O Día de Rosalía 2014 celebrouse deste xeito no CEIP Filomena Dato, de Barbadás:
“Hoxe, 24 de febreiro de 2014, celebramos o Día de Rosalía. Durante a pasada semana cada curso traballou coa súa obra. Os máis cativos colorearon o seu retrato, os maiores escolleron versos da súa obra e déronlle vida cos seus debuxos. Todos os días escoitamos os seus versos cantados por distintos artistas.
Este é o resumo do voso traballo. Toda unha homenaxe á poeta!”
A Pobra do Caramiñal: presentación de Cadeas, de Xabier López
O venres 28 de febreiro, ás 20:30 horas, na Tenda-Escola O Deán (Rúa Rafael Calleja, 11-13) da Pobra do Caramiñal, nun acto convocado pola Asociación Cultural Barbantia, Edicións Xerais, La Voz de Galicia e a Libraría Ler da Pobra do Caramiñal, preséntanse o número 92 do suplemento cultural A Voz de Barbantia e Cadeas, de Xabier López. Intervirán Amparo Cerecedo, Agustín Agra e o propio autor.
Xavier Queipo: “A cultura a defenden os galegos os escritores somos só unha expresión dela”
Entrevista a Xavier Queipo en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): O feito de falar de vender, de comercializar, non é o acostumado dentro do mundo da literatura. Está claro que ese é o obxectivo final de todo escritor, pero parece que custa dicilo así abertamente, non?
– Xavier Queipo (XQ): Non debería. O obxectivo de calquera escritor é acadar o maior número de lectores posíbel (e quen diga o contrario minte), mais a literatura non deixa de ser un produto e, por tanto, réxese polas leis do mercado. A publicidade, o escándalo, a imaxe pública, a notoriedade dos autores (estou pensando neses comunicadores que publican libros, nos políticos a quen lles escriben as memorias, etc) son armas para vender. Ás veces úsanse e outras non. Xa ves que non me custa dicilo, isto é un negocio e para iso hai tipos listos que deseñan un público específico como obxectivo. Eu non son un tipo listo ou se cadra teño unha profesión que me permite polo de agora vivir sen dificultades e, por tanto, non preciso escribir un produto prefabricado e só escribo o que me peta, cunha grande liberdade creativa. Hai xente que lle gusta o que eu escribo e outra non me le porque as editoras concentran a súa publicidade noutros libros que eles consideran de maiores ventas potenciais. Iso é así, o mercado, a lei da oferta e da demanda, a concentración de capital, o mainstream, os produtos feitos para ser vendidos nos centros comerciais,…
– NG: Nestes momentos, dende hai xa tempo, vives en Bruxelas e non te dedicas a escribir como forma de gañala vida, non é posible neste momento vivir da escrita?
– XQ: Son médico e como tal exercín alternativamente entre 1982 e 1986, mais logo deixeino para seguir o camiño da miña outra profesión que é a de biólogo. Foi esta a que me trouxo a Bruxelas hai agora 25 anos. Eu escribo bastante. De feito logo de dúas ducias de libros publicados, teño case tanto material sen publicar do que publicado (o que fala tamén dunha escolla antes de por un texto diante dos lectores). Por circunstancias da vida non tiven fillos e a miña parella tamén é un creador. Iso facilitou as cousas, sobre todo a nivel de convivencia (vivir cun escritor é difícil). Ao ter un traballo ben remunerado, as presións son menores e daquela a liberdade aumenta de xeito exponencial. Non, coido que non sería unha boa idea dedicarme só á escrita. En galego non dá para vivir e tería que traballar de xornalista, o que non é algo que me atraia.
– NG: Como xurde a túa vocación? En que momento comezas a escribir e por que?
– XQ: Comecei a escribir por necesidade de expresar sentimentos. Estaba aínda no ensino primario, mais como era moi tímido, escribía o que non era quen de dicir (xa imaxinas, amores imposíbeis e outras preocupacións da mocidade). Gustábame ler e coa práctica e a lectura cotián fun avanzando até que en chegando os trinta anos pensei que estaba maduro bastante para publicar un libro, o que foi case unha casualidade, por mediación do tamén escritor Xelís de Toro e do editor Paco Macías, que me animaron a publicar Ártico e dos que fiquei por sempre agradecido. (…)”
Madrid cántalle a Rosalía
Desde Galego en Madrid:
“O 24 de febreiro de 1837 nacía en Santiago de Compostela Rosalía de Castro.
Onte -convidados por Manuel Pereira, Luz Pichel e Vicente Araguas, que atendían á convocatoria da AELG para homenaxar a Rosalía- percorremos as rúas madrileñas coa poesía da escritora galega.
Xuntámonos na rúa Ballesta, número 13, ao pé da casa onde Rosalía viviu entre 1856 e 1858, alí Manuel Pereira Valcárcel, escritor do Grupo Bilbao, leu o manifesto publicado pola AELG con motivo desta data.
E comeza o recital de poemas, desde os máis veteranos, como Sabino Torres
aos máis novos, as alumnas e alumnos de galego do Espazo das Linguas Ibéricas -Julia Badino Baamonde na foto- :
O mestre de cerimonias, Vicente Araguas, escritor e membro tamén do Grupo Bilbao, recitou versos de Rosalía e dirixiunos na Negra Sombra, o himno rosaliano en Madrid
Seguimos camiñando ata a igrexa de San Ildefonso, onde Rosalía casou con Manuel Murguía o 10 de outubro de 1958:
E velaquí algúns dos participantes na homenaxe diante da Igrexa de San Ildedonso en Madrid, unha noite fría pero chea de ilusión e esperanza, lembrando sempre a Rosalía:
A Coruña: recital poético Vento de inverno
Vigo: presentación de Janela Aberta, de José Alberte Corral
A sexta feira 28 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Cartabón (Rúa Urzaiz, 125) de Vigo, preséntase Janela Aberta, libro de relatos de José Alberte Corral, publicado por Através Editora. No acto estará presente o seu autor.
Santiago: tese de doutoramento de Armando Requeixo, sobre A poesía en galego de Xosé María Díaz Castro
O venres 28 de febreiro, ás 11:00 horas, no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago, Armando Requeixo defenderá a súa Tese de Doutoramento, baixo o título de A poesía en galego de Xosé María Díaz Castro: estudo e edición crítica. Estará acompañado polos directores Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, nun acto aberto a todo o público interesado.
O tribunal que xulgará a tese está formado por Xesús Alonso Montero, como presidente, Xosé María Dobarro Paz, Arcadio López-Casanova, Aurora López e Xosé Manuel Salgado, que actuará como secretario.
A Coruña: coloquio e recital poético con Baldomero Iglesias, “Mero”
Compostela: I Encontro Galaico-Mexica
Arteixo: presentación de Mar de paixón, de Héctor Pose e Luís Porto
O venres 28 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Á lus do candil (Rúa Historiador Vedía, 3) de Arteixo, preséntase Mar de paixón. O fútbol na Costa da Morte, de Héctor Pose e Luís Porto. No acto, os autores do libro estarán acompañados por Xulio López Valcárcel.