuosa entre actores políticos e culturais”

Entrevista de Montse Dopico a Ramón Villares en Praza:
“(…) – Praza (P): Adoita definir vostede Galicia como nación-cultura. Por que di en Identidade e afectos patrios que as mesmas forzas históricas que bloquearon a conversión de Galicia en reino con institucións propias son as responsables da forte identidade cultural que chega ata hoxe? Por que esa contradición?
– Ramón Villares (RV): É unha contradición que, en realidade, non é tal. Galicia está construída, como nación cultural, sobre estratos moi distintos, moi antigos e outros máis modernos, que se van resignificando tamén co paso do tempo. Pero é evidente que hai unha tradición romana, por non dicir xa prerromana, que foi moi enriquecida sobre todo na época da Idade Media. Podemos pensar en Martiño de Dumio, Fructuoso, Egeria, Osorio…, en todo o esplendor cultural que houbo entre o fin da antigüidade e a Idade Media, que moitas veces pasa inadvertido. Pois todas esas figuras que teñen contacto co mediterráneo oriental, con Agustín de Hipona, que visitan os Santos Lugares, que realizan obras de referencia na historia da humanidade: por exemplo, Paulo Orosio e a súa ‘Historia contra os pagáns’, revelan que aquí había unha forza cultural moi importante, neste occidente da Romania.
E logo hai un segundo momento moi importante, no século XII, que eu diría que é o século de Xelmírez, onde se opta por algunhas vías estratexicamente decisivas. E non o invento eu: está en Vicetto dunha forma, en Murguía doutra forma, en Castelao, en Otero Pedrayo… está na tradición culta galega constantemente. Aí eu vexo un dos límites do camiño posible da Gallaecia cara un reino. Xa o dixo Murguía: só foi rei García, uns poucos anos. Co apoio do poder carolinxio, da Galia, Xelmírez converte Santiago nun foro extraordinariamente importante da época medieval. Pero aposta por unha vía cultural, fronte ao condado de Portucale, que apostou por unha vía máis política.
Neses dous factores está a explicación da contradición. A condición de Santiago como grande cidade nova, fin do camiño de Santiago, vinculada á Europa carolinxia, bloqueou a expansión cara ao sur, e contribuíu a escindir a Gallaecia, que xa estaba un pouco escindida de antes. Agora, ese peso cultural, esa alianza entre os mosteiros, os campesinos e logo os fidalgos, tamén foi o que creou esta cultura galega. Que non o a creou un Estado. Que a crearon institucións eclesiásticas, en grande medida…
– P: Identidade e afectos patrios é un libro sobre os relatos, as narrativas construídas polas elites cultas contemporáneas sobre a nación. Unha das cuestións que comenta é que, na actualidade, carecemos dunha reflexión sistemática sobre a identidade galega. E iso relaciónase, supoño, con polémicas como a xurdida arredor do discurso de Feijoo sobre A derradeira lección do mestre de Castelao.
– RV: Entre moitas outras cousas, si. Aí hai moitas cousas. Unha é que hai unha ausencia dun consenso básico sobre a lingua e a cultura galega, que debería ser compartido por todos, con independencia das opcións políticas. E despois que, desde o Beiras dos anos 60-70, tampouco hai unha reflexión global sobre o que é Galicia. A teoría do atraso de Beiras é algo que hoxe hai que revisar, pero ten esa importancia de ser unha reflexión global, unha aproximación ao conxunto de Galicia. Iso fáltanos hoxe. Pero é unha reflexión que non pode facerse só en termos académicos. Ten que ter algunha conexión coa política.
E a política hoxe está un pouco orfa de relato, de narrativa propia. Repite moitísimo, e ao propio tempo o mundo académico non se ocupa diso. Agora, sobre estes debates como o de A derradeira lección do mestre de Castelao…, en Cataluña hai debates por menos, e son unha nación política e non só unha nación cultural. Non creo que sexa ese o problema. Creo que o problema de Galicia é xustamente que non falamos do que hai que falar. Debatemos pouco. Porque para debater hai que recoñecer o contrario. Eu recoñezo o que di outro, non o dou por bo, e trato de argumentar por que non estou de acordo. E isto esixe unha operación intelectual moi seria que non sempre é posible. (…)”

Gondomar: faladoiro arredor de Identidade e afectos patrios, de Ramón Villares

O mércores 13 de xuño, ás 20:00 h., na Libraría Libraida de Gondomar (Rúa Rosalía de Castro, 13), terá lugar un faladoiro arredor de Identidade e afectos patrios de Ramón Villares, publicado en Galaxia. No coloquio participarán, a carón do autor, Emílio Xosé Ínsua e Carlos Méixome.

O historiador Ramón Villares publica Identidade e afectos patrios

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“‘Gran parte da Galicia contemporánea fíxose na emigración’. O historiador Ramón Villares publica en Galaxia Identidade e afectos patrios. A entrevista pode escoitarse aquí.”