O venres 28 de marzo, ás 20:30 horas, na Sala Amalia Domínguez Búa (Rúa Eduardo Vicenti, 2), de Bueu, preséntase Sete Caveiras, de Elena Gallego, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola editora, o Concello de Bueu e a Libraría Miranda, participa, xunto á autora, Manuel Bragado.
Iruñea-Pamplona: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón
A sexta feira 28 de marzo, ás 19:30 horas, no Lar Galego de Iruñea-Pamplona (Rúa San Fermín, 4, baixo), preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais, nun acto onde estará presente o propio autor.
Cuestionario Proust: Baldo Ramos
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Baldo Ramos:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Ser paciente e non preguntar máis do debido.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A humildade e que sexan sinceras.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que non me traizoen máis do necesario.
4.– A súa principal eiva?
– Non saber confesarme como deus manda.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ver medrar os meus fillos
6.– O seu ideal de felicidade?
– Que sexan felices cando medren.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Morrer e non decatarme.
8.– Que lle gustaría ser?
– De maior? Uf, xa me pasou o tempo de poder escoller.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nunha Galicia que se entendera a si mesma.
10.– A súa cor favorita?
– O negro negro.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A rosa de cor azul.
12.– O paxaro que prefire?
– O que non se deixa ver con facilidade.
13.– A súa devoción na prosa?
– Imos rezar algo por Faulkner ou Onetti.
14.– E na poesía?
– Os poetas sen sotana.
15.– Un libro?
– De papel.
16.– Un heroe de ficción?
– O que non pretende ser críbel.
17.– Unha heroína?
– A que non cre demasiado en si mesma.
18.– A súa música favorita?
– A música barroca.
19.– Na pintura?
– O expresionismo abstracto norteamericano.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– A xente que fai ben a cambio de nada.
21.– O seu nome favorito?
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A falta de sinceridade.
23.– O que máis odia?
– A xente que non sabe escoitar.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hai tantos persoeiros da maldade, que resulta difícil escoller.
25.– Un feito militar que admire?
– O compromiso dos soldados que senten que traballan para unha ONG.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O de ser árbore.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Cos ollos ben abertos
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O do morcego que descubriu as contrapartidas da luz.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A ignorancia e a incredulidade.
30.– Un lema na súa vida?
– Vive e deixa vivir.”
Lugo: recital poético, coa presenza de Baldo Ramos
A Coruña: presentación de Contos no nicho
Ourense: presentación de Espelho de mim mesma, de Cruz Martínez, e do número 2 da revista Elipse
Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (XIX)
O Día de Rosalía 2014 celebrouse no IES Illa de Sarón, de Xove do seguinte xeito:
“O equipo de Normalización do IES Illa de Sarón de Xove (Lugo), xunto co Departamento de Plástica organizou un concurso de deseño de graffitis para celebrar o Día de Rosalía. Os mellores graffiteiros, de 2º de ESO e 2º de PCPI. A proposta decora os muros do pavillón do centro, un espazo ben visible para tod@s.”
Lugo: edición número 35 da revista oral O pazo das musas
O xoves 27 de marzo, ás 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, terá lugar a edición número 35 da revista oral de periodicidade trimestral O pazo das musas, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo), e coordinada por Antonio Reigosa, con entrada libre.
Este número estará dedicado a lembrar a figura do poeta e tradutor de Guitiriz Xosé María Díaz Castro (Guitiriz,1914-Lugo, 1990), con motivo de cumprírense 100 anos do seu nacemento o pasado mes de febreiro, e que este ano a Real Academia Galega decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas. Para achegarnos a unha figura tan senlleira da nosa cultura contamos coas intervencións do profesor Armando Requeixo, que nos falará da vida e da obra; Alfonso Blanco Torrado traeranos á memoria á súa amizade; X. Antón Cascudo, desde o mundo do audiovisual faranos partícipes dos segredos do seu documental O instante eterno, e varios alumnos e alumnas do IES “Díaz Castro” de Guitiriz recitarán os versos máis coñecidos do poeta.
A revista contará no apartado musical coa actuación de 2naFronteira, dúo composto por Carmen Pením e Maurizio Polsinelli. A súa intervención é moi oportuna pois coincide cos días previos á publicación do seu disco Zapatiños para Díaz Castro no que musican gran parte dos poemas de Nimbos, obra cume de Xosé Mª Díaz Castro. Un total de 15 cancións para voz, piano e harmonio, entre as que están temas que interpretarán nesta revista oral como Penélope, Noite do mundo, Coma unha espada, Ai capitán, …
SUMARIO DO NÚMERO 35
– Portada musical. Noite do mundo, (Zapatiños para Díaz Castro), por 2nafronteira (3′).
– A vida de Xosé María Díaz Castro: unha viaxe circular, por Armando Requeixo (10’).
– Música. Alalá do verme e a estrela (poema O verme e a estrela), (Zapatiños para Díaz Castro), por 2nafronteira (3′).
– O instante eterno e a xenealoxía emocional de Nimbos, por X. Antón Cascudo (10’).
– Proxección dun fragmento de O instante eterno (documental de Xosé Antón Cascudo) (5’).
– Música. Penélope, (Zapatiños para Díaz Castro), por 2nafronteira (3′).
– Andadura con Díaz Castro, por Alfonso Blanco Torrado (10’).
– Música. Remuíño, (Zapatiños para Díaz Castro), por 2nafronteira (3′).
– Óscar López Felpeto, Noa Pena Bodenlle e Noemi Romero, alumnos/as do IES “Díaz Castro” de Guitiriz recitan a Xosé Mª Díaz Castro (10’).
– Música. Ai, capitán, (Zapatiños para Díaz Castro), por 2nafronteira (3′).
– A escrita de Xosé María Díaz Castro: Nimbos e outras auras, por Armando Requeixo (10’).
– Música. Nana da terra (poema Terra sucada), (Zapatiños para Díaz Castro), por 2nafronteira (3′).
– Opinión. Intervención do público (5’).
– Epílogo, por Encarna Lago, xerente da Rede Museística (3’).
– Contraportada musical. Coma unha espada, (Zapatiños para Díaz Castro), por 2nafronteira (3′).
Pontevedra: presentación de Ámote Leo A. Destino Xalundes, de Rosa Aneiros
O xoves 27 de marzo, ás 19:30 horas, na Libraría Paz de Pontevedra (Rúa Peregrina, 29), preséntanse Ámote Leo A. Destino Xalundes e Ámote Leo A. Estación de tránsito, de Rosa Aneiros, publicadas en Xerais. No acto, xunto á autora, participa Fran Alonso.
Compostela: presentación de A alternativa está aquí, de María Reimóndez
O xoves 27 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase A alternativa está aquí, de María Reimóndez, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Encarna Otero e Manuel Bragado.