Acta da reunión do xurado dos Premios da X edición do Certame Literario Terras do Chamoso

Noia: presentación de Noia e Muros. Paisaxes urbanas de séculos I. Dende as orixes ata o ao 1950, de Pedro García Vidal

Eli Ríos: “Sempre hai unha nai supermuller e superheroína que pode con todo”

Entrevista de R. Castro a Eli Ríos en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Gañaches o primeiro Torrente Ballester con modalidade só de galego…
– Eli Ríos (ER): Si, é fundamental e importantísimo o traballo que fixeron na Deputación da Coruña, porque non só dignifica o traballo das autoras, senón que dignifica o premio, que antes compartían tanto en castelán como en galego, e dignifica a todo un equipo enorme que hai por detrás, porque hai un comité elector e un xurado dunha calidade impresionante. E tamén toda unha serie de medios que están postos a prol do galego, sempre defendendo o que é a creación en galego. Teño que dicir que é unha auténtica honra poder estar neste premio e con este novo impulso que se lle deu.
– SG: E ademais é a túa primeira novela, logo de gañar varios poemarios e gañar unha manchea de premios. Como foi que te botaches á narrativa?
– ER: Pois por necesidade, estaba nun momento no que precisaba retos na vida e quería contar unha historia, non me chegaba un poema e precisaba a extensión da narrativa. Ademais, esta novela ten unha complexidade formal coa que quería experimentar e xogar. Eu sempre o digo, as primeiras que nos temos que divertir co que escribimos somos as autoras. Non é un texto comercial, ten unha voz que é o fluír da consciencia, que xa de por si é moi complicado. Imaxinemos Joyce, todo o mundo opina sobre o Ulysses, pero ninguén o leu, porque é moi complicado de seguir. Para min supuña un reto facer un fluír da consciencia. E a outra voz é un diálogo, non hai un narrador que nos mastigue as palabras ou as situacións. Esixe unha interacción e que a persoa que le traballe nese texto para poder comprendelo e seguir a historia.
– SG: E que máis nos podes contar de Luns? Sabemos que é un personaxe feminino diante dunha situación vital dramática e que está escrita con perspectiva de xénero…
– ER: A perspectiva de xénero non vén ser outra cousa que unha protagonista que conta a súa propia historia. Estamos afeitas na narrativa a que sexa un narrador -e normalmente masculina- que nos vaia dictando as pautas sobre o que debe sentir ou como se debe sentir ou debe reaccionar. Neste caso é ao revés. A acción márcaa directamente a protagonista a través do que sente e a través do que vai vivindo, que é quen leva a acción adiante. É unha nai dunha nena e dun neno que ten 37 anos e que ten unha vida montada. Nesa vida entra un elemento que a distorsiona, que é un diagnóstico de cancro, que fai que esa realidade cotiá teña outra mirada sobre as relacións sociais, as relacións amorosas, os coidados, que sempre recaen na muller. Iso é o que ofrece Luns. (…)”

Compostela: presentación de O alfaiate portugués, de Xavier Senín

O xoves 15 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6), en Santiago de Compostela, preséntase O alfaiate portugués, de Xavier Senín, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Xabier P. DoCampo e Víctor F. Freixanes.

Danse a coñecer as obras gañadoras do V Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro

Desde Crónica3:
“Miriam Ferradáns Ferradás, natural de Bueu (Pontevedra), álzase como gañadora da V edición do Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, Premio convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Área de Cultura de Deputación Provincial de Lugo. O traballo presentado pola gañadora que obterá un premio de 1500 €, placa e diploma, ten por título De tacto.
O segundo premio, dotado con 600 €, placa e diploma, recaeu na obra titulada Regreso a Ítaca, da que é autor, Modesto Carlos Fraga Moure, de Fisterra.
Xosé Antón Fortes Torres acadou o 3º premio, dotado con 300 €, placa e diploma, coa obra Ofelia sen dó. Xosé Antón Fortes é de Sarria.
A entrega do premio terá lugar o sábado 7 de xaneiro de 2017, segundo o seguinte programa:
– 12:00 horas. Recepción oficial na Casa do Concello.
– 12:15 horas. Ofrenda floral ante a tumba do poeta Leiras Pulpeiro.
– 12:45 horas. Entrega de Premios no Salón de Plenos do Concello.”

Gondomar: faladoiro con Antón Riveiro Coello arredor de A ferida do vento

A quinta feira 15 de decembro, ás 20:30 horas, na Libraría Libraida (Rúa Rosalía de Castro, 13), en Gondomar, terá lugar un faladoiro con Antón Riveiro Coello, organizado por Carlos Méixome, arredor de A ferida do vento, publicada en Galaxia.

Vigo: presentación de Non hai outro camiño, de Isaac Xubín

O xoves 15 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102), de Vigo, terá lugar a presentación do libro Non hai outro camiño, de Isaac Xubín, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Luís Méndez Ferrín e Manuel Bragado.