O mono do asasino, de Jakob Wegelius, Premi Llibreter ao mellor libro de literatura infantil e xuvenil doutras literaturas

O libro O mono do asasino, de Jakob Wegelius, publicado en galego e castelán polo selo editorial Sushi Books, pertencente a Rinoceronte Editora, vén de ser galardoada co Premi Llibreter ao mellor libro de literatura infantil e xuvenil doutras literaturas, outorgado polo Gremio de Libreiros de Cataluña.
Traducido ao castelán por Laura Osorio e ao galego por Moisés Barcia, O mono do asasino foi elixido polo xurado, que destacou a “difícil e magnífica creación” da personaxe protagonista, a gorila Sally Jones. (…)
O director da editorial, Moisés Barcia, asistiu o pasado 27 de xuño á entrega da XIX edición dos Premios Llibreter no auditorio do Campus da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona. Xunto ao editor galego, recolleron o premio os editores cataláns desta obra, Isabel Monsó e Enric Viladot. O autor, Jakob Wegelius, tivo que ausentarse por motivos profesionais, pero enviou un vídeo de agradecemento.
Ao acto asistiron máis de 350 libreiros, autores, distribuidores e autoridades, e nel entregáronse os premios aos mellores libros do ano pasado nas seguintes categorías: Mellor libro de literatura catalana, Mellor libro doutras literaturas, Mellor Álbum Ilustrado, Mellor libro de literatura infantil e xuvenil de literatura catalana e mellor libro de literatura infantil e xuvenil doutras literaturas.”

Crónica videográfica da Gala Premios Mestras e Mestres da Memoria 2018 (III)

A Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2018 tivo lugar o sábado 26 de maio, no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo (Rúa Alcalde Anxo López Pérez, 34). O acto, organizado pola AELG, co apoio das áreas de Cultura do Concello e da Deputación de Lugo, estará amenizado coa música de TOR, grupo composto por Xosé Liz, Álvaro Iglesias, Félix e Cástor Castro.

A Asemblea Xeral da AELG recoñeceu como Mestra e Mestre da Memoria 2018 respectivamente a Luz Fandiño e a Manuel Pazos, Pazos de Merexo.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

Laudatio de Antonio Reigosa a Manuel Pazos:

Entrega do Premio Mestre da Memoria a Manuel Pazos, con Marica Campo:

Palabras de agradecemento de María José Pazos en nome de seu pai, Manuel Pazos:

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 5 de xullo

A quinta feira 5 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:00 h. Anxo Fariña asina exemplares de Os Megatoxos e a batalla de Rande, entre outros libros, na caseta da Libraría Cartabón.
19:00 h. Fran Alonso asina Street Poems e outros libros na caseta de Secretaría.
19:00 h. Tokio asina Gol na caseta da Libraría Cartabón.
19:45 h. Presentación de Lapis na noite, de Ramón Nicolás, publicado por Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Fran Alonso e María Xosé Porteiro.
20:00 h. Marta Dacosta asina exemplares de Labirinto ou memoria, publicado por Caldeirón, na caseta da Libraría Cartabón.
20:30 h. Presentación de Alma e o mar, de Francisco X. Fernández Naval, publicada por Galaxia. Acompañarán ao autor Antonio García Teijeiro e Ismael Ramos.

Carballo: actividades destacadas do 5 de xullo na Praza dos Libros 2018

Chega unha nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal do 5 ao 8 de xullo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. Dentro dos actos previstos para o xoves 5, destacamos os seguintes:

18:30 h. Concerto infantil de presentación do novo libro-disco Coas miñas mans, de Pablo Díaz, publicado en Galaxia.
20:00 h. Presentación do proxecto de recuperación da memoria colectiva Carballo na memoria, de Xan Fraga Rodríguez, publicado por Phottic-Galaxia. O autor estará acompañado por Evencio Ferrero, Xosé Soutullo e Manuel Pan.
21:00 h. Presentación de Sen piedade, de Pedro Feijoo, publicado en Xerais.

Afonso Becerra móstranos o teatro posdramático

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O teatro non é un xénero literario; é unha arte colectiva e colaborativa, na que a palabra e o texto actúan en pé de igualdade cos demáis elementos compositivos da representación escénica. Estas son algunhas das ideas sobre o teatro posdramático que desenvolve no seu ensaio Confio-te o meu corpo o profesor da Escola Superior de Arte Dramática Afonso Becerra. A entrevista pode verse aquí.”

Compostela: presentación de O exército de fume, de Manuel Gago

O xoves, quinta feira, 5 de xullo, na Librería Cronopios de Compostela (Rúa Alfredo Brañas, 24), preséntase a novela O exército de fume, de Manuel Gago, publicada por Edicións Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Lourenzo Fernández Prieto e Manuel Bragado. A presentación tamén inclúe unha sesión de narración oral que se mergulla nas historias da guerra civil e da resistencia antifranquista, con María da Pontragha, Soledad Felloza e Celso Fernández Sanmartín.