Gonzalo Hermo, Antonio Salas, Universo Cantigas. II, Cabreiros, Abraham Cupeiro, Mar Caldas, Laura Iturralde, Beli Martínez, o proxecto de comunicación do Celta e José María Fonseca Moretón, Premios da Crítica de Galicia 2026

María López Sández asume a dirección da revista Grial

Desde Galaxia:
“María López Sández é a nova directora da revista Grial. O seu nomeamento fíxose público o xoves 5 de febreiro, coincidindo coa presentación do número 248 da publicación, celebrada na libraría Couceiro, en Santiago de Compostela.
No acto participaron, xunto coa nova directora de Grial, Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega; Llerena Perozo e Víctor F. Freixanes, coordinadores do Foro Comunicación e novas tecnoloxías; e Xosé M. Soutullo, director de Editorial Galaxia, que agradeceu a Monteagudo os anos de intensa relación con Grial, desde que en 1989 formou parte do Consello de redacción e, sobre todo, as etapas de codirector con Víctor F. Freixanes (2003-2019), e director (2020-2025). (…)”

Marga Tojo gaña a edición 2024 dos Premios SELIC coa novela negra Sarela

Desde Nós Diario (foto: Concello de Santiago de Compostela):
“Marga Tojo é a gañadora da oitava edición dos Premios SELIC de creación literaria pola súa obra Sarela, novela negra ambientada en Compostela na que se presentan cuestións e inquedanzas da sociedade presente ao tempo que relata feitos da historia local recente.
O xurado considera que a obra Sarela é merecedora da edición deste ano “por tratarse dunha obra ben estruturada, áxil, interesante e que, ademais, achega unha perspectiva da nosa cidade moi actual”. Nesta novela, indicou o xurado, “preséntanse cuestións e inquedanzas da sociedade presente, como a perspectiva de xénero, a de clase, a diversidade afectivo-sexual ou os conflitos laborais, ao tempo que relata feitos da historia local recente”.
Así mesmo, o xurado sinalou o acerto de situar unha novela negra en Compostela, “feito que contribuirá, sen dúbida, a anovar as temáticas relacionadas coa cidade, alén dos tópicos históricos ou turísticos”.
A gañadora do Premio SELIC recibirá unha recompensa económica de 6.000 euros e a súa obra será publicada na colección SELIC que edita o Concello de Santiago.
O xurado que seleccionou a obras gañadora desta edición dos Premios SELIC estivo integrado por Arancha Rodríguez Fernández, Daniel Asorey Vidal, Llerena Perozo Porteiro, Manuel Portas Fernández e Óscar Senra Gómez, asistidos polo técnico municipal de programación e xestión cultural, Xesús Amado Reino, en calidade de secretario, con voz e sen voto. (…)”

Ferrol: actos destacados do 26 de abril na Feira do Libro 2025

Llerena Perozo: “Hai moitas historias de mullerse rechamantes, pero poucas aínda das ninguén”

Entrevista de María Solar a Llerena Perozo Porteiro no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“María García é un nome común, o nome común dunha muller corrente, ou non tan corrente porque a vida está chea de historias extraordinarias de persoas normais. E esas son as historias que nos contrúen como sociedade.
Llerena Perozo Porteiro escribiu Os anos tranquilos desde as vivencias dunha muller que percorre un século de vida.
A entrevista pode verse aquí.”

Llerena Perozo Porteiro: “O fin primeiro cando me sentei a escribir era colocar na nosa historia de ficción e afectiva as historias das ninguén”

Entrevista de Ana G. Liste a Llerena Perozo Porteiro en Praza:
“(…) – Praza (P): Como se organizou para escribir esta novela?
– Llerena Perozo Porteiro (LP): Eu son a raíña das listas cando traballo nunha produción ou cando fago unha maleta, pero cando escribo sei onde empeza e onde acaba a historia e teño unha idea básica do que quero contar, mais realmente non sei o que vou escribir ata que comezo: voume documentando sobre a marcha e moitas veces atopo información que me inspira outras historias. Concretamente nesta novela o maior atranco que tiven foi que tiña pensado meter en atrancos gordos a esta muller e non me preguntes por que, en cada sarillo que a metía saía vitoriosa. Estiven como dous meses sen escribir, estaba enfadadísima con ela porque non conseguía avanzar. Non conseguía o conflito e desatasqueime nunha viaxe a Arxentina, que non tivo nada que ver co libro, pero volver estar alí inspiroume e á volta puiden seguir escribindo.
É como se a novela estivese escrita nunha parte do subconsciente da túa cabeza e ao escribir só estiveses ‘vomitando’ o que xa existe. Eu métome a escribir e ten que vir o meu compañeiro a dicirme que ese día non comín ou que xa é a unha da mañá, porque me meto aí e esquézome do exterior.
– P: E como logra compaxinar iso cos outros traballos que fai?
– LP: A razón pola que puiden empezar escribir agora, case no medio século, foi porque fixen un cambio de vida moi drástico con isto de virme a vivir ao campo. Cambiei todos os ritmos urbanos, traballo moito pero teño a enorme vantaxe de que podo decidir que fago, que non e cando. Vivo con moi pouquiño e estou moi contenta con esta vida, e teño un compañeiro que me fai un mecenado de tempo porque cando me poño a escribir el se ocupa de todo. Agora teño este privilexio tan grande, que é ter control sobre o meu tempo.
– P: Isto tamén o leva á ficción, pois a protagonista decide planificar o seu tempo unha vez que pode e escolle como pasar o último treito da súa vida.
– LP: Claro, é que normalmente estas vidas tan intensas esgotan. Eu tiven moita relación con persoas de idade polos meus avós e a xente que os rodeaba, e isto é algo que neles non vía tanto porque viñan doutro tempo, pero que agora estou vendo na xeración dos meus pais. Hai máis demanda de parar e, á vez, unha vez que o fan quedan como descolocados, non saben como xestionalo porque parar non significa estarse quieto: significaría dedicar o tempo a aquelas cousas que degoiraches. Sempre me pregunto se había que esperar ata os 65 anos (ou 67) para iso.
– P: Ademais do feminismo, dálle á protagonista unha gran conciencia de clase. Dise na novela que “as verdadeiras revolucións fanse no monte e na rúa, non nos bares nin nas bibliotecas”.
– LP: Esa frase dixéronma a min porque no personaxe de Irene, co que está a falar María [a protagonista], está a miña filla-non-filla pero tamén estou eu e todos aqueles movementos políticos dos anos noventa: a insubmisión, os primeiros feminismos estudantís, os comités de facultade, as okupas, os centros sociais autoxestionados e moita política de bar, de ska e de rock and roll. Visto co tempo, e aínda que no momento aquela frase sentárame fatal, que razón tiña quen mo dixo. O cantante cubano Fran Delgado ten unha canción sobre iso, La guerrillera frustrada, que a escribiu cando estivo na Compostela dos noventa.
De cando en vez convén situar o relato e narrar a historia desde a nosa perspectiva, non sempre desde a dos vencedores, pero tamén resituarnos. Agora, nesta sociedade do ‘benestar’, temos un perfil que nos fai perder moito a perspectiva e ser moito máis manipulables. Por iso tamén me apetecía que María reflexionase sobre todo iso, e aproveito para deixar constancia de que non estou de acordo con ela en todo o que fai e que hai momentos nos que incluso me resulta tremendamente antipática. (…)”

Foros Grial. Galicia 2050