Desde Xerais:
“O escritor Xosé Luís Méndez Ferrín foi galardoado co Premio Laxeiro 2018 que concede a Fundación Laxeiro como recoñecemento a toda unha vida dedicada á literatura e a unha traxectoria que alcanzou un nivel de calidade excepcional. A entrega terá lugar o sábado 24 de febreiro no transcurso dun xantar que conmemora a festa que realizaba anualmente o pintor Laxeiro para celebrar o seu aniversario a base de lacón con grelos. Os encargados de entregalle o galardón serán o presidente da Fundación Laxeiro e mais o alcalde de Vigo, engrosando o listado de personalidades que reciben este premio desde o ano 2004 como recoñecemento ao seu labor na potenciación e desenvolvemento da cultura galega. A convocatoria para asistir ao xantar de entrega é aberta e as persoas interesadas deben poñerse en contacto coa Fundación Laxeiro para facer a súa reserva para un acto calificado de entrañable que reúne cada ano a máis de cen persoas, pertencentes ao mundo da cultura, da empresa e da política galegas.
O xornal Faro de Vigo, do que X. L. Méndez Ferrín é colaborador, publicou unha entrevista co escritor galardoado.”
“Amores literarios”, por Armando Requeixo
Artigo de Armando Requeixo desde o seu blogue, Criticalia:
“(…) As relacións amorosas entre escritores teñen sido, dende sempre, abondo frecuentes. Talvez a explicación a este feito haxa que procurala na especial complicidade artística que entre estes creadores se produce, pois, á fin, viven un mesmo mundo, compartindo angueiras e ilusións literarias. (…)
Tamén na historia da literatura galega hai casos de famosas unións entre escritores. Paradigmática sería a de Manuel Murguía e Rosalía de Castro, que compartiron vida e escrita fundando a nosa literatura moderna. E, mais contra os nosos días, aí o está o amor entre Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, quen coasinaron diversos textos e viviron por xunto iniciativas literarias de todo xorne. Igual de memorable é a romántica paixón que alentou entre Luz Pozo Garza e Eduardo Moreiras, que mesmo foi novelada nalgunha ocasión, e, felizmente contempladas, tamén as unións actuais dos poetas e narradores Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes ou Xoán Babarro e Ana María Fernández, por amentar só algúns exemplos.”
Lugo: “15 lugares do mundo para acender os sentidos”, por Lois Diéguez
Ourense: presentación de Ofrenda lírica á nena Silvia Santiago Conde
A Coruña: presentación de Fernando Osorio do Campo. Unha vida sen treguas, de Carlos Biscaínho
Xabier P. DoCampo: “Describo o mundo exactamente como o coñecín”
Entrevista de Erik Dobaño a Xabier P. DoCampo en Sermos Galiza:
“Xabier P. DoCampo (Rábade, 1946) é un home de rostro amábel e sorriso sincero, un home doce que escrebe claro e cándido sobre experiencias terríbeis cunha precisión inquietante para expresar o horror e a miseria do mundo na que só sobreviven as nenas e os nenos. Eis un extracto da conversa, publicada no número 283 de Sermos Galiza.
– Sermos Galiza (SG): Os nenos sopórtano todo?
– Xabier P. DoCampo (XPD): Os nenos nunca son vítimas… Imos ver: son vítimas das guerras, da fame, da inxustiza… pero inmediatamente detrás ves uns nenos xogando. É o que di Lillian Gish na película, nesa cita. Os nenos poden con todo. Nos días que empeza a novela eu tiña un ano. Pero o mundo foi igual nos anos seguintes. Nos eramos nenos que xogábamos, e cando saiamos ao recreo puñámonos a xogar á billarda e esqueciámonos de todo canto sucedía ao redor e na nosa casa. Os nenos teñen esa defensa, se non sería terríbel. Está iso que os protexe.
– SG: E están tamén as películas.
– XPD: Para a miña xeración o cinema foi importantísimo. Era o único camiño para mirar un pouco máis alá onde chegaba fisicamente o noso ollar. Existía outro mundo… E falábanos de cousas das que nunca ouviramos. Probabelmente parezan moi simples, pero eran importantes. Viamos cousas que aquí non existían, que a censura trataba de ocultar pero que nos atopabamos. Nas películas que escollín para a novela vese o divorcio, a loita nas minas en Gales… e para moitos escritores da miña xeración o cinema foi tamén importante como elemento narrativo. Por que A nena do abrigo de astracán está contada así? Porque me pareceu que o cinema era o refuxio que tiña a nena para preservar a súa vida íntima.
– SG: O relato mantense dentro dos límites que estabelece “a regra da mirada”, o que os ollos son capaces de ver. Ten certa nostalxia da vida da infancia?
– XPD: Teño recordos do ar libre na chaira coas airas cheas de centeo ou de trigo. A novela está contada desde Ribadaínsua e non vai máis aló porque o mundo chegaba até onde chegaba a nosa mirada e o resto eran cousas que nos contaban. Se algo sucede fóra da vila, na novela ten que ser narrado por alguén. Naquel tempo, cando se falaba de calquera cousa, sempre había alguén que preguntaba: ‘E víchelo?’… porque se non, pode non ser certo. En Ribadaínsua hai quen ten a capacidade de controlar a mirada, e estabelecer que todo o que pasa é só o que se ve. E fóra diso non hai nada.”
O Burgo (Culleredo): inauguración da exposición Territorio acoutado, de Olga Patiño e Carlos Lorenzo
Ledicia Costas no Encontro Internacional De Verne a Vigo
A sexta feira 16 de febreiro, ás 12:00 horas, no Auditorio Municipal de Vigo, dentro das actividades do Encontro Internacional De Verne a Vigo, Ledicia Costas falará sobre A vida secreta de Verne en Vigo. (Desde Fervenzas Literarias).
A Coruña: presentación de Charamuscas, de Suso Lista
O venres 16 de febreiro, ás 19:00 horas, na FNAC da Coruña (Praza de Lugo, s/n), preséntase Charamuscas, de Suso Lista, publicado por Embora.